saltar ao contido

O Parlamento de Galicia convoca a terceira edición do seu concurso escolar

• “O Parlamento á escoita” é o lema do concurso escolar deste ano, que conta con tres modalidades abertas ao  alumnado de todos os cursos do ensino obrigatorio
 
• Pilar Rojo anima aos centros a participar nesta iniciativa que premiará aos alumnos dos grupos gañadores, ás súas clases, aos profesores supervisores e aos centros educativos, nun intento de estimular o traballo en equipo
 
• O prazo para a presentación de traballos está aberto ata o 18 de abril de 2013
 
Santiago, 9 de marzo de 2013.- “O Parlamento á escoita” é o lema da terceira edición do concurso escolar que vén de ser convocado pola Cámara galega.
 
A presidenta da Cámara, Pilar Rojo, anima á comunidade escolar de Galicia a participar no concurso. Nesta edición, a iniciativa reorientouse para que os escolares galegos podan trasladar ao Parlamento a súa visión sobre a realidade que os rodea, a que perciben a cotío cando se dirixen da casa á escola e que abrangue todo tipo de aspectos, desde o tráfico e a seguridade viaria, o contorno urbano ou rural no que viven os escolares, ou o medio ambiente, entre outras posibilidades.
 
O Parlamento de Galicia quere impulsar tamén o traballo en equipo e, por iso, os orixinais que se presenten a concurso deberán ser colectivos, elaborados por grupos de entre 2 e 5 alumnos.
 
A preselección inicial dos traballos realizarase no propio centro, de xeito que cada clase só poderá concursar cun único orixinal. Cada centro educativo poderá enviar ata un máximo de cinco traballos por cada modalidade do concurso. O prazo de presentación de traballos estará aberto ata o 18 de abril de 2013.
 
Modalidades
 
O Concurso Escolar do Parlamento de Galicia estrutúrase en tres modalidades:
 
• Imaxina a pintura, orientado a alumnos de 1º, 2º e 3º de Educación primaria e de educación especial.
 
• Escribe o teu conto, para alumnos de 4º, 5º e 6º de primaria e 1º e 2º de secundaria.
 
• E Exprésate, no que alumnos de 3º e 4º de secundaria poderán participar con traballos de expresión libre en calquera soporte (vídeo, fotografía, spot publicitario ou calquera outro traballo que poida ser publicado nunha páxina web).
 
Premios
 
As bases deste concurso contemplan os seguintes premios:
 
• Para o alumnado do grupo gañador:
– Imaxina a pintura: Nintendo DS, xogo sobre a arte de pintar e lote de libros.
– Escribe o teu conto:  ordenador portátil e un lote de libros.
– Exprésate: ordenador portátil e un lote de libros.
 
• Para a clase do grupo gañador: excursión de carácter educativo para visitar un lugar significativo de Galicia, na data que decida o centro.
 
•  Para o profesor ou profesora que supervise o traballo do grupo gañador: unha táboa dixital.
 
• Para o centro educativo do grupo gañador: un agasallo de 2.000 euros para destinar á organización de actividades extraescolares ou actividades da biblioteca escolar.
 
• Para o grupo finalista: MP4 e un lote de libros para cada un dos alumnos e o/a profesor/a supervisor/a do traballo.
 
As bases do concurso poden consultarse na web do Parlamento de Galicia: www.parlamentodegalicia.es
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia
 

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina