saltar ao contido

As actividades divulgativas organizadas polo Parlamento de Galicia e a Asociación de Exparlamentarios chegaron a 23 centros e máis de 3.000 alumnos no que vai de 2013

• O presidente da Asociación de Exparlamentarios e Exparlamentarias do Parlamento de Galicia fixo balance esta mañá das actividades desenvolvidas e anima aos centros a programar novas actividades deste tipo para o próximo curso
 
• Pilar Rojo amosa a súa intención de manter e impulsar as charlas para escolares no curso 2013-2014
 
Santiago, 19 de xuño de 2013.- O ciclo de charlas divulgativas organizadas polo Parlamento de Galicia e a Asociación de Exdeputados e Exdeputadas da Cámara chegou, no que vai de 2013, a un total de 23 centros de ensino e a máis de 3.000 alumnos de ESO e Bacharelato.
 
O dato foi facilitado hoxe polo presidente da Asociación, Jesús María Fernández Rosende, nunha rolda de prensa na que estivo acompañado polos vicepresidentes José Luis Rodríguez Pardo e Alberte Xullo Rodríguez Feixóo; e o vogal Xesús Manuel Veiga Buxán.
 
Fernández Rosende animou aos centros escolares a programar novas charlas deste tipo para o vindeiro curso académico.
 
Manter a colaboración
Previamente, os directivos da asociación mantiveron unha reunión coa presidenta do Parlamento, Pilar Rojo, que lles reiterou o seu desexo de manter para o curso 2013-2014 a colaboración para seguir organizando actividades divulgativas para escolares sobre a Cámara galega.

Estas charlas-coloquio xurdiron na pasada lexislatura, coincidindo coa celebración do 30 aniversario da constitución do Parlamento de Galicia para dar a coñecer a institución entre o estudantado galego.
 
Vídeo, charla e coloquio
Cada unha destas charlas comeza sempre coa proxección dun vídeo sobre o Parlamento de Galicia, logo do cal os Exdeputados participantes teñen cadansúa intervención individual, que é seguida dun coloquio con preguntas e opinións dos participantes.
 
A celebración das charlas para estudantes de ESO e Bacharelato enmárcase na estratexia de divulgación do Parlamento de Galicia, que inclúe tamén un programa de visitas guiadas á institución e a edición dun libro sobre o Parlamento orientado especificamente ao estudantado galego.

Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina