• Na súa condición de presidenta da CALRE intervén telematicamente no cumio anual da Asemblea de Rexións de Europa, que agrupa a 230 rexións de 35 países e 15 organizacións interrexionais
• “Só desde a unión podemos defender mellor os nosos intereses comúns en Europa”, afirma Pilar Rojo
Santiago, 30 de abril de 2014.- A presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo, e presidenta da CALRE, Conferencia de Asembleas Lexislativas Rexionais Europeas, participou mediante unha intervención telemática no plenario da Asemblea de Rexións da Europa (ARE), celebrada en Wroclaw, Polonia, na que reivindicou o protagonismo das Cámaras lexislativas e a súa contribución á construción europea.
A ARE é a maior organización independente de rexións en Europa e agrupa a preto de 230 rexións pertencentes a 35 países e 15 organizacións interrexionais.
Na súa intervención, Pilar Rojo descúlpase por non poder atender, por razóns de axenda, a invitación para asistir á Asemblea Xeral da ARE, e agradece a oportunidade de dirixirse aos presentes a través das novas tecnoloxías.
Subsidiariedade
Refírese tamén Pilar Rojo á importancia dos asuntos abordados na reunión de Polonia, orientada a analizar o papel das rexións no futuro de Europa. Pilar Rojo sinala a especial transcendencia dos parlamentos rexionais, “porque todas as asembleas que forman parte da CALRE están sumamente implicadas no que significa o principio de subsidiariedade e o principio da gobernanza a multinivel”, considerando que son “ferramentas fundamentais para a defensa das nosas competencias rexionais no futuro de Europa”.
Así mesmo, Rojo Noguera lembrou os vínculos entre a CALRE e a ARE, oficialmente asociadas desde decembro do 2013, e o interese da Conferencia que preside en manter esa colaboración e incluso profundizar nela no futuro, xa que, desde o seu punto de vista, “só desde a unión podemos defender mellor os nosos intereses comúns en Europa”.