• Miguel Santalices, vicepresidente da Cámara, chama a atención sobre os riscos da dependencia dos máis novos a Internet e advirte que “sen exercicio físico, sen xogar ao aire libre, a vosa saúde física e mental corre o risco de resentirse”
• O acto contou coa asistencia dun centenar de nenos escolarizados en diversos centros de Galicia
Santiago, 7 de xuño de 2013.- O Parlamento de Galicia acolleu hoxe un pleno infantil protagonizado por un centenar de nenos escolarizados en diferentes centros da Comunidade, no marco do programa “Deputados por un día”, organizado por Aldeas Infantiles SOS dentro dunha iniciativa encamiñada a implicar aos máis novos na toma de decisións e na construción dunha sociedade sen desigualdades.
Miguel Santalices, vicepresidente primeiro do Parlamento de Galicia, presidiu o acto, no que felicitou aos organizadores deste programa pedagóxico. Ademais de varios representantes de Aldeas Infantiles SOS e profesorado dos centros participantes, tamén asistiron ao acto a vicepresidenta segunda e o secretario da Mesa do Parlamento, Marisol Soneira e José Manuel Balseiro, respectivamente; os deputados Alberto Pazos (PPdeG) e Carme Adán (BNG); e a directora xeral de Familia e Inclusión Social, Amparo González.
Na súa intervención, Santalices amosouse sorprendido polas conclusións que se desprenden do Observatorio da adolescencia, impulsado por Aldeas Infantiles SOS, tomando como base a enquisa que efectúan entre o profesorado de secundaria que participa neste programa.
Dependencia de Internet
Segundo sinala o estudo, “os datos do curso pasado permitíronnos descubrir que os xóvenes mostran pouca paciencia no seu día a día e están máis irritables ou inquedos cando lles falta o móbil ou non poden conectarse a Internet”.
“Preocúpame esa obsesión por estar permanentemente conectados”, confesou Santalices, para engadir que “ese exceso de dependencia pode restar tempo a outras actividades imprescindibles para o voso crecemento físico e intelectual”.
“Como médico sei, como o saben os vosos pais e os vosos profesores, que sen exercicio físico, sen xogar ao aire libre, a vosa saúde física e mental corre o risco de resentirse”.
Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.