saltar ao contido

Pilar Rojo fai un balanzo satisfactorio do primeiro período de sesións deste ano, no que o Parlamento acadou “velocidade de cruceiro”

No período comprendido entre febreiro e xuño, a Cámara galega celebrou un total de 170 reunións de traballo dos diferentes órganos que a integran
 
 
 
• Avanza a sua intención de introducir melloras en materia tecnoloxías da información e unha iniciativa para dar a coñecer o Parlamento na escola
 
• Recorda que, máis aló dos períodos ordinarios de sesións establecidos na normativa actual, o Parlamento segue traballando e avanza a previsión de convocar a Deputación Permanente para a próxima semana, con independencia de que se poda celebrar tamén un Pleno extraordinario
 
• Detecta vontade de acordo entre os grupos con representación parlamentaria, como evidencia o feito de que o número de iniciativas de impulso aprobadas supere o de rexeitadas
 
Santiago, 9 de xullo de 2010.- No primeiro periodo de sesións deste ano, o Parlamento de Galicia celebrou un total de 170 reunións de traballo dos diferentes órganos que integran a Cámara, segundo o balanzo presentado hoxe pola presidenta da Cámara, Pilar Rojo Noguera.
 
Trátase, a xuízo de Rojo Noguera, dun balanzo satisfactorio que revela que a Cámara, “un centro de debate político importante” funciona a pleno rendemento e acadou “velocidade de cruceiro”, unha vez  transcorrido xa algo máis dun ano desta VIII Lexislatura.
 
Así, no período ordinario de sesións comprendido entre xaneiro e xullo de 2010, celebráronse 27 reunións da Mesa do Parlamento (que se continúa reunido todas as semanas de xullo), 11 da Xunta de Portavoces, 5 de presidentes de comisión e 11 plenos da Cámara, aos que se suman 116 sesións das diferentes comisións parlamentarias.
 
Vontade de acordo
 
A presidenta do lexislativo galego detecta e valora a vontade de acordo dos grupos que integran a Cámara, e que se pon de manifesto no feito de que o número de medidas de impulso da acción de Goberno aprobadas na Cámara supere ao das rexeitadas. Así, mentres que nos Plenos se rexeitaron 30 proposicións non de lei, resultaron aprobadas un total de 33 (25 delas con modificacións e 8 sen modificacións). Nas distintas Comisións parlamentarias resultaron aprobadas 86 proposicións non de lei (50 con modificacións e 36 sen modificacións), mentres que resultaron rexeitadas 72.
Sobre o contido das iniciativas tramitadas, a presidenta do Parlamento considera que, neste primeiro período de sesións, os debates da Cámara estiveron “a pé de rúa”, cun especial protagonismo para as iniciativas de carácter económico e social, xusto os asuntos que máis preocupan aos galegos neste momento.
 
Rojo Noguera agradeceu tamén a receptividade dos portavoces dos grupos parlamentarios e dos membros da Mesa do Parlamento para continuar aplicando o plan de austeridade implantado a comezos da lexislatura e que tivo o seu último chanzo co recente acordo para recurtar os salarios dos deputados (10% deputados, 12% portavoces dos grupos parlamentarios e membros da mesa da Cámara e 15% a presidenta). “É necesario que a primeira institución de Galicia dea exemplo”, afirmou.
 
Paralelamente, a titular do Lexislativo galego recordou o éxito acadado pola Xornada de Portas Abertas que o Parlamento galego celebrou por vez primeira na súa historia o pasado mes de maio e confirmou a súa intención de continuar organizando actividades deste tipo no que resta de Lexislatura.
Nesta liña, Rojo Noguera avanzou tamén que a Cámara está a ultimar unha iniciativa encamiñada a dar a coñecer o Parlamento entre a comunidade escolar de Galicia, e que empezará a desenvolverse a partir do vindeiro mes de setembro. 
 
Outra das liñas de traballo do Parlamento para os vindeiros meses consistirá en mellorar a utilización das tecnoloxías da información e a comunicación na Cámara, coa implantación dun Plan Director que se está ultimando, orientado a acadar un “Parlamento virtual”, e coa incorporación de novos contidos e unha imaxe renovada na web da institución.
 
Dentro da aposta por articular vías de cooperación con outras institucións, Pilar Rojo avanzou tamén que xa está últimado o desenvolvemento concreto do protocolo xeral de colaboración asinado entre a Cámara e as universidades galegas.
 
Parlamento operativo
 
Con todo, Rojo Noguera recorda que, máis aló dos períodos ordinarios de sesións establecidos na normativa actual, o Parlamento de Galicia segue traballando e avanza a previsión de convocar a Deputación Permanente para a próxima semana, o mércores 14 de xullo, con independencia de que se poda convocar un pleno extraordinario neste mesmo mes.
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina