Santalices subliña que Carlos Casares “foi unha persoa especialmente comprometida coa autonomía de Galicia, desde a racionalidade e a moderación”

 
• O presidente do Parlamento entregou en Xinzo de Limia o I Premio Carlos Casares de Xornalismo Literario a Alfonso Vázquez Monxardín

Santiago, 22 de decembro de 2017.- O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira participou esta tarde en Xinzo de Limia no acto de entrega do I Premio Carlos Casares de Xornalismo Literario, outorgado a Alfonso Vázquez Monxardín; e o Premio  de portadas para Vento Ferido, que recaeu en José González Joga.
 
Santalices felicitou ao Concello de Xinzo de Limia pola convocatoria destes certames que “contribuirán a perpetuar e divulgar os vínculos de Carlos Casares co lugar no que viviu unha das etapas vitais máis felices.
 
Comprometido con Galicia
 
Recordou o presidente do Parlamento de Galicia que “Carlos Casares foi unha persoa especialmente comprometida coa autonomía de Galicia e coa normalización da lingua galega desde unha óptica de racionalidade e moderación, como a que impregna o galeguismo difuso –que moitos nos honramos en profesar- propugnado polo seu amigo e compañeiro Ramón Piñeiro.
 
O presidente da Cámara galega destacou tamén os méritos de Alfonso Vázquez Monxardín, gañador do I Premio Carlos Casares de Xornalismo Literario. “O profesor Vázquez Monxardín –afirmou- é moito máis ca un profesor ao uso, é un mestre; un autor brillante, un erudito caracterizado por unha capacidade innata para transmitir os seus vastos e variados coñecementos humanísticos, tanto como escritor e articulista como na vertente de orador brillante capaz de cautivar calquera auditorio”.
 
Miguel Ángel Santalices Vieira felicitou tamén a José González Joga como gañador do Concurso de portadas para Vento Ferido.  “Despois de ver unha mostra da súa capacidade creativa, podemos estar tranquilos, porque Ourense seguirá a ser, no futuro próximo, terra de moitos e bos artistas plásticos”, apuntou Santalices.
 
Co acto celebrado esta tarde no Auditorio de Xinzo de Limia chegan practicamente ao seu fin as celebracións que ao longo deste ano honraron a figura de Carlos Casares, protagonista do Día das Letras Galegas 2017. Dado que Carlos Casares formou parte do Parlamento de Galicia na Primeira Lexislatura (1981-1985), o Lexislativo organizou o pasado 30 de novembro, no Liceo de Ourense, un acto de homenaxe titulado “Carlos Casares e as institucións galegas”. Días máis tarde, presentábase na sede da Cámara galega o libro “Carlos Casares no Parlamento de Galicia”, editado pola institución.
 

Saúdos, Gabinete de Comunicación.

Imaxes Relacionadas

Outras novas


Emisións en directo

Non temos emisións en directo neste momento.

Erro ó carga-la páxina. Error en el servidor remoto: (404) No se encontró.

© Parlamento de Galicia, 2011 | Rúa do Hórreo, 63 - 15701 Santiago de Compostela | Tel.: 981 551 300 Fax: 981 551 408