• Na súa condición de presidenta da CALE, a presidenta do Parlamento de Galicia participou en Bruxelas nunha reunión do Comité das Rexións
• CALRE e Comité das Rexións comparten “un obxectivo común: o fortalecemento da idea europea e a toma en consideración dos entes territoriais non estatais no procedemento de toma de decisións da Unión Europea”
Bruxelas, 20 de xaneiro de 2014.- A presidenta do Parlamento de Galicia, na súa condición de presidenta da Conferencia de Asembleas Lexislativas Rexionais Europeas (CALRE), Pilar Rojo, propuxo hoxe formalmente “fortalecer” a colaboración institucional entre as cámaras rexionais e o Comité das Rexións (CdR) para contribuír a “garantir o bo funcionamento lexislativo da UE”, unha “tarefa na que teremos que centrar os nosos esforzos comúns, máis nun ano clave como este, no que se celebrarán as eleccións ao Parlamento Europeo”.
Reunión co presidente do Comité das Rexións
Pilar Rojo participou en Bruxelas nunha reunión convocada polo presidente do Comité das Rexións, Ramón Luis Valcárcel, co que tamén mantivo unha xuntanza previa na que abordaron cuestións encamiñadas a mellorar a colaboración entre o CdR e a CALRE.
Rojo e Valcárcel acordaron que as dúas reunións do comité permanente da CALRE que se deben celebrar durante o ano en Bruxelas de acordo cos estatutos desta organización teñan lugar na sede do Comité das Rexións, que tamén facilitará apoio loxístico para a celebración das xuntanzas.
Na súa intervención ante os asistentes a esta reunión do CdR, Rojo Noguera recordou que a recente reforma do Regulamento da CALRE busca precisamente un maior acercamento ao Comité das Rexións, dado que aínda que as rexións son as destinatarias de boa parte do dereito comunitario, a súa participación no proceso decisorio da UE ten sido moi escasa ata o de agora.
Principio de subsidiariedade
Esta dinámica comezou a mudar co Tratado de Lisboa, que outorga un maior protagonismo ás autoridades locais e rexionais no procedemento lexislativo europeo. Numerosos parlamentos rexionais, entre eles o galego, téñense incorporado ao mecanismo de seguimento do principio de subsidiariedade creado polo Comité das Rexións. Este feito constitúe, en opinión de Pilar Rojo, “unha proba máis dos puntos de encontro entre o traballo diario do Comité das Rexións e da CALRE”.
Obxectivo común
Rojo Noguera considerou que aínda que a CALRE e o Comité das Rexións son organizacións diferenciadas, as dúas posúen “un obxectivo común: o fortalecemento da idea europea e a toma en consideración dos entes territoriais non estatais no procedemento de toma de decisións da Unión Europea. Ambas ideas favorecen, sen dúbida, unha mellor participación dos cidadáns e polo tanto axudan a mellorar a calidade democrática do proxecto europeo”.
Colaboración positiva
En opinión da presidenta do Parlamento de Galicia, a
colaboración entre a CALRE e o Comité das Rexións pode resultar positiva para as dúas institucións, xa que este achegamento “reforzará o papel central que o Comité das Rexións ten atribuído polo Tratado de Lisboa en relación coa presenza das autoridades rexionais e locais dos estados membros da Unión e aproximará aínda máis o sentimento europeísta ás cámaras lexislativas rexionais que son as máis cercanas aos cidadáns europeos e, polo tanto, as que mellor poden representar as súas necesidades específicas”.
Pilar Rojo tamén felicitou ao Comité das Rexións polos seus 20 anos de “dedicación ao proxecto europeo”.
Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.