• As primeiras charlas-coloquio deste curso celebraranse mañá na Coruña e na Ponte do Porto (Camariñas)
• A día de hoxe, 45 centros solicitaron xa a celebración de actividades divulgativas coa participación de exdeputados/as das diferentes forzas políticas; a cifra xa duplica as 23 celebradas durante todo o curso pasado
Santiago, 18 de novembro de 2013.- O Parlamento de Galicia, coa colaboración da Asociación de Exdeputados/as da Cámara, inicia mañá martes, 19 de novembro, un novo ciclo de charlas-coloquio en centros de ensino secundario para dar a coñecer a primeira institución da Comunidade entre o alumnado galego e divulgar os valores democráticos.
As dúas primeiras charlas do curso 2013-2014 terán lugar este martes no Colexio das Esclavas da Coruña e no IES Pedra da Aguia, situado en A Ponte do Porto (Camariñas).
A día de hoxe, a Cámara galega recibiu xa 45 solicitudes de outros tantos centros que imparten ESO e bacharelato na Comunidade Autónoma e que amosaron interese en acoller, durante o curso actual, unha charla-coloquio sobre o funcionamento do Parlamento de Galicia.
Estas charlas-coloquio, nas que participan exdeputados/as das diferentes forzas políticas, xurdiron na pasada lexislatura, ao conmemorarse o 30 aniversario da constitución co Parlamento de Galicia, co obxectivo de dar a coñecer a institución entre o estudantado galego. O éxito acadado pola iniciativa levou á presidenta da Cámara, Pilar Rojo, e á Asociación de Exdeputados/as a repetir a súa organización nos sucesivos cursos escolares.
Para estudantes de ESO e bacharelato
As charlas están dirixidas a estudantes de ESO e bacharelato da Comunidade Autónoma. Xeralmente, a actividade comeza co visionado dun vídeo sobre o Parlamento de Galicia, que da paso a cadansúa intervención dos exdeputados/as participantes, seguida dun coloquio coa participación dos alumnos que asisten á actividade.
Máis de 3.000 alumnos no pasado curso
No pasado curso escolar, o 2012-2013, o programa de charlas-coloquio chegou a un total de 23 centros de ensino e a máis de 3.000 alumnos de ESO e Bacharelato, cifra que o Parlamento de Galicia agarda se vexa incrementada na presente edición.
Os centros interesados en acoller unha actividade deste tipo poden solicitalo en calquera momento ao Parlamento de Galicia.
A celebración das charlas para estudantes de ESO e Bacharelato enmárcase na estratexia de divulgación do Parlamento de Galicia, que inclúe tamén un programa de visitas guiadas á institución, a edición dun libro sobre o Parlamento orientado especificamente ao estudantado galego, ou un concurso escolar, entre outras iniciativas.
Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia