• Organizada polo Parlamento, coa colaboración da Xunta e a Real Academia Galega, rende homenaxe aos autores aos que se dedicou o Día das Letras Galegas desde hai 50 anos
• Rojo xustifica a exposición en Lugo por ser “patria de tantos e tan excelsos literatos, dez dos cales son honrados na mostra”
Santiago, 11 de abril de 2014.- A presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo, inaugurou esta tarde, no Museo Interactivo da Historia de Lugo a exposición “51 páxinas das letras galegas”, unha mostra organizada polo Parlamento de Galicia, coa colaboración da Xunta e a Real Academia Galega, para render homenaxe aos autores homenaxeados no Día das Letras Galegas, desde súa a instauración, no ano 1963.
A mostra chega a Lugo despois de estar aberta ao público na sede do Parlamento, e na Coruña, Ferrol, O Carballiño, Celanova e Ourense. Permanecerá en Lugo ata o 30 de abril.
“Todas as provincias e todas as localidades son merecedoras de recibir esta mostra e todas se senten honradas por contribuír a poñer en valor as figuras homenaxeadas no Día das Letras Galegas”, sinalou a presidenta do Parlamento de Galicia antes de xustificar o traslado da exposición a terras lucenses, “patria de tantos e tan excelsos literatos, dez dos cales son honrados nesta mostra”.
A presidenta da Cámara galega animou a todos os lucenses a visitar a exposición, e moi especialmente aos mestres e mestras, para que leven aos seus alumnos e alumnas a coñecer a mostra; e aos pais e nais, para que fagan o mesmo cos seus fillos e fillas.
Obras de Siro López e Ferreiro Badía
A exposición está integrada polas Medallas das Letras Galegas, pertencentes á colección de arte do Parlamento e que son obra do debuxante, pintor e caricaturista Siro López e do escultor Manuel Ferreiro Badía; reproducen a faciana dos homenaxeados no Día das Letras Galegas.
Trátase de modelos de medalla anepígrafos, elaborados por Ferreiro Badía cunha técnica depurada durante anos e orientada a atraer novas audiencias, como os nenos, xa que os relevos están baseados nas xeniais caricaturas realizadas por Siro López, aspecto que aporta frescura a cada peza.
Complétase a mostra con paneis que dan conta das biografías e as principais obras dos autores, textos elaborados por diferentes académicos da RAG na procura dun achegamento ao universo literario de Galicia.
A exposición incorpora, ademais, un vídeo –elaborado pola Xunta- sobre a historia da celebración do Día das Letras Galegas que inclúe o relato, en primeira persoa, de Don Francisco Fernández del Riego, impulsor do primeiro Día das Letras Galegas, en 1963, o que lle da un valor especial ao documental, en opinión de Pilar Rojo.
Colaboración exemplar
A presidenta do Parlamento agradeceu a colaboración que o Parlamento atopou na Real Academia Galega e na Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia para poder materializar este proxecto expositivo, que considerou un exemplo de colaboración. Tamén agradeceu a hospitalidade brindada polo Concello de Lugo.
Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.