saltar ao contido

O embaixador de Ucraína entrevístase coa presidenta do Parlamento, á que lle explica a situación das relacións entre España e ese país

 
Pilar Rojo Noguera recorda que unha parte da rexión de Galitzia está integrada en Ucraína e fai votos por intensificar as relacións bilaterais
 
 
Santiago, 13 de abril de 2010.- A presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo Noguera, recibiu este mediodía ao embaixador de Ucraína en España, Anatoliy Scherba, que se atopa de visita na Comunidade Autónoma acompañado polo xefe da misión económica e comercial desa legación diplomática.
 
Durante a entrevista, que tivo lugar no despacho da xefa do Lexislativo galego, Rojo Noguera e o embaixador Scherba repasaron a situación das relacións ucraíno-españolas, cunha especial atención aos aspectos económico-comerciais, culturais e de cooperación rexional.
 
Precisamente neste aspecto, Rojo Noguera recordou que unha parte da outra rexión europea que leva o nome de Galicia –Galitzia- pertence a Ucraína. Este feito foi aproveitado por Pilar Rojo Noguera para apostar pola intensificación das relacións bilaterais con ese país da Europa oriental.
 
Rematada a Segunda guerra mundial, a rexión de Galitzia  foi dividida entre Polonia e Ucraína, entón república integrada na URSS.
 
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina