• Pilar Rojo subliña que “se calquera Parlamento ten que ser un nítido reflexo do que preocupa e acontece no seu ámbito territorial, os deputados e as deputadas daquel tempo cumpriron sobradamente coa súa obriga histórica”
• Felicítase pola normalización da presenza feminina na Cámara galega, que actualmente conta con 38 deputadas, fronte ás catro das dúas primeiras lexislaturas
Ourense, 29 de maio de 2012.- A presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo Noguera, e mailo presidente da Deputación Provincial de Ourense, José Manuel Baltar Banco, inauguraron esta tarde a exposición, “Aqueles Primeiros Anos (1981-1989)”, que inicia nesta cidade un percorrido que, de aquí a finais de ano, levará a mostra á sede das catro deputacións galegas.
No acto inaugural, a presidenta do Parlamento de Galicia explicou que, desde a súa constitución, o 19 de decembro de 1981, a Cámara galega, converteuse no “eixe central na nosa vida política”. Na súa opinión, “se calquera Parlamento ten que ser, en cada momento, un nítido reflexo de todo o que preocupa e acontece no seu ámbito territorial, os deputados e as deputadas daquel tempo cumpriron sobradamente coa súa obriga histórica”.
Pilar Rojo agradeceu a acollida brindada a esta mostra polo presidente da Deputación de Ourense, que coñecía o significado e interese da exposición na súa condición de vicepresidente da Mesa do Parlamento cando este proxecto botou a andar.
Explicou a titular do lexislativo galego que a mostra que hoxe abre as súas portas en Ourense se enmarca na conmemoración do 30 aniversario do Parlamento de Galicia e pretende homenaxear aos deputados e deputadas das dúas primeiras lexislaturas- “Todos eles –afirmou- deixaron o listón moi alto co seu traballo arreo naqueles difíciles comezos da nosa primeira institución pública”.
Etapa de consensos
Foi nesa etapa, durante as dúas primeiras lexislaturas, na que “se fraguaron os grandes consensos que permitiron a aprobación das leis básicas emanadas do noso Estatuto de Autonomía de 1981”. Foron, explicou, “unhas leis esenciais que permitiron á nosa Comunidade ir medrando pouco a pouco no seu autogoberno, na súa autoestima e tamén no seu benestar, pese ás dificultades do momento presente”.
“Aqueles primeiros anos do noso Parlamento están hoxe prácticamente esquecidos, pero resultaron decisivos no noso devir”, razón que xustifica a organización desta mostra.
Rojo Noguera tivo un recordo agarimoso tanto para o primeiro presidente do Parlamento, Antonio Rosón, como para o primeiro presidente da Xunta autonómica, Xerardo Fernández Albor. Entre os deputados pioneiros, destacou tamén ás catro primeiras mulleres deputadas. “Elas lograron abrirse un oco pequeniño naquelas dúas primeiras lexislaturas e encabezaron a presenza das mulleres na vida política, hoxe felizmente normalizada, como o demostra o feito de que as deputadas xa somos maioría no Parlamento de Galicia”, con 38 mulleres e 37 homes, agregou a presidenta do lexislativo.
A exposición, que quedou aberta ao público no Centro Cultural da Deputación de Ourense ata o vindeiro 15 de xullo, estivo previamente na sede do Parlamento de Galicia e, máis recentemente, no Senado.
O acto inaugural contou coa asistencia do alcalde de Ourense; os conselleiros de Mar e Medio Rural; de Educación; membros da Mesa do Parlamento; deputados e exdeputados, entre outros.