Catro novos deputados toman posesión no Parlamento de Galicia nun pleno que tamén elixiu á nova vicesecretaria da Mesa
* Carme Adán asumiu a vicesecretaría da Mesa do Parlamento, en substitución de Anxo Quintana
Santiago, 13 de setembro de 2011.- Catro novos deputados tomaron hoxe posesión do seu cargo ao inicio do Pleno do Parlamento de Galicia. Trátase de D.ª Marta María Rodríguez-Vispo Rodríguez (PPdeG, en substitución de D. Rosendo Luis Fernández Fernández); D.ª Fátima Iglesias Ferreira (PPdeG, en substitución de D. Ignacio Javier López-Chaves Castro); D. Miguel Ángel Fernández López (PSdeG-PSOE, en substitución de D. José Tomé Roca), e D. Carlos Fernando Branco Parga (BNG, en substitución de D. Anxo Manuel Quintana González).
Acto seguido, o Pleno do Parlamento elixiu a Carme Adán Villamarín (BNG) como vicesecretaria da Mesa do Parlamento, que substituíu neste posto a Anxo Quintana.
PERFIL DOS NOVOS DEPUTADOS
Marta Rodríguez-Vispo Rodríguez
Ourense
Casada e con dúas fillas. Licenciada en farmacia pola Universidade de Santiago de Compostela. Licenciada en ciencia e tecnoloxía dos alimentos pola Universidade de Vigo. Diplomada en sanidade. Especialista en xestión e administración sanitaria. Diploma de directivo da Xunta de Galicia. Funcionaria do corpo facultativo superior da Xunta de Galicia da escala de Saúde Pública e Administración Sanitaria. Foi concelleira en Ourense na lexislatura 2007-2011.
Deputada pola circunscrición electoral de Ourense
Fátima Iglesias Ferreira
A Guarda, 1971
Casada e con dous fillos. Licenciada en ciencias da educación e pedagoxía pola Universidade de Santiago de Compostela. Máster en axente de emprego na Universidade de Vigo. Orientadora laboral desde o ano 2001 na Asociación de Empresarios da Guarda. Concelleira e voceira do PP da Guarda desde maio de 2007. Presidenta da xestora local do PP da Guarda desde 2008. Membro do Comité Provincial do PP Pontevedra desde 2009.
Deputada da circunscrición electoral de Pontevedra
Miguel Ángel Fernández López
Baracaldo (Biscaia), 1963
Licenciado en medicina e cirurxía. Médico adxunto do Servizo de Medicina Intensiva e Unidade Coronaria, ex coordinador do Servizo de Urxencias e ex director xerente do Complexo Hospitalario Xeral-Calde de Lugo.
Secretario Xeral do PSdG-PSOE de Sarria, membro do Grupo de Saúde do PSOE de Lugo e do Consello Provincial do PSdG-PSOE. Coordinador autonómico de Cristiáns Socialistas. Concelleiro do PSdG-PSOE en Sarria de 2003 a 2005. Parlamentario autonómico polo PSdG-PSOE na VII lexislatura desde abril de 2008.
Deputado da circunscrición electoral de Lugo
Fernando Branco Parga
As Pontes, 1957
Sindicalista de Endesa. Delegado sindical da CIG desde hai 20 anos e membro do comité de empresa. Deputado do grupo parlamentario do BNG na VII lexislatura, na que exerceu como portavoz de Industria, Enerxía e Emprego.
Forma parte da Executiva Nacional da Federación de Químicas e Enerxía da CIG, na que é responsable de política industrial. Representante da CIG no Plan de dinamización económica e industrial das Pontes. Membro do Consello Confederal da CIG, do Consello Local do BNG das Pontes e do Consello Comarcal do BNG de Ferrolterra.
Deputado pola circunscrición electoral da Coruña
Saúdos, Gabinete de Comunicación
Imaxes Relacionadas