saltar ao contido

O Parlamento abre ao público unha mostra itinerante orientada a divulgar “as figuras máis importantes da literatura galega”

• A mostra “51 páxinas das nosas letras”, organizada polo Parlamento de Galicia, coa colaboración da Xunta e da Real Academia Galega, xorde para contribuír a divulgar as figuras dos escritores e escritores homenaxeados no Día das Letras Galegas
 
• Pilar Rojo considera que a colaboración entre as tres institucións constitúe un “exemplo a seguir”

Santiago, 2 de decembro de 2013.- A mostra “51 páxinas das nosas letras” foi inaugurada esta tarde no Parlamento de Galicia” nun acto que contou coas intervencións do presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero; a presidenta do Parlamento, Pilar Rojo Noguera; e o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.
 
Trátase dunha exposición organizada polo Parlamento de Galicia, coa colaboración da Xunta e a RAG, cun formato versátil e vocación itinerante para, en palabras de Pilar Rojo, tratar de “chegar ao maior número posible de galegos e galegas e a distintos lugares da nosa xeografía, dándolles a posibilidade de coñecer un pouco máis as figuras máis importantes da literatura galega”.
 
Exemplo de colaboración
 
A colaboración entre as tres institucións que fan posible esta iniciativa constitúe, en opinión da presidenta do Parlamento, “un exemplo a seguir”; “exemplo de entendemento, de concordia na procura dun obxectivo común, que non é outro máis que o engrandecemento das nosas letras e de Galicia no seu conxunto”.
 
A mostra está integrada por un conxunto de paneis con textos –elaborados por académicos da RAG- que glosan a traxectoria e obra dos escritores e escritoras homenaxeados no Día das Letras Galegas, desde a súa primeira celebración
no ano 1963.
 
A mostra inclúe ademais cadanseu altorrelevo coa facianas dos homenaxeados ao longo deste medio século. Estas medallas pertencen á colección artística do Parlamento de Galicia e son obra do debuxante e caricaturista Siro López e do escultor Manuel Ferreiro Badía. 
 
Os visitantes poderán visionar tamén un vídeo divulgativo sobre a historia do Día das Letras Galegas que inclúe, entre outros materiais, un relato, en primeira de persoa, do principal impulsor desta celebración, Don Francisco
Fernández del Riego.
 
Vocación de apertura do Parlamento
 
No acto inaugural, Pilar Rojo sinalou que esta mostra se enmarca na “vocación de apertura” do Parlamento ao  conxunto da sociedade e subliñou que foi deseñada buscando “achegar aos máis novos o universo literario de Galicia”.
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación do  Parlamento de Galicia.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina