Na nobre estancia do edificio do Parlamento de Galicia, que se ubica na Rúa do Hórreo, acaído nome este, símbolo de seu para todo o noso país, como se ve nas Cantigas de El-Rei Sabio, e dende A Fonsagrada ata Bande, de A Mezquita a Cedeira, ou de Combarro ao Courel, que o territorio está inzado desta construción adxectiva, tótem dunha terra. Síntese dos hemisferios é o edificio, coa presidencia orientada cara o nacente, e a porta na dirección da mar, que foi o camiño tradicional de ida e volta para a Quinta Provincia, xunto a Labacolla, aeroporto nos nosos días e fito sobranceiro que une a modernidade polos vieiros dos ceos e a tradición multisecular do Camiño Francíxeno. No centro deste barco chamado Galicia, fin da terra da vella Europa baixo o Camiño das Estrelas, está unha colección de arte que é poesía con pretensións de ser palabra inspirada, música creada en soidade mais aberta á comunicación. Así contemplamos as imaxes dende a propia fachada, a entrada, en corredores e salas de reunión, nos distintos despachos e tamén no salón de plenos. E sempre co ouro nos ollos na busca da harmonía, pois a arte é valor engadido. Esta arte inzada aquí coa vontade de converterse nos pequenos símbolos de Galicia, enxoval dos grandes: Escudo, Bandeira, Himno e unha Lexislación propia, alfaias todas da Autonomía, herdeira dende a néboa dos séculos do histórico Antigo Reino, e o dos Suevos, primeiro de Europa trala desaparición do Imperio Romano. Eis a pintura e maila escultura, principalmente, sono tamén as vidreiras, os gravados, alfombras e reposteiros, arte moble máis alá sempre do mobiliario, símbolo institucional e relevante ornato.
O antigo edificio da Facultade de Veterinaria da Universidade de Santiago de Compostela, construido por Antonio Bermejo e Arturo Calvo a comezos do século XX (1903-1915), derivou aos poucos anos, en 1925, en Cuartel, ata que trala súa compra pola Xunta de Galicia foi transformado dende 1987 para Parlamento polo arquitecto Andrés Reboredo Santos , entrando en funcionamento o primeiro día de marzo de 1989. Ten patio central o edificio e, nos extremos, uns corpos apenas máis outos, amosando no seu interior os cambios para as substanciais funcións parlamentarias da Autonomía. Mais dentro, no patio, aparece o novo volume, branco e con forma de paralelepípedo, construído para o hemiciclo, que se revela cara este espazo, sobre oito columnas cilíndricas metálicas con capiteis, orde xigantesca diante doutras tantas máis pequenas detrás, código estilístico erudito do Manierismo da historia da arte, mais con acenos ao Partenón e o ‘número phi’, unha Caixa estrutural que leva no seu discurso a expresión arquitectónica da modernidade posmoderna.
Nunha necesaria escolma, unha serie de obras pódense citar a modo de canon propio, medida dunha maneira de sermos, e sentir.
1. Ante todo a ‘Carta de Galicia’ de Domingo Fontán Rodríguez (+1866), obra revolucionaria realizada entre 1817 e 1834 con método científico, baseado no traballo de campo e a triangulación xeométrica, que aboiou gravada por L. Bouffard e impresa por Lémercier et Cie. en 1845. As doce follas anticipáronse á implantación no Reino do sistema métrico decimal. Os restos do autor están soterrados no Panteón dos Galegos Ilustres, en San Domingos de Bonaval, na cidade. A Carta considerada ‘o rostro do país’ por Ramón Otero Pedrayo, Patriarca das letras galegas, foi exhibida por primeira vez en 2010 no Pazo de Fonseca, sé histórica segunda do Parlamento, trala fase constituínte no de Xelmírez (dúas primeiras lexislaturas, 1982-1989).
2. ‘Nacemento de Afrodita’ de Arturo Souto (+1964). A figura dourada da deusa móvese con elegancia entre outras arredor dela, nun movemento coral. Ela érguese dende a vieira, núa e orgullosa, unha epifanía oposta á de Botticelli aínda que iconográficamente poida relacionarse con ela Souto semella que a ispe, a fin de destacar a súa aparición nun efecto-espello. O artista, que estivo coas vangardas en Madrid e París, e foi figura destacada do movemento renovador da arte galega, era un apaixonado da figura da muller e os espidos, reflexándose nesta obra a influenza da súa estadía en Roma nos anos da República. Na figura central pódese albiscar un simbolismo da Autonomía que levanta o veo dos novos tempos da democracia parlamentaria , dabondo para formar parte deste elenco.
3. A ‘paisaxe metafísica’ de Urbano Lugrís (+1973), é un cadro de 1961 característico do seu realismo máxico, no que as formas xeométricas e esquemáticas teñen un ar simbólico, pois pintaba en galego, isto é, éralle imposible ser realista. Nesta obra, de paisaxe inventada coa áncora afondando no universo metafísico e surrealista hai referencias á súa costa coruñesa, ante a que desprega unha mensaxe alusiva ao bautismo, en paralelo a Moisés, coa cuncha mariña que pendura da branca ponte como sétimo piar, no domingo da semana co que comeza o novo tempo, vida que se inicia coas vogais, cultismos da súa linguaxe naif de aparencia inxenua, mais tan expresiva dun inicio...
