saltar ao contido

O Parlamento participa na edición dun libro sobre o Pergamiño Vindel e reitera a súa vontade de colaboración coa Academia Galega

 
• Pilar Rojo participou na presentación do volume sobre o As Sete Cantigas de Martín Códax e o Pergamiño Vindel, descuberto a comezos de 1914 e que permite coñecer a notación musical destes poemas
 
• O libro, coeditado por Real Academia, Parlamento e Xunta,  inclúe a tradución das  cantigas a oito linguas: castelán, catalán, éuscaro, galego, alemán, francés, inglés e italiano
 
Santiago, 5 de marzo de 2014.- A presidenta do lexislativo galego, Pilar Rojo Noguera, participou esta tarde na presentación do volume titulado Martin Codax, Bañarmos emos nas ondas! As sete cantigas / O Pergamiño Vindel, editado conxuntamente pola Real Academia Galega, o Parlamento de Galicia e a Xunta.
 
Durante o acto, celebrado na sede da Real Academia Galega, na Coruña, Pilar Rojo sinalou que “para o Parlamento, lugar da palabra, foi unha verdadeira regalía poder contribuír a facer realidade este fermoso libro”, publicado coincidindo co primeiro centenario do descubrimento do Pergamiño Vindel. “Parabéns a todos os que tiveron a idea da conmemoración”, agregou.
 
Considera Rojo Noguera que o volume presentado hoxe “contribúe a poñer en valor, dentro e fóra das fronteiras de Galicia, o noso patrimonio cultural”,  e adiantou que a Cámara galega  estará sempre aberta a participar noutras iniciativas deste tipo impulsadas pola Real Academia Galega.
 
Vontade de colaboración
 
Puxo como exemplo a exposición “51 páxinas das nosas letras”, organizada polo Parlamento de Galicia coa colaboración da Real Academia Galega e a Xunta de Galicia, que comezou xa o seu percorrido por Galicia (estes días está aberta ao público en Ferrol);  “facémolo tamén con este libro e seguirémolo facendo –afirmou dirixíndose ao presidente da Real Academia Galega- con calquera outro proxecto asumible que contribúa ao engrandecemento de Galicia”.
 
Recorda Pilar Rojo na introducción do libro que a comezos de 1914, o libreiro e anticuario Pedro Vindel daba a coñecer o descubrimento dun pergamiño que contiña as sete cantigas de amigo do xograr Martin Codax e que axiña sería bautizado como Pergamiño Vindel. 
 
Achado excepcional
 
E como explica o profesor Henrique Monteagudo no seu estudo introdutorio a este volume, a pesar de que o texto destas sete cantigas era coñecido desde unhas poucas décadas antes, grazas á previa descuberta dos Cancioneiros galego-portugueses, o achado de Vindel tiña un valor excepcional, xa que ese pergamiño era practicamente coetáneo do autor das cantigas e, sobre todo, o texto dos poemas (excepto o sexto) viña acompañado da correspondente  notación musical. Deste xeito, foi posible coñecer, por primeira vez, a música que acompañaba ás composicións trobadorescas galegas.
 
O libro, que recolle unha reprodución facsimilar do Pergameo Vindel  e está ilustrado con iluminuras do Cancioneiro da Ajuda, conta tamén con cadanseu texto do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, e do presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero; así como cun traballo do doutor Guiseppe Tavanni, estudoso da lírica trobadoresca. Outra das novidades do volume é un capítulo coa tradución das  cantigas a oito linguas: castelán, catalán, éuscaro, galego, alemán, francés, inglés e italiano.
 
Canda o libro, axúntase tamén un CD do grupo de música antiga Martín Códax con interpretacións das sete cantigas do Pergamiño Vindel.
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina