saltar ao contido

Pilar Rojo presenta a Teresa Pedrosa como exemplo da “aposta dun Goberno por profesionais sólidos”

A presidenta do Parlamento de Galicia presentou á delegada do Estado no Consorcio da Zona Franca de Vigo nunha conferencia-almorzo, onde reivindicou a “política con maiúsculas”.
<p class='clearfix'></p>
Santiago, 20 de febreiro de 2013.- A presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo, considera que a actual delegada do Estado no Consorcio da Zona Franca de Vigo, Teresa Pedrosa, constitúe un “claro exemplo da aposta dun Goberno por profesionais  sólidos” para desempeñar cargos de responsabilidade.
 
Rojo Noguera efectuou esta reflexión na mañá de hoxe en Vigo, ao presentar a conferencia-coloquio de Teresa Pedrosa organizada por Forum Europa-Tribuna Galicia.
 
Á marxe da amizade persoal, Pilar Rojo destacou de Teresa Pedrosa a súa condición de “profesional altamente cualificada, honorable, e que aspira a lograr a excelencia no seu día a día”.
 
Profesionais en política, non profesionais da política
 
Pilar Rojo reivindicou, apoiándose na traxectoria de Pedrosa, “a política con maiúsculas”, porque persoas coma ela “constitúen un bo exemplo dos numerosos profesionais preparados que sabendo e podendo gañarse a vida” á marxe da política, nun momento determinado, apostaron pola vida pública “co obxectivo único e compartido da procura do ben común”. Referíase deste xeito, Pilar Rojo, aos “profesionais, homes e mulleres, que participamos en política, e non profesionais da política”.
 
Vocación de xestión pública
 
Falou tamén a presidenta do Parlamento de “mulleres e homes aos que ninguén nos regalou nada e que estamos aquí polo noso esforzo e pola nosa vocación de xestión pública”.
 
Teresa Pedrosa é licenciada en dereito, inspectora de Traballo e Seguridade Social, foi presidenta do Consello Galego de Relacións Laborais  e conta tamén con experiencia na política local e provincial.
 

 

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina