saltar ao contido

PARLAMENTO XOVE 2013 - Pilar Rojo anima á mocidade a desenvolver o seu propio “sentido crítico”


• Clausurou, acompañada pola conselleira de Traballo,  o foro Parlamento Xove, no que os participantes deste ano debateron sobre a presenza dos famosos nos medios de comunicación e a estética e o culto ao corpo
 
• Anima aos xóvenes a esforzarse durante a etapa formativa para acadar unha “formación de excelencia”
 
Santiago, 6 de abril de 2013.- A presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo, animou hoxe á mocidade a desenvolver o su propio “sentido crítico”, “un tesouro necesario para distinguir a palla do grao, a apariencia da sustancia”.
 
Pilar Rojo fixo estas reflexións no Salón de Plenos da Cámara Galega, durante a clausura dunha nova edición do certame Parlamento Xove, organizado pola Dirección Xeral de Xuventude da Xunta e no que os participantes na final desenvolvida esta mañá debateron sobre “Son os famosos cunha presenza destacada nos medios de comunicación un referente para as xeracións máis novas?” (alumnos de ESO) e sobre “Estética e culto ao corpo: a sociedade valóranos máis polo que somos ou polo que aparentamos?” (participantes de Bacharelato).
 
A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, tamén participou no acto, xunto con personalidades como a vicepresidenta segunda do Parlamento, Marisol Soneira; o director xeral de Xuventude, Ovidio Rodeiro; o tenente de alcalde de Lalín, Román Rodríguez; o alcalde de Fene, Gumersindo Galego; ou o alcalde de Vilagarcía de Arousa, Tomás Fole, entre outros.
 
Ao fío dos asuntos que centraron o debate previo dos participantes nesta nova edición de Parlamento Xove, Pilar Rojo instou aos mozos a “afondar no que a xente fai, e non só no que a xente dí; no que a xente aporta, non no que a xente berra; no que a persoa é, e non no que semella que é”.
 
Aposta polo consenso
 
Nesta liña, avogou tamén por apostar “sempre” polas vías do diálogo e o consenso. “A palabra –aseverou- é o mellor camiño de encontro ou desencontro”, na medida en que “só escoitanto se pode coñecer e entender o que o contrincante expón; o contrincante como adversario e non como inimigo”.
 
A presidenta da Cámara tamén felicitou á conselleira de Traballo e Benestar pola organización desta nova edición do certame, pero tamén aos diferentes participantes (alumnado, profesorado, xuíces),  A xuízo de Pilar Rojo, Parlamento Xove é un programa xa consolidado e necesario, porque contribúe a desenvolver o espírito crítico, e ensina a debater e a falar en público.
 
Aproveitou tamén Rojo Noguera para animar aos xóvenes presentes a esforzarse durante a súa etapa formativa co obxectivo de acadar unha “formación de excelencia” que abra as portas á futura realización persoal e profesional. 
 
Gañadores
 
O colexio Filipense Sagrada Familia de Vilagarcía de Arousa e o IES de Foz resultaron gañadores na final do certame do Parlamento Xove, o primeiro, na categoría da ESO, e o segundo entre os participantes de bacharelato.
 
Na iniciativa, que rematou esta mañá, tomaron parte ata 160 mozos e mozas e 40 coordinadores, dos que 50 chegaron a esta final.
 
Un total de 10 centros educativos chegaron á final: o colexio Filipense Sagrada Familia (Vilagarcía de Arousa), e o colexio internacional SEK Atlántico (Poio) na categoría de ESO; así como os IES de Becerreá, Foz, Laxeiro (Lalín), Virxe do Mar (Noia), Valle Inclán (Pontevedra), A Pinguela (Monforte), Fene e o Colexio Divina Pastora (Ourense) na categoría de bacharelato.
 
De todos eles, e ademais dos gañadores, o colexio internacional SEK Atlántico de Poio  e o IES A Pinguela de Monforte foron os que acadaron á posición de subcampións nas súas respectivas categorías tralo debate de hoxe.
 

Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina