Lexisla con Nós

Proposición de lei de modificación da Lei 12/2013, do 9 de decembro, de garantías de prestacións sanitarias, co obxecto de reforzar o Sistema público de saúde

24/04/2018 14:30
Proposición de lei de modificación da Lei 12/2013, do 9 de decembro, de garantías de prestacións sanitarias, co obxecto de reforzar o Sistema público de saúde.(10/PPL-000020)

Documentos relacionados:

Opinións

1 - Escrito por Olga Patiño Tato o 07/01/2019 15:31

Na análise da técnica normativa da "Proposición de lei de modificación da Lei 12/2013, do 9 de decembro, de garantías de prestacións sanitarias, co obxecto de reforzar o Sistema público de saúde" atenderemos ás directrices aprobadas polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 30 de outubro de 2014. A elaboración depurada e clara das normas, comprensible e accesible a todas e todos, cunha boa calidade técnica e lingüística, é unha esixencia da propia seguridade xurídica contemplada no artigo 9.3 da Constitución Española. Ademais, dita proposición de lei ten que asumir o marco competencial delimitado na CE e o Estatuto de Autonomía para Galicia aprobado pola Lei Orgánica 1/1981, do 6 de abril. Así, para a materia de sanidade e hixiene o artigo 148.1, apartado 21º, da CE establece que esta competencia pode ser asumida pola Comunidade Autónoma; e o artigo 33, apartado 1º, do Estatuto de Autonomía de Galicia dispón: “Correspóndelle á Comunidade Autónoma o desenvolvemento lexislativo e a execución da lexislación básica do Estado en materia de sanidade interior.”, e mesmo no apartado 4º disponse: “ A Comunidade Autónoma poderá organizar e administrar a tales fins e dentro do seu territorio todos os servizos relacionados coas materias antes expresadas, e exercerá a tutela das institucións, entidades e fundacións en materia de sanidade e Seguridade Social, reservando para si o Estado a alta inspección conducente ao cumprimento das funcións e competencias contidas neste artigo.” Centrándonos estritamente en criterios de técnica normativa, a Proposición de lei de modificación da Lei 12/2013, respecta a estrutura seguinte: 1. Título É o elemento identificador e consegue ser explícito e congruente co seu contido e a súa pretensión modificadora dunha norma existente: "Proposición de lei de modificación da Lei 12/2013, do 9 de decembro, de garantías de prestacións sanitarias, co obxecto de reforzar o Sistema público de saúde". Aínda que se trata dunha proposición de lei e non dun anteproxecto de lei, o protagonismo do título, centrado na páxina, parece querer enlazar co seguinte apartado, a exposición de motivos. 2. Parte expositiva A Exposición de Motivos se introduce coa descrición resumida do contido da Lei 12/2013, no relativo á espera que supere o tempo máximo previsto para a prestación da asistencia sanitaria e ás formas de paliar dita espera para poder ser atendido o antes posible, botando man doutros recursos públicos e mesmo privados. Os seguintes parágrafos serven para argumentar a mellora ineludible que suporía o complementar a mera obriga da elaboración dun informe anual de afondar nas deficiencias do Sistema público, concretando no último as medidas que deben tomarse e que xustifican a necesidade da modificación (mellora das prestacións, aumento das garantías para o exercicio dos dereitos das persoas usuarias, potenciación de centros propios) a modo de contexto ideal para que a norma que se pretende modificar adquira todo o seu sentido de oportunidade e eficacia á que está destinada, é dicir, a mellora da calidade asistencial da poboación de Galicia optimizando os recursos de que se dispón. En puridade de técnica normativa, parece máis axeitado que a relación das diferentes normas xurídicas afectadas pola modificación que pretende a proposición de lei, non se atopen ao final da mesma co nome de ANTECEDENTES, senón que como referencia normativa para apoio da argumentación, a modo de visión global, precedan á parte dispositiva debidamente incluídas na Exposición de Motivos. 3. Parte Dispositiva Adopta a forma de artigo único pois soamente modifica una norma e segue con fidelidade o manual de estilo e a tipoloxía que debe darse á numeración e separación de puntos. Este artigo único divídese en tres partes numerais: Un e tres, para modificar a redacción de artigos preexistentes na norma, en liña coa finalidade que se pretende acadar xa reflectida na exposición de motivos; o dous, para incorporar un novo capítulo cun novo artigo con tres parágrafos, converténdose na modificación máis extensa por ser a que centra o maior contido de fondo no enfoque político da modificación que pretende a proposición de lei. A continuación engádense dous disposición derradeiras habituais nas proposición de leis, a modo de peche, primeira para a habilitación normativa que corresponderá ao Consello da Xunta, e segunda para a entrada en vigor, coa particularidade de que a deixa para o día seguinte ao da súa publicación no DOG e non o mesmo día da mesma. Ademais da observancia dos criterios de redacción e técnica normativa, a tramitación escrupulosa en todas as súas fases do procedemento reforzan a garantía daquela seguridade xurídica mencionada ao inicio. Esta Proposición de Lei cumpre cos requisitos dos artigos 122 e seguintes do Regulamento da Cámara e pode comprobarse no detalle dos trámites do expediente 10/PPL-00020, enlazado na web do Parlamento de Galicia: Entrada da iniciativa co número do rexistro de entrada, admisión a trámite, notificación á Consellería competente, oficio de execución dos acordos da Mesa, publicación no BOPG da iniciativa, informes do impacto de xénero, coñecemento do informe de impacto de xénero e traslado á Xunta de Portavoces, notificación ao portavoz do grupo, notificación aos portavoces, rexeitamento da toma en consideración, oficio de execución dos acordos do Pleno, publicación no BOPG do rexeitamento da toma en consideración. Para rematar, desde a miña opinión no eido de elaboración normativa, nesta Proposición de lei de modificación da Lei 12/2013, destacaría positivamente a súa linguaxe sinxela e directa, cunha comprensión clara, entendible para a maioría, nin vulgar nin culta, facilitada tamén por unha estrutura normativa simplificada e concisa. Por contra, na introdución da Exposición de Motivos faltaríalle algunha breve mención de xerarquía normativa á Constitución Española e ao Estatuto de Autonomía de Galicia para dar contexto ás competencias en materia de Sanidade, e mesmo, de se-lo caso, referencias comparadas a actuacións semellantes noutras Comunidades Autónomas para reforzo do Sistema público de saúde.

2 - Escrito por Noa Mascareñas Sande o 29/11/2018 14:48

A norma obxecto de comentario é a proposición de lei de modificación da Lei 12/2013, do 9 de decembro, de garantías de prestacións sanitarias, co obxecto de reforzar o Sistema público de saúde. Para a análise de dita norma, seguiranse as directrices da técnica normativa recollidas no Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 30 de outubro de 2014, polo que se aproban as Directrices de técnica normativa. Debe terse en conta que a Constitución Española (CE) establece no seu artigo 148.1 as competencias que poderán asumir as Comunidades Autónomas. Neste caso, interesa o seu apartado 21º, xa que lle daría competencia a Galicia no referido a “Sanidad e higiene”. Aínda así, o Estado seguiría a ter a competencia exclusiva, segundo o disposto no artigo 149.1.16º CE, en “Sanidad exterior. Bases y coordinación general de la sanidad. Legislación sobre productos farmacéuticos.”. Na mesma liña, esta competencia aparece recollida na Lei Orgánica 1/1981, do 6 de abril, do Estatuto de Autonomía para Galicia, no seu artigo 33, apartado 1º, que establece que “Corresponde a la Comunidad Autónoma el desarrollo legislativo y la ejecución de la legislación básica del Estado en materia de sanidad interior.”. No apartado 4º do mesmo artigo establécese que “La Comunidad Autónoma podrá organizar y administrar a tales fines y dentro de su territorio todos los servicios relacionados con las materias antes expresadas, y ejercerá la tutela de las instituciones, entidades y fundaciones en materia de Sanidad y Seguridad Social, reservándose el Estado la alta inspección conducente al cumplimiento de las funciones y competencias contenidas en este artículo.”. A Mesa do Parlamento toma coñecemento da referida iniciativa e, dado que se presenta nos termos previstos no artigo 122 do Regulamento da Cámara, acorda: I. Admitir a trámite a Proposición de lei de modificación da Lei 12/2013, do 9 de decembro, de garantías de prestacións sanitarias, co obxecto de reforzar o Sistema público de saúde. II. Dispoñer o seu traslado á Xunta de Galicia para que emita o informe previsto no Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade, e para que manifeste o seu criterio e a súa conformidade respecto da súa tramitación nos termos previstos no artigo 123.2 do Regulamento. III. Ordenar a súa publicación no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia. Para comezar coa análise dos criterios da técnica normativa, o primeiro a ter en conta é como debe ser a súa división e o seu contido. Unha proposición de lei debe estruturarse nas seguintes partes: título da disposición, parte expositiva e parte dispositiva, na cal se inclúen o articulado, a parte final e os anexos (de ser o caso). A proposición de lei de modificación da Lei 12/2013 cumpre este primeiro criterio de división, xa que despois do título da disposición (Proposición de lei de modificación da Lei 12/2013, do 9 de decembro, de garantías de prestacións sanitarias, co obxecto de reforzar o Sistema público de saúde), aparece a parte expositiva e, a continuación, a parte dispositiva que contén o articulado. Neste caso, un artigo único con tres apartados, coas modificacións que se propoñen sobre a Lei. Entre elas, o primeiro apartado referido ao informe anual (artigo 26.2); o segundo incorpora un novo capítulo VI ter (Reforzamento do Sistema público de Saúde), cun novo artigo 31 ter (Garantía de reforzamento do Sistema público de saúde) con tres apartados; e un terceiro apartado que afecta ao artigo 27 da Lei (Información xeral dos tempos de acceso). A continuación a parte final, na que aparecen unha disposición derradeira primeira (Habilitación normativa) e unha disposición derradeira segunda (entrada en vigor). O título forma parte do texto e permite a súa identificación, interpretación e cita. Nas disposicións modificadoras, como neste caso, o nome indica este carácter explicitamente, con cita do título completo da disposición modificada (Proposición de lei de modificación da Lei 12/2013, do 9 de decembro, de garantías de prestacións sanitarias, co obxecto de reforzar o Sistema público de saúde). Nalgúns casos, como nos anteproxectos de lei, a parte expositiva denomínase “exposición de motivos” e débese inserir así no texto correspondente. Neste caso, como nos atopamos cunha proposición de lei, non se titula a parte expositiva; aquí non se cumpre este criterio porque esta proposición de lei leva por título na parte expositiva “Exposición de motivos”. A parte expositiva desta proposición de lei de modificación fai un breve resume do contido da Lei 12/2013, co fin de lograr unha mellor comprensión do texto e da súa finalidade. Neste caso, o obxecto da reforma da Lei 12/2013 é que os poderes públicos tomen as medidas necesarias para reforzar o Sistema público de saúde, procurando unha mellora das súas prestacións e contribuíndo a aumentar as garantías necesarias para o exercicio dos dereitos das persoas usuarias a unha atención sanitaria pública, promovendo actuación a través dos centros propios e minorando as de sectores alleos. Ao final da proposición aparece unha lista cos antecedentes lexislativos. Esta lista estaría mellor recollida na parte expositiva da norma, xa que a función desta é, entre outras, a de describir o contido da disposición, indicar o seu obxecto e finalidade, e os seus antecedentes. É dicir, na