O Parlamento de Galicia acolle este luns o pleno solemne conmemorativo do seu 30 aniversario
• É o acto central das diferentes celebracións organizadas para poñer en valor as tres décadas de existencia da Cámara lexislativa galega
• A presidenta do Parlamento, Pilar Rojo, considera que a Cámara“está consolidada como a primeira institución da vida democrática galega”
Santiago, 18 de decembro de 2011.- O Parlamento de Galicia acolle este luns, 19 de decembro, o pleno solemne conmemorativo do seu trixésimo aniversario, dado que a primeira lexislatura da Cámara galega se constituíu o 19 de decembro de 1981.
Para reivindicar e poñer en valor o papel do Parlamento de Galicia ao longo dos 30 anos transcorridos desde a pirmeira sesión celebrada no Pazo de Xelmírez, a Cámara galega deseñou diferentes actividades e proxectos que teñen o seu broche no pleno solemne conmemorativo que se celebrará no Hemiciclo este luns.
Acto institucional
Neste acto central para conmemorar o 30 aniversario da institución, está prevista a intervención dos portavoces dos tres grupos políticos con representación parlamentaria –Carlos Aymerich, polo BNG; Abel Losada, polo PSdeG-PSOE; e Pedro Puy, polo PPdeG -, e a presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo Noguera, que pechará o Pleno Solemne.
Primeira institución da democracia en Galicia
Para Pilar Rojo, ao cumprirse os 30 anos de vida do Parlamento de Galicia, queda acreditado que “a Cámara está consolidada como a primeira institución da vida democrática da Comunidade Autónoma e esfórzase, a cotío, por lexislar e buscar solucións, desde un espírito de concordia, aos problemas que máis preocupan aos galegos”.
Ao acto de mañá foron convidados os exdeputados que ao longo destas tres décadas teñen ocupado un escano no lexislativo autonómico, pero tamén os representantes das primeiras institucións da Comunidade Autónoma de Galicia.
Outras actividades
No segundo semestre deste ano, e no marco da conmemoración do seu 30 aniversario, o Parlamento de Galicia organizou outras actividades, como unha homenaxe a todos os exdeputados da Cámara (celebrado o pasado 30 de novembro); unha exposición sobre as orixes do Parlamento e titulada “Aqueles Primeiros Anos (1981-1989)”, aberta ao público o pasado mes de xullo e que se pode visitar aínda nas dependencias do Pazo do Hórreo; o descubrimento dunha praca na primeira sede provisional do Parlamento de Galicia (este venres, 16 de decembro, no Pazo de Xelmírez); ou a edición dun libro para recuperar a memoria destas tres décadas da institución e no que ao longo das súas máis de 400 páxinas se debullan acontecementos e recordos dos diferentes protagonistas desta andaina.
Paralelamente, o Parlamento, e a Asociación de exdeputados do Parlamento de Galicia, organizaron un ciclo de charlas itinerantes para alumnos de Bacharelato en diferentes centros de ensino secundario da Comunidade Autónoma. Durante os meses de abril e maio de 2011, 21 centros educativos de Galicia acolleron o ciclo de charlas itinerantes nunha aposta por abrir a institución á sociedade. A experiencia retomarase neste curso, a partir de xaneiro de 2012.
Previsión informativa
Luns, 19 de decembro de 2011
Parlamento de Galicia
12,30 horas.- Pleno Solemne de conmemoración do XXX aniversario do Parlamento de Galicia
Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia
Imaxes Relacionadas