O Parlamento de Galicia defende a súa capacidade normativa e solicita a desestimación do recurso do Goberno central contra a Lei galega de caixas
A Cámara galega exerce o seu dereito, ante o máximo intérprete da Carta Magna, en defensa da constitucionalidade das súas leis e das competencias da Comunidade Autónoma
• Tamén solicita o levantamento da suspensión da vixencia dos artigos recorridos polo Goberno central ante o TC por lesionar os intereses de Galicia ao impedir a reorganización do seu mapa financeiro
Santiago, 13 de marzo de 2010.- O Parlamento de Galicia remitiulle este venres ao Tribunal Constitucional o documento de alegacións ao recurso de inconstitucionalidade presentado polo Goberno central contra a reforma da Lei galega de caixas de aforro.
A Cámara galega personouse neste procedemento en defensa da constitucionalidade dunha lei aprobada polo Parlamento de Galicia, no marco das súas competencias, pero tamén en defensa da capacidade lexislativa da Comunidade Autónoma.
O documento de alegacións, asinado pola presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo Noguera, foi elaborado polos servizos xurídicos da institución e debulla, punto por punto, os argumentos legais que, ao seu xuízo, avalan a constitucionalidade dos dez puntos recorridos polo Goberno central ante o Tribunal Constitucional.
A presentación destas alegacións prodúcese despois de que a Mesa do Parlamento de Galicia acordase, o pasado 2 de marzo, a presentación da Cámara autonómica en defensa da Lei galega de caixas, unha vez examinada a providencia do Tribunal Constitucional pola que se admitiu a trámite o recurso promovido polo Goberno central.
Levantar a suspensión da vixencia da lei
No mesmo documento, o Parlamento de Galicia solicítalle ao Tribunal Constitucional o levantamento da suspensión da vixencia dos dez puntos da lei galega de caixas recorridos polo Goberno central ante o TC e defende a súa aplicación por entender que se axustan ao texto constitucional.
A argumentación xurídica do Parlamento de Galicia susténtase, entre outros, na certeza de que a suspensión derivada da presentación do recurso lesiona as competencias da Comunidade Autónoma e causa un prexuízo evidente sobre calquera estratexia encamiñada á necesaria reorganización do mapa financeiro galego.
Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.
Imaxes Relacionadas