Acordos da Comisión 1.ª, Institucional, de Administración Xeral, Xustiza e Interior, 08-09-2010
Proposicións non de lei ante a Comisión 1024,1058
A Comisión 1.ª, Institucional, de Administración Xeral, Xustiza e Interior, na reunión do 8 de setembro de 2010, adoptou os seguintes acordos:
Aprobación por unanimidade con modificacións:
- 08/PNC-1024 (39174) Grupo Parlamentario do Bloque Nacionalista Galego Lobeira Domínguez, Bieito Sobre a adopción de medidas que garantan na Administración pública galega a atención ás persoas en lingua galega
BOPG núm. 264, do 01.07.2010
O texto aprobado é o seguinte:
"O Parlamento de Galicia insta ao Goberno galego a:
Consolidar na Administración Pública Autonómica e nos organismo e entes dela dependentes o uso do galego como lingua xeral de referencia, tanto a nivel escrito como oral, garantindo, en todo caso, a cooficialidade lingüística establecida na Constitución e no Estatuto de Autonomía de Galicia. En consecuencia, establecerase o galego como lingua de contacto inicial entre o funcionariado e os administrados e administradas nas relacións presenciais e na atención telefónica, sen prexuízo de dereito destes últimos á atención na llingua oficial da súa preferencia.”
- 08/PNC-1058(41244) Grupo Parlamentario Popular de Galicia Rodríguez Miranda, Antonio e 6 deputados máis Sobre o cambio no Regulamento xeral de vehículos, relativo á homologación da sinalización luminosa nos vehículos dos servizos de emerxencias
BOPG núm. 279, do 23.07.2010
O texto aprobado é o seguinte:
"O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a:
Que se dirixa ao Goberno do Estado para promover o cambio no Regulamento xeral de vehículos de xeito que recolla o cambio de cor e homologación da sinalización luminosa, nos vehículos dos servizos de emerxencias, pasando ao azul coma no resto de países da Unión Europea.
Así mesmo, que transmita ao Goberno do Estado a dispoñibilidade do Goberno galego a impulsar no plano organizativo, funcional e económico todas as medidas necesarias para implementar en Galicia a posta en marcha da mencionada sinalización."
Santiago de Compostela, 8 de setembro de 2010
Imaxes Relacionadas