saltar ao contido

Preto de 300 alumnos de Dereito recibiron formación práctica no Parlamento de Galicia durante os últimos dez anos

• Desde o ano 2004 está en vigor un convenio que permite a realización do Practicum no Parlamento de Galicia
 
Santiago, 10 de xaneiro de 2014.- Un total de 282 alumnos da Facultade de Dereito da Universidade de Santiago de Compostela teñan recibido formación práctica no Parlamento de Galicia durante os últimos dez anos no marco dun convenio de colaboración, asinado no ano 2004 e en virtude do cal a Cámara acolle desde entón a diferentes grupos de alumnos que realizan o Practicum nesta  institución.
 
Cada un dos grupos de alumnos que participan nesta estadía reciben formación práctica impartida por persoal das diferentes unidades do Parlamento de Galicia: Oficialía Maior – Servizos Xurídicos, Xestión Parlamentaria, Intervención Xeral e Asuntos Económicos, Recursos Humanos e Réxime Interior, e Tecnoloxías da Información. Tamén realizan unha visita guiada ás diferentes instalacións da sede lexislativa.
 
Esta semana incorporouse o grupo de alumnos que realizarán o Practicum no Parlamento durante o mes de xaneiro.
 
A maiores desta experiencia formativa, a actual presidenta da Cámara, Pilar Rojo, asinou, en maio de 2010, un protocolo de colaboración coas tres universidades galegas para, entre outros obxectivos, ofrecer  bolsas de formación práctica a universitarios titulados recentemente.
 
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina