saltar ao contido

Pilar Rojo representará aos parlamentos rexionais europeos no foro anual de gobernos locais de Taiwán

 
• Compartirá foro cos presidentes da Conferencia Nacional de Lexislaturas Estatais de Estados Unidos, da Alianza de Conselleiros Locais Xaponeses e da Asociación de Gobernos Locais de Australia, e con profesores universitarios, lexisladores e representantes da Administración taiwanesa
 
• O presidente do foro considera que organizacións como a CALRE resultan “esenciais en todos os países democráticos  para o intercambio de información e para dar voz aos diferentes niveis de poder”
 
Santiago, 4 de xuño de 2014.- A presidenta do Parlamento de Galicia e da CALRE, Pilar Rojo Noguera, representará aos 74 parlamentos rexionais europeos na reunión anual do Foro comunitario de representantes de gobernos locais de Taiwán (TCF) que se celebra do 6 ao 9 de xuño en Taipei.
 
Pilar Rojo acude convidada polo presidente do Foro comunitario de autoridades locais de Taiwán e conselleiro da cidade de Taipei, Lin Ching-chang, que na invitación cursada ao Parlamento de Galicia subliña o “valor” de entidades como a CALRE, “esenciais en todos os países democráticos para  o intercambio de información e para dar voz aos diferentes niveis de poder”.
 
Interese na experiencia europea
 
Coa participación de Pilar Rojo, os organizadores do foro anual da TCF buscan coñecer o funcionamento da CALRE e aprender desta experiencia europea para “fortalecer a voz e a eficacia da gobernanza multinivel en Taiwán”.
 
O foro no que participará Pilar Rojo contará coa participación dos presidentes da Conferencia Nacional de Lexislaturas Estatais de Estados Unidos (NCSL); o presidente da Alianza de Conselleiros Locais Xaponeses; a presidenta da Asociación de Gobernos Locais de Australia (ALGA); o ministro do Interior de Taiwán, Chen Wei-zen; así como con profesores universitarios, lexisladores e representantes da Administración taiwanesa.
 
Pilar Rojo preside durante 2014 a Conferencia de Asembleas Lexislativas Rexionais de Europa (CALRE), unha organización que agrupa a 74 parlamentos rexionais con poder lexislativo pertencentes a 8 países europeos (Bélxica, Alemaña, Italia, Austria, Portugal, Reino Unido, Finlandia e España). As asembleas rexionais integradas na CALRE representan a arredor de 200 millóns de habitantes.

 

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina