Lexisla con Nós

Proposición de lei de iniciativa lexislativa popular de medidas para a garantía dos dereitos lingüísticos no ámbito socioeconómico. (10/PPLI-000002)

15/02/2017 13:50
Proposición de lei de iniciativa lexislativa popular de medidas para a garantía dos dereitos lingüísticos no ámbito socioeconómico

Documentos relacionados:

Opinións

1 - Escrito por Elena Álvarez Martínez o 03/03/2017 13:45

O seguinte traballo consiste nun comentario sobre a técnica normativa da Proposición de lei de iniciativa lexislativa popular de medidas para a garantía dos dereitos lingüísticos no ámbito socioeconómico. Hai que ter en conta que unha boa técnica lexislativa é sinónimo de seguridade xurídica e coherencia interna do ordenamento xurídico. No análise desta norma comezaremos pola súa estrutura, que debe ser a seguinte: Título da disposición, parte expositiva e parte dispositiva. Neste caso, non é unha excepción e a estrutura segue o esquema establecido. Empezaremos polo título da disposición que é o seguinte: “Proposición de lei, por iniciativa lexislativa popular de medidas para a garantía dos dereitos lingüísticos no ámbito socioeconómico”. O título forma parte do texto e permite a súa identificación, interpretación e cita; así mesmo, componse de tres elementos: Identificación da norma, nome da norma e data de publicación. A identificación da norma na presente sería “Proposición de lei, por iniciativa lexislativa popular”. O nome, que ten como fin identificar a norma, sería “de medidas para a garantía dos dereitos lingüísticos no ámbito socioeconómico”, o cal, na miña opinión, identifica con gran claridade obxecto da disposición. Respecto ao número e á data, o último dos elementos que compón o título, non aparece, o motivo de isto é que esta proposición de lei aínda non foi aprobada polo Pleno. O seguinte elemento que se pode atopar nunha norma é o índice, que debe ir colocado despois do título e sempre antes da parte expositiva. A inclusión dun índice é potestativa e neste caso o lexislador optou por non incorporalo, decisión que me parece acertada, pois se trata dunha norma que consta so de catro artigos, polo que é unha disposición especialmente breve. A continuación atopamos a parte expositiva, a cal non debe titularse ao tratarse dunha proposición de lei, xa que unicamente se titulan, coa denominación de “exposición de motivos”, os proxectos de lei. A pesar do exposto, si está titulada, pois encabézase a norma coa expresión “exposición de motivos”, o cal me parece un erro. A parte expositiva ten como obxecto explicar os motivos polos que se realiza a disposición, así como os aspectos máis relevantes da tramitación. Na presente, elabórase unha ampla explicación da motivación que deu lugar á redacción desta norma, aínda que non se efectúa ningunha referencia á tramitación. Pasando á parte dispositiva, esta está encabezada polo título da norma, o cal, dende o punto de vista da técnica normativa, é un erro, pois entre a parte expositiva e a parte dispositiva non debe incluírse o título da disposición. No relativo a súa estrutura, a súa brevidade permite que coa inclusión de catro artigos sexa suficiente para dividir a lei, prescindindo así doutras unidades de división como son os libros, os títulos, os capítulos, as seccións e as subseccións. Os artigos deben ir numerados en cardinais arábigos, e este caso non é unha excepción. Así mesmo, todos os artigos deben levar un título que indique concisamente o contido ou a materia á que se refiren; neste caso, optouse por non se incluír, o cal tamén é un erro se temos en conta as recomendacións para unha correcta técnica normativa. No relativo aos criterios de redacción que debe reunir un artigo, os catro artigos que compoñen a norma cúmprennos de forma exitosa, pois cada un constitúe unha unidade de sentido completa, ademais, en cada artigo se recolle un tema, en cada parágrafo un enunciado e en cada enunciado unha idea. Así mesmo, o artigo 1 debe subdivirse, para o que utiliza de forma correcta as letras minúsculas ordenadas alfabeticamente e prescindindo da “ch”. No relativo a parte final, esta pode constar de disposicións adicionais, transitorias, derrogatorias e derradeiras. Nesta norma unicamente contamos cunha disposición derradeira. Esta disposición está redactada de forma incorrecta, pois utiliza a fórmula “a lei entrará en vigor ao día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galiza”, sendo a expresión correcta “entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación”. A pesar da incorrecta redacción, a idea que se transmite é posíbel, pois pode fixarse como referencia da entrada en vigor a data de publicación cando dita norma deba entrar en vigor de forma inmediata. Outro dos elementos pertencentes a parte dispositiva das normas cos que pode contar unha disposición son os anexos, pero neste caso non se considerou necesario a súa inclusión. En canto aos criterios lingüísticos xerais que deben seguir as normas, na presente a redacción é clara, sinxela e precisa, utilizando unha linguaxe culta á par que é accesíbel para a persoa media. Os termos empregados non deixan marxe para que se poida dar lugar a confusión, dáse unha coherencia terminolóxica, preséntase unha estrutura gramatical correcta e, todo isto, gardando un decoro lingüístico sen incorrer en redundancias, reiteracións ou vulgarismos. No relativo ao informe de impacto de xénero, tal é como establece o artigo 7 do Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade, é preceptiva a súa realización polo Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller. A pesar do exposto, na presente iniciativa lexislativa aínda non se chegou a dito trámite preceptivo, polo que o citado informe aínda non se realizou. No relativo á utilización de linguaxe non sexista e inclusiva, dita norma cumpre este requisito, así utiliza termos tales que “a clientela”, “galegos e galegas”, “consumidores e consumidoras”, “usuarios e usuarias”, etcétera. Para a realización dunha boa cita nunha lei, debe incluírse o título completo da norma: tipo (completo), número e ano (cos catro díxitos), data e nome. Na presente faise referencia á “Lei 1/2010, do 11 de febreiro”, a cal, tendo en conta a explicación que precede, non está formulada de forma correcta, pois debería incluírse o nome desta Lei. Na contra, a cita á “Lei 2/2012, do 28 de marzo, galega de protección xeral das persoas consumidoras e usuarias” si que cumpre os requisitos explicados. Estas regras non son aplicábeis cando se tratan de disposicións internacionais ou comunitarias, polo que as citas á “Carta Europea de Linguas Rexionais ou Minorizadas” ou á “Declaración Universal de Dereitos Lingüísticos” están correctamente formuladas. Por último, sinalar que a utilización de siglas e abreviatura non é aconsellábel, pois pode supoñer unha perda de transparencia, neste caso, no último parágrafo da exposición de motivos utilízase o termo ILP para referirse a esta iniciativa lexislativa popular, o cal me parece un erro, pois non é un termo tan popularizado como para incluílo nunha disposición. Por todo o exposto, podo concluír que en xeral esta proposición de lei de iniciativa lexislativa popular axústase á técnica xurídica e normativa que dispoñen as resolucións aprobadas ao efecto, sen prexuízo das observacións e recomendacións realizadas.