Santalices pide que a recuperación económica “se estenda a todas e todos”, con “máis empregos” e “incrementos salariais”

 
• O presidente do Parlamento exerce como delegado rexio na Ofrenda da Translación que se celebrou na Catedral de Santiago
 
• O oferente anima a reflexionar sobre os erros do pasado para “deixarse guiar pola conciencia, velar polo cumprimento da lei e poñer as persoas no centro das nosas decisións”
 
• “Que o conxunto dos pobos de España superemos diferenzas e sexamos capaces de tender pontes que faciliten a convivencia”
 
• “Europa precisa de líderes e proxectos capaces de devolver a ilusión sobre as bases de sempre: paz, progreso e dereitos humanos, valores eternos e consubstanciais ao humanismo cristiá que nutre as nosas raíces máis profundas”
 

Santiago, 30 de decembro de 2017.- O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, exerceu hoxe como delegado rexio na Ofrenda da Translación celebrada na Catedral de Santiago, unha tradición de varios séculos na que o oferente quixo “compartir as angurias e as ilusións do noso pobo, persuadido de que é a nós, os homes e mulleres desta terra, a quen corresponde labrar o noso futuro”.
 
Para Santalices, a ofrenda “reafirma os vínculos da coroa cos valores, as tradicións e os símbolos xacobeos”.
 
Afirmou o presidente do Parlamento de Galicia que “saímos dunha crise intensa –económica, pero  tamén de valores- que castigou con forza a infinidade de familias e fogares. Coa recuperación chegou, por tanto, o tempo de que esta se estenda a todas e a todos, en forma de máis emprego, e tamén de incrementos salariais acordes cos beneficios das empresas”.
 
Na súa invocación, o delegado rexio animou a reflexionar “sobre os erros de onte, no ámbito público e no das empresas, especialmente no sector financeiro, onde puntualmente puido semellar que a cobiza se antepuña á ética. Chegou o tempo de deixarse guiar pola conciencia, velar polo cumprimento da lei e poñer ás persoas no centro das nosas decisións. Facelo desde  a ética, con responsabilidade e sen tentacións demagóxicas ou curtopracistas”.
 
Renovar valores e comportamentos caducos
 
Neste chamamento a renovar “valores e comportamentos caducos”, Santalices Vieira animou a traballar con “afán de inclusión, contando con todos”, ao tempo que instou a utilizar as “ferramentas de participación democrática”.
 
Considerou que a celebración do Ano Europeo do Patrimonio Cultural en 2018 ofrece a posibilidade de “cultivar a diversidade e o diálogo entre pobos e culturas, propiciar o coñecemento, o respecto e a comprensión mutuas, desde a tolerancia”.
 
Recordou Santalices que se veñen de cumprir 70 anos da redacción de Alba de Gloria,  “o máis fermoso discurso da historia de Galicia”, obra de Castelao “daquela xa enfermo e decepcionado, vítima do desterro ao que, coma el, foran abocados milleiros de  irmáns nosos. Malditas sexan todas as guerras e todas as ditaduras”.
 
Avogou polo coñecemento da historia e tamén por “fuxir da tentación de reabrir feridas que aviven ciúmes ou dificulten a convivencia”.
 
O delegado rexio tivo presente á “xuventude, formada e responsable, que necesita e merece unha oportunidade laboral a partir da que construír o seu  propio futuro e mesmo superar un dos nosos maiores retos, o devalo demográfico”.  Referiuse tamén ás persoas enfermas, as vítimas da violencia de xénero, as persoas refuxiadas ou sen fogar e a “todos os que sofren, sexa cal sexa a causa”.
 
Violencia incompatible coa relixión
 
O presidente do Parlamento de Galicia sumouse ás peticións do Papa Francisco para que cesen todos os enfrontamentos de base étnica ou relixiosa e subliñou que “nada hai máis sagrado que a vida humana e o respecto á liberdade dos nosos semellantes”. Por iso, afirmou, “nunca a violencia, o enfrontamento armado ou a destrución da dignidade humana poden atopar xustificación” na  relixión.
 
Santalices Vieira cualificou de “tesouro” o feito diferencial galego, cunha historia, un territorio e unha fala que integran a cultura  de Galicia. “Unha Galicia –dixo- que nas últimas catro décadas se dotou das súas propias institucións de autogoberno, exemplo para moitos”.
 
O titular do Lexislativo galego destacou a capacidade de integración de Galicia na “España plural e diversa, cunha democracia consolidada que nos permitiu acadar as maiores cotas de estabilidade, liberdade, benestar e progreso de todos os tempos”. Integración tamén na Unión Europea, “o maior espazo de democracia, prosperidade e respecto aos dereitos humanos de todo o mundo”. Apuntou tamén que “ser galego propicia unha relación fraternal con América, outrora fogar de acollida e hoxe espazo de proxección e intercambio, prolongación natural desta Iberia nosa”.
 
“Redescubrir o que nos une”

 
Nunha intervención en galego e castelán, o oferente avogou porque “o conxunto dos pobos de España superemos diferenzas e sexamos capaces de tender pontes que faciliten a convivencia harmónica entre cidadáns que, a pesar das súas diversas sensibilidades, comparten tamén, ao mellor sen percatarse, intereses e valores comúns que debemos cultivar e potenciar. Redescubrir o que nos une”.
 
O presidente do Parlamento de Galicia invocou a protección do Apóstolo Santiago para o Rei Felipe VI e a súa familia, “para que continúe exercendo as súas funcións constitucionais con acerto, sabiduría e prudencia, porque o seu éxito será o de todos os españois”.
 
Na invocación, o delegado rexio incluíu tamén aos responsables públicos, “para que a búsqueda do benestar da cidadanía guíe cada un dos nosos pasos”.  Pediu tamén “solidariedade e capacidade de entendememento” para construír unha sociedade máis harmónica, aberta a todas as sensibilidades”.
 
“Nun mundo que parece máis pendente das pantallas que das persoas –reflexionou Santalices na invocación ao Apóstolo-, acentúa a nosa capacidade de discernimento, recuperando a confianza e o papel insubstituíble dos profesionais da comunicación”.
 
Admitiu o oferente que “Europa, berce da civilización occidental, precisa de líderes e de proxectos capaces de devolver a ilusión sobre as bases de sempre: paz, progreso e promoción dos dereitos humanos, valores eternos e consubstanciais ao humanismo cristiá que nutre as nosas raíces máis profundas”.
 
Medio Ambiente
 
Desafíos como o cambio climático, a contaminación a sobreexplotación dos recursos ou os incendios forestais  que “tinguiron de loito e negrura extensos territorios de Galicia, de comunidades limítrofes como Castela e León ou Asturias, e do país irmán, Portugal”, foron tamén mencionadas na Ofrenda da Translación. Santalices Vieira reclamou “que todas e todos nos impliquemos máis intensamente no coidado do noso privilexiado medio ambiente e que os comportamentos criminais que atentan contra este patrimonio común sexan desterrados para sempre”.
 
“Para todas as Españas e para Galicia invoco a túa protección, señor Santiago: pido acerto para o día a día, e tamén saúde –o ben máis prezado ao que pode aspirar calquera- para, entre todos, sentar as bases dunha sociedade mellor, máis aberta, segura e solidaria”, rematou o delegado rexio.
 
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación

Imaxes Relacionadas

Recepción no Concello de Santiago

Outras novas


Emisións en directo

Non temos emisións en directo neste momento.

Erro ó carga-la páxina. Error en el servidor remoto: (404) No se encontró.

© Parlamento de Galicia, 2011 | Rúa do Hórreo, 63 - 15701 Santiago de Compostela | Tel.: 981 551 300 Fax: 981 551 408