saltar ao contido

Proposicións non de lei aprobadas polo Pleno do Parlamento de Galicia o 7 de outubro de 2020

5.3 1841 (11/PNP-000170)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Pazos Couñago, José Alberto e 7 máis
Sobre as demandas que debe realizar o Goberno galego ao Goberno central e á Comisión Europea en relación co impacto para a frota pesqueira de Galicia da decisión de inserir o marraxo dientuso no Apéndice II da Convención sobre o Comercio Internacional de Especies Ameazadas da Fauna e Flora Silvestres, CITES
Publicación da iniciativa, BOPG n.º 19, do 22.09.2020
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a demandar do Goberno central e da Comisión Europea a análise de medidas de protección do marraxo dientuso que non leven ao quebranto económico da frota e que teña en conta todas as medidas de xestión sostible que as diferentes ORP e a UE teñen adoptado en favor desta especie.”
 
5.4 1932 (11/PNP-000177)
Grupo Parlamentario do Bloque Nacionalista Galego
Bará Torres, Xosé Luís e 2 máis
Sobre as actuacións que debe levar a cabo o Goberno galego co fin de recuperar para o patrimonio público as esculturas do Mestre Mateo, en poder da familia Franco, pertencentes ao Concello de Santiago de Compostela
Publicación da iniciativa, BOPG n.º 19, do 22.09.2020
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
“O Pleno do Parlamento insta á Xunta de Galicia a:
1.- Proseguir o camiño aberto da recente sentenza sobre o Pazo de Meirás, froito do traballo coordinado da iniciativa social e das institucións, co obxecto de investigar e documentar o espolio das estatuas de Xeremías/Abraham e Ezequiel/Isaac declaradas BIC e estudar as vías para a súa recuperación por parte do Concello de Santiago.
 
2.- Crear un grupo de traballo co concello de Santiago, aberto á participación da Deputación da Coruña e do Goberno do Estado, así como de especialistas nos ámbitos xurídico e histórico e asociacións de defensa do patrimonio, que valore as liñas de acción de cara á recuperación das esculturas, tendo en conta os antecedentes xudiciais deste caso e a recente sentenza sobre o Pazo de Meirás”.
 
5.5 2083 (11/PNP-000194)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Calvo Pouso, Diego e 7 máis
Sobre a demanda que debe realizar o Goberno galego ao Goberno central co fin de incluír as máscaras e os hidroxeles desinfectantes na listaxe de bens aos que se lles aplica o tipo reducido do IVE do 10% ou o superreducido do 4%
Publicación da iniciativa, BOPG n.º 19, do 22.09.2020
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a que demande do Goberno de España a modificación de artigo 91 da Ley 37/1992, de 28 de decembro, do Imposto sobre o Valor Engadido, para incluír as máscaras, e hidroxeles desinfectantes no listado de bens aos que se lles aplica o tipo reducido do IVE do 10 % ou superreducido do 4 %”.
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina