• O material resultante publicarase na web e será de aceso gratuíto
• Permitirá acceder a toda a normativa autonómica, desde o comezo da Autonomía ata a actualidade
Santiago, 27 de decembro de 2013.- O Parlamento de Galicia colaborará coa Xunta de Galicia e coa Universidade de Santiago de Compostela na elaboración dun Código de dereito galego consolidado e en liña, que se publicará en Internet e será de acceso gratuíto para todos os interesados.
O compromiso está recollido nun convenio de colaboración asinado recentemente entre o Parlamento de Galicia, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a Universidade de Santiago de Compostela e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia.
No marco desta iniciativa de colaboración, o Parlamento de Galicia comprométese a colaborar na elaboración do Código de dereito galego proporcionando a infraestrutura e os recursos que podan ser precisos, facilitando o acceso aos seus fondos e arquivos documentais en materia lexislativa e poñendo a disposición do proxecto os seus servizos xurídicos e lingüísticos.
Toda a normativa autonómica
O Código de dereito galego abranguerá toda a normativa autonómica, desde o comezo da Autonomía ata a actualidade. Incluiranse todas as leis e decretos así como outras normas de rango inferior que conteñan información relevante.
Este Código integrarase nun portal xurídico, tamén en elaboración, que conterá outra información de interese para o traballo diario dos profesionais do dereito, con enlaces a outras bases de datos e boletíns oficiais e con novas sobre a actividade lexislativa autonómica e estatal.
Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.