saltar ao contido

Proposicións non de lei aprobadas polo Pleno do Parlamento de Galicia o 15 de maio de 2013


4.2 4288 (09/PNP-000313)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Santalices Vieira, Miguel Ángel e 6 máis
Sobre as actuacións que debe levar a cabo o Goberno galego para garantir a construción do novo hospital público na área sanitaria de Vigo
Publicación da iniciativa, BOPG nº 64, do 06.03.2013

 

O texto aprobado é o seguinte:

«O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a que, para garantir a construción do novo hospital público que a área sanitaria de Vigo precisa, estude os mecanismos oportunos recollidos na lexislación para acadar a colaboración e cumprimento do convenio por parte do Concello de Vigo».

 

4.3 5576 (09/PNP-000419)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Rodríguez González, Román e 2 máis
Sobre as actuacións que debe levar a cabo o Goberno galego en materia de política lingüística
Publicación da iniciativa, BOPG nº 80, do 03.04.2013

 

O texto aprobado é o seguinte:

«O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a:

1. Propiciar que a aplicación do Decreto 79/2010, para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia, de acordo coas sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, sirva para consolidar o fin da confrontación política sobre as linguas cooficiais nos centros escolares e para impulsar a aprendizaxe de linguas estranxeiras, de conformidade coa normativa de rango superior vixente.

2. Dar os pasos oportunos que permitan afrontar un proceso de diálogo coas principais institucións e organizacións parlamentarias co obxectivo de contribuír a dar nova forza á política lingüística que se vai desenvolver nos vindeiros anos.

3. Promover, dentro dese marco de diálogo, unha postura política do máximo consenso posible sobre a cuestión lingüística en Galicia, baixo o respecto aos principios que establece a Constitución, o Estatuto de autonomía e a Lei de normalización lingüística de Galicia, tendo como referencia a realidade sociolingüística da Comunidade na progresiva aplicación no tempo do Plan xeral de normalización da lingua galega».

 

4.4 6538 (09/PNP-000496)
Grupo Parlamentario da Alternativa Galega de Esquerda
Sánchez García, Antón
Sobre as medidas que debe implementar o Goberno galego para o fomento da incorporación de persoas mozas á actividade agraria
Publicación da iniciativa, BOPG nº 89, do 18.04.2013

 

O texto aprobado é o seguinte:

«O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a crear un grupo de traballo, coa participación dos grupos parlamentarios con representación no Parlamento de Galicia e da Consellería do Medio Rural e do Mar, para implementar, mellorar e perfeccionar as seguintes medidas de fomento da incorporación de mozos e mozas á actividade agraria para o ano 2014:

a) Dotación de recursos técnicos e humanos ás Oficinas Agrarias Comarcais especializados para os servizos de fomento da incorporación de mozos e mozas á actividade agraria, coas funcións de estudo, titorización e seguimento de proxectos de incorporación e asesoramento técnico e de xestión as explotacións agrarias.

b) Creación de liñas para prácticas en explotacións agrarias.

c) Creación dunha liña de axudas ao circulante, dentro das axudas á incorporación de novos activos agrarios, para o inicio da actividade que inclúa gastos de constitución de sociedades, das cotizacións á Seguridade Social, para compra de insumos, etc.

d) Iniciar procesos de colaboración do Bantegal cos concellos galegos para que estes xestionen no seu ámbito as terras dispoñibles, poñéndoas á disposición dos interesados na creación de iniciativas no rural.

e) Establecer medidas de colaboración entre o Instituto Galego da Vivenda e Solo e os concellos, para a creación de bolsas de vivendas en réxime de alugamento e compra, ligando as axudas á creación de emprego e fixación de xente no rural.

f)  Establecer medidas para a potenciación dos mercados locais a través de axudas económicas a concellos, potenciación de circuítos curtos de comercialización, así como un labor de difusión institucional das vantaxes da compra local.

g) Establecer plans específicos para sectores innovadores como poden ser a fruticultura, a agricultura e a gandaría ecolóxica, ou o micolóxico, marcando obxectivos e medios de avaliación da eficiencia dos plans».


 

Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.


Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina