saltar ao contido

Parlamento, Xunta e USC poñen en marcha a maior base de datos en lingua galega

Presentación 19/12/2016

• Recompila todas as leis aprobadas polo Parlamento, a maior parte dos decretos e un elevado volume de ordes normativas da Xunta e outros recursos xurídicos ata o de agora dispersos
 
• O presidente do Parlamento valora o traballo conxunto desenvolvido polas tres institucións que colaboraron no Portal LexGal: “Xuntos somos máis fortes” e a “cooperación só reporta beneficios”
 
• A presentación coincide co 35 aniversario do Parlamento xa que “de algún xeito, constitúe tamén un balanzo  da actividade lexislativa da Cámara, que tivo despois continuidade noutras normas”
 
• Santalices a expresa a “rotunda condena” do Parlamento aos casos de violencia de xénero rexistrados a pasada fin de semana e traslada  a súa “solidariedade e afecto” ás familias das vítimas

Santiago, 19 de decembro de 2016.- O traballo conxunto desenvolvido polo Parlamento de Galicia, a Xunta de Galicia e a Universidade de Santiago de Compostela permitiu a posta en marcha do Portal LexGal e base de datos de lexislación consolidada, presentado do hoxe na Cámara autonómica e que constitúe a maior base de datos xurídicos en lingua galega.
 
Esta ferramenta –www.lex.gal-, é de acceso gratuíto e nela pódense atopar a totalidade das leis de Galicia, así como os decretos máis actuais e un elevado volume de ordes normativas da Xunta. As normas aparecen consolidadas, o que permite coñecer o texto vixente en calquera momento, tanto na actualidade como no pasado. Tamén incorpora un sistema de buscas e ligazóns a publicacións oficiais e institucións que producen información xurídica de relevancia.
 
Ferramenta novidosa
 
O presidente do Parlamento, Miguel Ángel Santalices, expresou a súa satisfacción polo contido deste portal. Trátase, ao seu xuízo, dunha “ferramenta novidosa que permite centralizar nun único portal recursos xurídicos actualmente dispersos”, o que resulta “de especial utilidade para os profesionais do dereito, pero igual de interesante para o conxunto da sociedade”.
 
Destacou que o portal xorde tamén “con vocación de servizo á cultura galega, e especialmente á nosa lingua”, dado que as ferramentas deste tipo existentes ata o de agora só estaban dispoñibles en castelán e con contidos limitados en dereito galego.
 
Os beneficios da cooperación
 
O resultado deste traballo conxunto do Parlamento, a Xunta e a USC acredita, segundo Santalices, que “xuntos somos máis fortes” e que “a cooperación entre as institucións só reporta beneficios”. Na súa opinión, “probablemente ninguna das tres institucións aquí representadas tería sido capaz de acometer este proxecto individualmente pero, entre todos, foi posible”.
 
A presentación do Portal LexGal tivo lugar esta mañá na Biblioteca do Parlamento de Galicia, un acto no que ademais do titular do Lexislativo galego, Miguel Ángel Santalices Vieira, interviron tamén o profesor López Díaz, un dos directores do proxecto; a secretaria xeral da Universidade de Santiago, Consuelo Ferreiro Regueiro; o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez González; e o vicepresidente da Xunta e conselleiro da Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda. Tamén asistiron deputadas e deputados, persoal das diferentes unidades do Parlamento que traballou no proxecto, así como representantes de institucións autonómicas, e de colexios e organizacións profesionais.
 
Santalices Vieira agradeceu o “intenso” traballo desenvolvido por todas as persoas que participaron nesta iniciativa.
 
A presentación efectuouse o día no que se celebra o 35 aniversario  do Parlamento de Galicia, de xeito que este acto marca o inicio da conmemoración. Fíxose así, porque “de algún xeito, esta iniciativa constituúe tamén o balanzo da actividade lexislativa da Cámara, que tivo despois continuidade noutras normas de rango inferior tamén aquí recompiladas”.
 
Intenso traballo parlamentario na IX Lexislatura
 
O presidente do Parlamento aproveitou a súa intervención para reivindicar o “intenso traballo” desenvolvido na Cámara galega durante a IX lexislatura, na que se aprobaron 54 leis, “o número máis alto de calquera Lexislatura da nosa historia”.  Este cómputo podería incrementarse ata os 57 textos lexislativos incluíndo no reconto a reforma do Regulamento do Parlamento e as dúas proposicións de lei perante o Congreso dos Deputados, tamén aprobadas polo Pleno da Cámara.
 
Santalices enmarcou o Portal LexGal na estratexia do Parlamento de Galicia encamiñada a facilitar a participación das galegas e galegos na vida política, económica, cultural e social. “Aínda que un principio decimonónico do Código Civil afirma que a ignorancia das leis non exime do seu cumprimento, hai que recoñecer que os esforzos  en materia de didáctica e divulgación normativa non teñen destacado, precisamente, na nosa historia, nin pola súa intensidade, nin pola súa eficacia”.
 
Para o presidente do Parlamento, “polo menos en Galicia, consideramos necesario superar esa carencia achegando as normas aos seus destinatarios, lexitimadores últimos da actuación do Lexislativo que as crea”.
 
Valorou tamén o titular da Cámara galega a utilidade das tecnoloxías da información e a comunicación como un “magnífico aliado para todos os que cremos na escoita cidadá como ferramenta de mellora do funcionamento democrático”.
 
Papel central do Parlamento
 
Como exemplos do compromiso do Parlamento de Galicia neste ámbito, Santalices referiuse ao LexGal, pero tamén ás diferentes posibilidades de participación cidadá que ofrece a web da institución co obxectivo último de achegar todos os retos e inquedanzas ao Parlamento, “cerne e epicentro de calquera sistema democrático”.
 
Sobre a centralidade do poder lexislativo, apuntou que se trata dunha “idea sempre de actualidade e que cobra unha especial vixencia polo debate suscitado no Reino Unido en relación co papel determinante do Parlamento en relación co Brexit, confirmado por un fallo xudicial”.
 
Santalices recordou os inicios do Parlamento de Galicia, constituído o 19 de decembro de 1981, “nunha sede prestada –o Pazo de Xelmírez- e lonxe do fervor popular” na medida en que, daquela, “a Autonomía e as institucións que entón con ela nacían distaban moito de suscitar entusiasmo no pobo galego”. Malia todo, “paseniñamente, o entramado institucional que agromou ao abeiro do Estatuto de Autonomía fíxose acreedor do respecto e a cosideración das galegas e os galegos ata o punto de que, a día día de hoxe, practicamente ningún galego, con independencia do seu posicionamento ideolóxico, concibe Galicia sen autonomía”.
 
“Rotunda condena” da violencia de xénero
 
O presidente do Parlamento iniciou a súa intervención expresando  a “rotunda condena” da violencia de xénero, logo dos casos rexistrados durante a fin de semana, ao tempo que trasladou a súa “solidariedade e afecto” ás familias das vítimas mortais. “Ás veces, un ten a sensación de que non hai palabras para expresar a repulsa que merecen estes actos nin para describir tanta atrocidade”, sinalou.
 
Con anterioridade ao inicio do acto, nas escelras exteriores do Parlamento. celebrouse unha concentración de un minuto de silencio en memoria das mulleres asaninadas a pasada fin de semana.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina