Declaración institucional do Parlamento de Galicia aprobada na reunión da Mesa e Xunta de Portavoces
Diante do anuncio de peche da Fábrica de Armas da Coruña, realizado de forma unilateral pola multinacional americana General Dynamics, o Parlamento de Galicia, por unanimidade, fai a seguinte
DECLARACIÓN INSTITUCIONAL
O Parlamento de Galicia
1. Expresa o rexeitamento absoluto da decisión de General Dynamics de pechar a Fábrica de Armas da Coruña, unha das empresas máis emblemáticas da cidade dende a súa implantación no ano 1937, e que é viable pola súa enorme potencialidade.
2. Manifesta o apoio rotundo e incondicional aos traballadores e traballadoras da factoría coruñesa, un cadro de persoal con elevada cualificación e cun demostrado compromiso coa empresa ao longo da súa historia.
3. Exixe a General Dynamics o aprazamento inmediato do peche da fábrica na Coruña e a apertura dunha mesa de negociación para abordar un plan de viabilidade que garanta a reactivación da actividade produtiva e o mantemento de todos os postos de traballo.
4. Solicita da Xunta de Galicia a implicación nas accións impulsadas dende o Concello da Coruña, en colaboración co Comité de Empresa, para lograr o mantemento da actividade produtiva na factoría coruñesa e dar cumprimento ao acordo adoptado por unanimidade de todos os grupos políticos o 22 de novembro do 2005 no Parlamento de Galicia:
a. Demandar do Goberno español o cumprimento do contrato INI-Defensa co fin de garantir a carga de traballo para todos os centros da empresa Santa Bárbara.
b. Demandar do Goberno español que garanta o cumprimento das obrigas asumidas por General Dynamics na adquisición da empresa nacional Santa Bárbara no relativo ás cargas de traballo, novos contratos e investimentos tecnolóxicos.
c. Demandar do Goberno español que garanta a continuidade da Fábrica de Armas da Coruña e que presente, en colaboración coa Xunta de Galicia, un plan industrial de futuro, sólido e fiable, que asegure a diversificación da produción, a achega de nova carga de traballo e, en todo caso, o mantemento do actual nivel de emprego.
5. Requirir do Goberno do Estado a súa colaboración na continuidade da actividade en todas as plantas situadas no noso país para lograr o mantemento deste sector estratéxico.
Santiago de Compostela, 19 de febreiro de 2013