• Como presidenta da Conferencia de Asembleas Lexislativas Rexionais Europeas, Rojo Noguera reivindica unha maior visibilidade destes órganos no escenario europeo
Madrid, 17 de marzo de 2014.- A titular do Parlamento de Galicia e actual presidenta da CALRE (Conferencia de Asembleas Lexislativas Rexionais Europeas), Pilar Rojo Noguera, presentou hoxe ao presidente do Senado, Pío García-Escudero, o programa de traballo desta organización para o ano 2014 e convidouno a participar como ponente na Asemblea Plenaria da entidade, ao tempo que analizaron posibles iniciativas conxuntas coa Cámara Alta.
No transcurso dunha reunión celebrada este mediodía na sede do Senado, Pilar Rojo explicou a Pío García-Escudero que o programa de traballo da Presidencia galega CALRE está orientado a incrementar a visibilidade da realidade rexional europea e reivindicar as fortalezas dos seus órganos lexislativos como instrumentos ao servizo da participación e o pluralismo democrático.
A Conferencia de Asembleas Lexislativas Rexionais Europeas, foi creada no ano 1997 e está integrada por 74 cámaras lexislativas rexionais que representan a máis de 200 millóns de cidadáns de oito países europeos diferentes (España, Portugal, Italia, Alemania, Bélxica, Austria, Reino Unido e Finlandia).
Reforzar a colaboración
Pilar Rojo, elixida presidenta da CALRE por unanimidade na Asemblea xeral desta organización celebrada en Bruxelas en outubro de 2013, busca un reforzamento da colaboración entre os parlamentos rexionais e as institucións europeas, especialmente co Comité das Rexións, a Comisión Europea e o Parlamento Europeo.
Rojo Noguera adiantou que a finais de marzo o Parlamento de Galicia acollerá unha “moi interesante” xornada sobre o futuro das rexións na Unión Europea , o programa da cal se fará público nos próximos días.
Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.