parte expositiva (ao contrario que na dispositiva), admítese a mención dunha norma seguida das súas modificacións para describir as razóns que motivan a aprobación da nova norma. Por exemplo, nesta proposición faise referencia á Lei 12/2013, para comentar que xa foi obxecto dunha modificación anterior mediante a Lei 13/2014, do 22 de decembro. A unidade de división das normas modificadoras será normalmente o artigo. Os artigos numeraranse con ordinais escritos en letras e destacaranse tipograficamente do seguinte modo: na marxe esquerda da liña superior á do texto do artigo correspondente (neste caso, existe nada mais que un artigo único), escribirase a palabra «Artigo» en minúscula, agás a primeira letra, citando a palabra completa, no mesmo tipo de letra que o texto e en grosa. Despois da palabra «Artigo» colocarase o ordinal escrito con letras en grosa, seguido dun punto e dun espazo. A continuación, debe figurar o título do artigo en cursiva e con minúsculas, salvo a maiúscula inicial e as que procedan ortograficamente, e sen punto ao final. Cúmprese este criterio, xa que é así como aparece nesta disposición: Artigo único. Modificación da Lei 12/2013, do 9 de decembro, de garantías de prestacións sanitarias. O contido do artigo ponse na liña inferior ao seu título, en minúscula agás a maiúscula inicial e as que procedan ortograficamente. O texto marco non debe confundirse co título do artigo. É o que indica as disposicións que se modifican e como se produce a súa modificación. Expresa con claridade e precisión os datos da parte que modifica e o tipo de modificación realizada. Neste caso, o texto marco dos apartados un, dous e tres indican a nova redacción dos artigos 26.2 e 27 da Lei 12/2013, e a incorporación dun novo capítulo VI ter (cun novo artigo 31 ter). Neste caso a proposición modifica unha soa norma, polo que conten un artigo único titulado coa identificación completa da norma modificada detrás da expresión “modificación de”. A continuación, insírese o texto marco. Como esta modificación afecta a varios preceptos dunha soa norma, o artigo único divídese en partes, unha por precepto, nas cales se insire como texto marco unicamente a referencia ao precepto que se modifica. Nesta proposición, ademais, especifícase o título da norma de novo, e non faría falta xa que se especifica no parágrafo introdutorio. Estas partes van numeradas con cardinais escritos en letra (neste caso: un, dous, tres). Ademais, coma unha das modificacións consiste en engadir un artigo novo na disposición orixinal, o artigo engadido recibe o número do artigo despois do cal se sitúe, seguido do adverbio numeral latino que por orde corresponda. Neste caso, o artigo orixinario é o “artigo 31”; o artigo engadido sería “artigo 31 ter”. Atendendo xa á parte final, aparecen dúas disposición derradeiras: a disposición derradeira primeira e a disposición derradeira segunda. A disposición derradeira primeira, Habilitación normativa, correspóndese coas autorizacións e mandatos dirixidos á produción de normas xurídicas. Esta cláusula diríxese á persoa titular do órgano (Consello da Xunta de Galicia), delimita o ámbito material, establece un prazo de catro meses e os criterios que debe conter o seu futuro desenvolvemento. A disposición derradeira segunda, Entrada en vigor, fai referencia ás regras sobre a entrada en vigor da norma. Fíxase por referencia á publicación cando a nova disposición deba entrar en vigor de forma inmediata. A fórmula correcta é “entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación”, e non a que utiliza esta proposición de lei “ao día seguinte da súa publicación”. Por último, e facendo referencia aos criterios lingüísticos xerais que deben seguir as normas, debe ser comentado que esta disposición está escrita cun nivel de linguaxe culto, pero accesible para o cidadán medio, e sempre mantendo unha terminoloxía unitaria. Pode dicirse que se utiliza un repertorio léxico común, o que a fai de fácil comprensión, pero sen deixar de ser precisa. Ademais, a redacción do texto busca a claridade por medio dunha estrutura gramatical correcta, directa e sinxela. Nesta liña, podería evitarse o uso de formas pasivas; por exemplo, na disposición aparece a expresión “que polos poderes públicos se tomen as medidas necesarias”; no lugar de “que os poderes públicos tomen as medidas necesarias”. Respecto dos signos ortográficos, dicir que contribúen de maneira decisiva a dar ás frases o sentido que se pretende. Como regra xeral, escríbense unidos á palabra anterior e separados da seguinte, se a hai, por un espazo. O uso das maiúsculas debe restrinxirse o máximo posible. As letras maiúsculas deben acentuarse graficamente sempre que o esixan as regras de acentuación. En conclusión, pode extraerse desta proposición de lei de modificación da Lei 12/2013, do 9 de decembro, de garantías de prestacións sanitarias, co obxecto de reforzar o Sistema público de saúde, que o seu texto se adecúa tanto na técnica xurídica como na normativa aos criterios que aquí se están a analizar. É dicir, podemos atopar nesta disposición un adecuado uso da linguaxe, así como da claridade e do seu contido. Cumprindo os criterios desta técnica, axuda a constituír un Ordenamento Xurídico ben estruturado (con normas formuladas de forma correcta), para garantir así o principio de seguridade xurídica regulado no artigo 9.3 da Constitución Española.