• O aforro produciuse nun escenario de contención presupostaria, no que o Parlamento pasou de dispoñer 19.557.200€ en 2009 a 17.421.406€ en 2012, cunha caída de 2,1M€
• Os axustes afectaron a todos os capítulos, agás o de tecnoloxías da información
• Pilar Rojo reitera o compromiso de manter unha política de control do gasto na actual lexislatura
Santiago, 2 de xuño de 2013.- As sucesivas medidas de axuste do gasto aplicadas polo Parlamento durante a VIII Lexislatura (2009-2012) permitiron aforrar un total de 6.817.069,48 euros durante ese período, a pesar de que o orzamento da institución se foi reducindo ano tras ano.
O aforro de preto de 7 millóns de euros é consecuencia das diferentes medidas de redución de gasto aplicadas na Cámara autonómica e que deron comezo xa en 2009 cun primeiro plan de austeridade do que se derivou un aforro de arredor de 1,7 millóns de euros.
A política de racionalización do gasto implantada por Pilar Rojo desde a súa chegada á Presidencia do poder lexislativo galego traduciuse na implantación de medidas de axuste en practicamente todos os ámbitos, agás no de tecnoloxías da información, onde se puxo en marcha un plan director para superar a obsolescencia que presentaban a maior parte dos equipos.
Intensificouse o control sobre todos os gastos de funcionamento, buscando unha maior eficiencia e a optimización dos recursos dispoñibles.
O importe dos agasallos, destinados a comedores sociais
Entre as primeiras medidas de carácter económico implantadas por Rojo Noguera destacou a decisión de suprimir as cestas de nadal, tarxetas de felicitación, agasallos institucionais a deputados e outros gastos protocolarios, destinando a cifra aforrada a comedores sociais.
Os salarios dos membros do Parlamento de Galicia –que se rexen por un acordo retributivo aprobado na VII Lexislatura- foron conxelados no ano 2009 e rebaixados en 2010.
Fin á indemnización por disolución da Cámara
Coa disolución da Cámara suprimiuse tamén a indemnización que tradicionalmente viñan percibindo os deputados por cese de actividade, ao tempo que –xa ao remate de 2012- se trasladou á nomina dos deputados un desconto equivalente ao importe dunha paga extra. Tamén se reduciu nun 20% o complemento dos membros da Mesa desde o 1 de xaneiro de 2013.
O aforro de preto de 7 millóns de euros na pasada lexislatura produciuse nun contexto de contención previa, xa que o presuposto desagregado do Parlamento de Galicia para o ano 2012 situouse nos 17.421.406 euros, o que supón unha reducción de 2.135.794 euros respecto ao de 2009 (19.557.200€) e o sitúa nun volume similar ao do ano 2006, no que ascendía a 17.381.162 euros.
O compromiso de manter unha política de racionalización e redución do gasto mantense invariable na actual lexislatura,
Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.