Declaración institucional do Parlamento de Galicia con motivo do Día Internacional para a Erradicación da Pobreza

Con motivo do Día Internacional para a Erradicación da Pobreza, o Parlamento de Galicia e as deputadas e deputados que representamos a cidadanía galega queremos reiterar o noso compromiso unánime do ano 2010 e lembrar de novo a necesidade urxente de seguir avanzando na loita contra a pobreza extrema na que aínda hoxe malviven máis de 1.400 millóns de persoas. Queremos tamén recoñecer o esforzo e o sentir dos galegos e galegas que, defendendo os dereitos humanos, se esforzan por conseguir un mundo mais xusto e loitan contra a desigualdade.
 
O crecemento e a recuperación económica, aínda que está permitindo recuperar algunhas das políticas e orzamentos de inclusión social ou emprego, non será efectivo mentres non garanta de xeito estable o seu dereito a unha vida digna a todas e cada unha das galegas e galegos que no 2016 estaban en risco de pobreza ou exclusión social, o 25,4 % da poboación.
 
Queremos recoñecer o esforzo e a solidariedade de gran parte da poboación galega nos peores anos da crise económica: familias, veciñanza e en especial as nosas persoas maiores. Sabemos da súa debilidade e das graves dificultades que terían para afrontar outra crise.
 
Somos conscientes da obriga de seguirmos avanzando no noso modelo social, no que non se permita deixar ninguén á marxe, e no que dende os poderes públicos se garantan os dereitos constitucionais e a inclusión social.
 
En especial, é urxente e vital para o futuro de Galicia evitar a transmisión interxeracional da pobreza. Hai que seguir loitando para evitar que o 80 % das nenas e nenos que hoxe viven en familias na pobreza estean condenados a sufrila o resto da súa vida, así como as súas fillas e fillos. 
 
As propias persoas en risco de pobreza e baixo lemas como «As persoas primeiro» ou «Somos persoas, non expedientes», resumen as súas demandas en tres principios: loitar contra as causas da pobreza e a desigualdade, moi lonxe do asistencialismo e asegurando a igualdade de dereitos e unha inclusión social activa baseada na garantía de ingresos (mediante o emprego ou rendas mínimas áxiles); compromiso en orzamentos e planificación a medio e longo prazo; e unha coordinación política e técnica entre as administracións e as organizacións especializadas que reduza drasticamente a burocracia.
 
Conmemoramos este Día cando asistimos a unha crecente evolución dos prexuízos, estereotipos, intolerancia e ata desprezo ás persoas en risco de pobreza ou exclusión.
 
Os delitos de odio en España incrementáronse case nun 93 % dende o 2011 ata o 2015. Nas redes sociais só entre 2015 e 2016 os delitos de odio medraron nun 82 % segundo a Fiscalía Xeral do Estado. 
 
Fenómenos como o racismo, a xenofobia e a aporofobia (odio ás persoas en pobreza) son especialmente incidentes. Neste último caso, unha de cada cinco persoas sen fogar foi agredida fisicamente cando menos unha vez, e unha de cada tres foi insultada ou vexada.
 
As persoas non son culpables da súa pobreza. Non o son as nenas e nenos nin as súas nais e pais.
 
Tampouco o son da súa exclusión as persoas con discapacidade, migrantes, refuxiadas ou da comunidade xitana, as mozas e mozos tuteladas ou as privadas de liberdade.
 
Ninguén é culpable do seu sufrimento. Non o son as mulleres vítimas de violencia de xénero. Nin calquera persoa pola súa orientación ou identidade sexual.
 
Non existen as relixións que defendan o terrorismo ou a violencia.
 
Ningunha persoa é inútil. Sexa moza, desempregada, xubilada ou sen fogar.
 
As persoas que sofren e denunciaron estas e outras moitas mentiras no último Seminario Galego de Participación e Cidadanía Inclusiva  ou as que afirmaron que «o máis perigoso dos prexuízos é cando ti mesmo os cres» non están soas.
 
Os poderes públicos temos a responsabilidade de garantir a igualdade de todos os cidadáns, poñendo en marcha as medidas necesarias para reducir as desigualdades sociais, combater a discriminación e favorecer o respecto, a tolerancia e a participación activa de todas as persoas.
 
Temos tamén o compromiso de difundir e poñer o foco nas experiencias positivas, e nos exemplos de harmonía e convivencia normalizada, que son a maioría, evitando a difusión dunha visión distorsionada e non real das persoas que viven situacións de exclusión social.
 
Neste Día Internacional para a Erradicación da Pobreza queremos facer un chamamento para non caer na ignorancia dos prexuízos, e dar un paso cara á inclusión urxente das persoas que non se atopan en igualdade de condicións para a consecución dunha vida digna.
 
 
Santiago de Compostela, 17 de outubro de 2017

Imaxes Relacionadas

Outras novas


Emisións en directo

Non temos emisións en directo neste momento.

Axenda

Na axenda atopará as ordes do día e a documentación das sesións desta Cámara, tamén poderá consultar o arquivo multimedia das sesións xa celebradas.

Calendario

MARTES 21
novembro de 2017
lunsmarmérxovvensábdom
12345
6789101112
13141516171819
20212223242526
27282930
<< outubro| decembro >>

Información das Sesións

Lista de sesións do día 21/11/2017


© Parlamento de Galicia, 2011 | Rúa do Hórreo, 63 - 15701 Santiago de Compostela | Tel.: 981 551 300 Fax: 981 551 408