4. ‘Mañana de domingo’ de Juan Luís López García (+1979). Este destacado pintor é representativo dunha Galicia tradicional, sendo a súa obra un espello do mundo rural coa omnipresencia da Igrexa na cima da composición, por mais que o significativo sexa a importancia da muller e os fillos que enchen o cadro dende o primeiro plano. Da ausencia de homes novos cabe deducir que están lonxe, na emigración. Malia traballar moitos anos en Barcelona, e vivir en Madrid, o santiagués Juan Luís plasma o sentimento relixioso. Cultivou un primitivismo granítico dende a cor, estética da esencia galega preto de Francisco Asorey, amigo seu.
5. Está o ‘Antroido’ de Alfonso Sucasas (+2012) datado en 1988. Unha repoluda figura disfrazada de vaca cun estandarte encabeza un grupo de músicos, un home coa caixa e outro coa frauta, que vai de monxa: son o cortexo anunciador do Entroido, o gran balbordo do ciclo festivo anual, música e máscaras, comida de androlla e botelo, festa rachada de seu, cerne do país galego, dos Xenerais do Deza e do Ulla ás Madamitas de Cotobade, sendo no territorio de Ourense onde máis sona ten, cos Peliqueiros, Pantallas e Cigarróns, Felos, Troteiros e Boteiros, entre outros . Diante hai unha nena, detrás unha nai noviña nunha toalla a carón do mar, as dúas de corpos finos e vestimentas de cidade fronte as campesiñas e de canon curto dos do Entroido: velaquí a grande festa do fin do inverno nos ollos dun artista do centro de Galicia.
6. ‘Dona dos oito’ de Acisclo Manzano (n. 1940) é unha obra icónica do creador ourensán, feita en 1989, ano do traslado á nova sede parlamentaria. Amosa como formas características a simplificación antropomórfica do torso feminino. A terracota é unha abstracción figurativa representativa da renovación da plástica galega dende os anos setenta, sendo a alusión á vestimenta os botóns do escote, aos que engade outros no corpo, acenos pícaros dun sentir, unha forma plástica xurdida dende o pulo de Eivissa/illes Balears, na casa de Xaime Quessada, co que pasaba estadías.
7. ‘A chegada’, bronce de José María Acuña López (+1991). Malia o pequeno formato, é unha peza de gran forza que acrisola a esencia de Compostela: os peregrinos no Monte do Gozo no canto de ver Santiago. A obra, de 1990, foi fundida con características monumentais para o dito lugar, o derradeiro outeiro do Camiño, dende o que se divisan as torres da catedral do Señor Sant-Iago, co que ten de contido simbólico. Foi colocada no Ano Santo de 1993 coincidindo coa declaración do Camiño Francés pola UNESCO como Patrimonio da Humanidade.
8. O ‘can azul’ de Xaime Quessada (+2007) é unha obra de empeño que reflicte o compromiso do artista co seu tempo histórico. Durante tres anos, 1994-1997, constrúe unha alegoría de proxenie surreal nun espazo no que plasma un mundo asimétrico en crave binaria, con loita de ideas, nunha serie figuras en teatrais poses enriba do pavimento axadrezado con control cartesiano, expresión do seu temperamento dramático e dunha liberdade visceral que transmite dende a viveza da cor. Esta gran tela é o cumio dun camiño iniciado na década dos setenta coa ‘Imaxe surreal de Galicia’ e ‘En Galicia un día’, síntese do seu ideal ‘Museo Quessada’ dende unhas constantes éticas e sociais, arte e testemuña que se encarna nel con paixón como en ningún outro artista galego.
9. ‘Camiñante VII’‘, 2005, de Antón Pulido (n. 1944). Ven cara nós con pasos calmos este camiñante por unha senda iluminada no escuro do ceo, no que escintilan as estrelas. Camiña atento, xa que logo as cores luminosas da longa senda estanse a esvaer por tras, e vai atravesar un fito, luminoso e colorido, sinalado entre as lúas exteriores. Este camiñante é cada un de nós, ante a ‘cuaternitas’ vital, no demográfico devalar dos tempos. Un artista que, malia unha significada traxectoria con obrigas culturais de índole editorial e como Director Xeral de Cultura e Director do Centro Galego de Arte Contemporánea, ten unha traxectoria plástica longa e fértil, na que hai de son de fondo unha pescuda da beleza dende o xesto pictórico e cromático, expresada con segredos ritmos musicais que sinte dende a penumbra do tempo.
10. ‘Vidreira Aniversario XXVI’, 2007, de Isaac Díaz Pardo (+2012). Esta gran obra que pecha a parede frontal do hemiciclo do Parlamento é de concepción heráldica. No centro vai un escudo cortado sostido por dúas figuras espidas e axeonlladas: de azur, dolmen de prata; de sinople, a palabra ‘Gallaecia’ de prata, en letras capitais. Fóra, nos extremos, senllos turiferarios espidos, unha alusión ao Pórtico da Gloria, anuncian o conxunto. Toda a composición recortase nun fondo de prata, que pecha a orla do tímpano semicircular de azur. Nela o artista engade caracois na base, pois van amodo, e no arco as formas da imaxinación. Péchase así o eixo iniciado no Escudo Autonómico cos nenos na cima da fachada, obra de Manuel de Buciños, e a vidreira de Laxeiro á entrada, da que deixou dixo Díaz Pardo que é ‘a alma románica galega’.
Dr. Francisco Xabier Limia Gardón