saltar ao contido

Proposicións non de lei aprobadas polo Pleno do Parlamento de Galicia o 14 de setembro de 2021


 
4.1 13760 (11/PNP-001353)
Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia
Ortega Otero, Marina e Torrado Quintela, Julio
Sobre a actuación que debe levar a cabo a Consellería de Política Social en relación co traballo e composición do Comité Asesor Sociosanitario, así como coa participación nel do resto das forzas políticas con representación no Parlamento de Galicia
Publicación da iniciativa, BOPG n.º 123, do 13.04.2021
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a que, a través da Consellería de Política Social, dea conta do traballo realizado en canto ao novo modelo de atención residencial, se existe algún avance ao respecto”.

4.2 17946 (11/PNP-001762)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Amigo Díaz, María Encarnación e 6 máis
Sobre a demanda da Xunta de Galicia ao Goberno central dunha proba extraordinaria de acceso de médicos internos residentes e a habilitación dos centros de saúde e dos especialistas en medicina familiar e comunitaria para impartir a súa formación
Publicación da iniciativa, BOPG n.º 169, do 13.07.2021
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
“O Parlamento de Galicia, insta á Xunta de Galicia a dirixirse ao Goberno de España para solicitar:
 
1. Que se leve a cabo a convocatoria dunha proba de acceso MIR de forma extraordinaria.
 
2. Do mesmo xeito e tendo en conta o establecido na Lei 14/1986, do 25 de abril, Xeneral de Sanidade e na Lei 16/2003, do 28 de maio, de Cohesión e Calidade do Sistema Nacional de Saúde, ao sinalar que toda a estrutura do sistema sanitario estará a  disposición das ensinanzas de grao, especializada e continuada dos profesionais, deberán levarse a cabo as accións necesarias para habilitar, de forma extraordinaria, os centros de saúde necesarios para que teñan a consideración de centros acreditados para a formación, así como aos profesionais especialistas en Medicina Familiar e Comunitaria precisos para que poidan actuar como titores na formación de residentes”.
 
4.3 20428 (11/PNP-001852)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Tellado Filgueira, Miguel Ángel e 6 máis
Sobre as actuacións que debe facer a Xunta de Galicia ante o Goberno central para abaratar a factura eléctrica
Publicación da iniciativa, BOPG n.º 193, do 31.08.2021
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a demandar do Goberno central a emprender as medidas e reformas estruturais necesarias para abaratar a factura eléctrica das familias e empresas afectadas polo escalada no prezo dos últimos meses, reiterando e  ampliando os acordos adoptados nesta Cámara en abril e xuño deste ano. Nomeadamente suxírese a adopción das medidas que se detallas a continuación:
 
1.- Modificar a Lei 3/1992, do Imposto sobre o valor engadido para facer permanente a rebaixa do IVE da electricidade do 21 ao 10%.
 
2.- Suprimir definitivamente o tipo de gravame do Imposto sobre o Valor da Produción de Enerxía Eléctrica do 7%, modificando a Lei 15/2012, do 27 de decembro de medidas fiscais para a sustentabilidade enerxética.
 
3.- Modificar a Lei 24/2013, do Sector Eléctrico para que, entre outros aspectos, determinados custos regulatorios que se trasladan á factura eléctrica (débeda do sistema eléctrico e custos extrapeninsulares) sexan financiados integramente con cargo aos Orzamentos Xerais do estado.
 
4.- Ampliar o dereito de poder acollerse ao Prezo Voluntario do Pequenos Consumidor (PVPC) ata potencias que sexan iguais ou inferiores a 15 KW para o consumidor doméstico, co fin de facilitar o acceso ao Bono Social Eléctrico”.
 
5.- Desvincular a tarifa regulada (PVPC) da volatilidade do mercado ao por maior da electricidade, tal e como se está aplicando noutros países europeos. 
 
6.- Impulsar o descenso da factura eléctrica a través da revisión dos tramos horarios, na medida que que o período val de luns a venres no que a tarifa é máis barata vai desde as 12 horas da noite ata as 8 da mañá, o que fai moi difícil o aforro das familias.
 
7.- Conceder máis peso específico ao termo de enerxía que ao de potencia co obxectivo de impulsar a eficiencia enerxética e o autoconsumo eléctrico.
 
8.- Simplificar a factura eléctrica para facilitar a súa comprensión e posta en marcha de inmediato unha campaña de información ás persoas consumidoras que explique de forma sinxela e comprensible a nova tarifa eléctrica, facilite a toma de decisión e permita un consumo máis eficiente.
 
9.- Diversificar o parque de xeración eléctrica para evitar a elevada dependencia do gas natural, introducindo entre outras medidas o almacenamento enerxético para a xestión de fontes renovables”.

Saúdos, Gabinete de Comunicación.
 
 

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina