Proposicións non de lei aprobadas polo Pleno do Parlamento de Galicia o 12 de xullo de 2017


4.3 9648 (10/PNP-000901)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Murillo Solís, María Guadalupe e 14 máis
Sobre a demanda ao Goberno de España para a promoción e establecemento de medidas que contribúan a garantir a seguridade viaria dos ciclistas
Publicación da iniciativa pola vía de urxencia, BOPG n.º 124, do 07.06.2017
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a:
 
1.Dirixirse ao Goberno de España para que inicie os trámites necesarios para a reforma do Código Penal que permitan mellorar o marco  normativo que regula estes delitos, así como para que impulse as reformas normativas necesarias que protexan e promovan os modos de mobilidade peonil e ciclistas.
 
Nomeadamnete, en relación á modificación do Código Penal, suxerimso as seguintes:
 
a) Recuperar a figura da imprudencia (despenalizada en xullo de 2015) en calquera dos seus grados, con resultados de lesionados e falecidos como suposto penal.
 
b) Revisar o concepto de imprudencia grave cando se provoque un accidente con alcohol ou drogas para ser considerado delito por dolo eventual e aumentar a súa pena.
 
2.Dirixirse ás Forzas e Corpos de Seguridade do Estado para intensificar o control que se leva a cabo nas estradas urbanas e interurbanas, nomeadamente naqueles tramos nos que hai maior concentración de ciclistas:
 
a)  Vixilancia habitual da Garda Civil de Tráfico (incluíndo medios aéreos) con especial atención aos ciclistas.
 
b) Intensificar os controis en zonas habituais de ciclistas,  incrementando os medios materiais e humanos para realizalos de ser necesario, especialmente orientados aos controis de drogas e alcohol, velocidade e emprego de dispositivos electrónicos.
 
c) Prestar unha maior atención aos accidentes de ciclistas en todo o país mediante a elaboración de informes.
3. Dirixirse ás Administracións titulares de estradas (Administración Xeral do Estado, Xunta de Galicia, deputacións provinciais e concellos) para, en vías de presenza frecuente de ciclistas realizar unha correcta, visible e abundante sinalización en puntos estratéxicos con carteis que  recorden a presenza de ciclistas así como a distancia de 1,5 metros a contar desde a presenza dos ciclistas en paralelo.
 
4. Dirixirse a tódalas administracións implicadas na seguridade viaria (Administración Xeral do Estado, Xunta de Galicia, deputacións provinciais e concellos) para, en colaboración co Ministerio do Interior, a través da Dirección Xeral de Tráfico, levar a cabo campañas sobre as grandes vantaxes do uso da bicicleta e consellos para a seguridade viaria. Nomeadamente, desenvolvemento de campañas de concienciación para crear condutas responsables e seguras entre os distintos usuarios das estradas (peóns, ciclistas, condutores de distintos tipos de vehículos a motor...); así como na posta en marcha de medidas que contribúan a reforzar e garantir a seguridade principalmente dos colectivos que se consideran máis vulnerables”.
 
4.5 10414 (10/PNP-000970)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
González Vázquez, José e 13 máis
Sobre as actuacións que debe levar a cabo a Xunta de Galicia en relación coa modificación do texto refundido da Lei reguladora de facendas locais no relativo ao imposto sobre os incrementos de valor dos terreos de natureza urbana, así como as destinadas a demandar dos concellos galegos a habilitación dos mecanismos destinados a axilizar os trámites necesarios para proceder á devolución das cantidades cobradas aos contribuíntes afectados
Publicación da iniciativa pola vía de urxencia, BOPG n.º 132, do 21.06.2017
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
“ O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a:
 
1. Demandar do Goberno de España a modificación do Texto Refundido da Lei Reguladora de Facendas Locais no relativo ao imposto sobre os incrementos de valor dos terreos de natureza urbana aos efectos de axeitala ás últimas sentenzas do Tribunal Constitucional.

 
2. Demandar dos concellos galegos a habilitación de mecanismos para proceder á devolución aos contribuíntes afectados das cantidades indebidamente recadadas nos supostos declarados inconstitucionais polo Tribunal Constitucional. Estes mecanismos promoverán que a devolución se realice do xeito máis eficaz posible e mediante procedementos áxiles, co fin de evitar a conflitividade neste ámbito tributario.”

4.7 10795 (10/PNP-001014)
Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia
Fernández Leiceaga, Xoaquín María e 2 máis
Sobre as actuacións que debe levar a cabo o Goberno galego en relación co impacto da venda do Banco Popular Pastor na marca Banco Pastor, nos postos de traballo existentes e nas persoas e colectivos afectados, así como nas actividades da Fundación Barrié de la Maza en Galicia
Publicación da iniciativa, BOPG n.º 136, do 28.06.2017
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
“O Parlamento galego insta a Xunta de Galicia a:
 
1. Manifestar a súa solidariedade con todas as persoas que traballan no Banco Pastor, na súa Fundación e nas numerosas empresas auxiliares, coas persoas afectadas, coa clientela e co seu accionariado, amosando a firme convicción da Cámara de defender diante do Banco Santander que o Banco Pastor teña a condición xurídica de filial integrada dentro do grupo bancario, tal e como sucedía na actualidade no grupo Popular-Pastor.
 
2. Velar porque o cambio na propiedade do Banco Pastor teña para Galicia o menor impacto posible sobre a concesión de crédito e o emprego, e se é o caso, os axustes se fagan co maior acordo posible e defendendo os intereses dos traballadores no eido das competencias que ten a Xunta de Galicia.
 
3. Solicitar da Dirección do Banco Santander a compensación das perdas sofridas polos pequenos accionistas do Banco Pastor, tendo especial consideración cos que accederon á última ampliación de capital, de maneira que poidan recuperar o seu investimento.
 
4. Solicitar que o novo propietario, Banco Santander, manteña os compromisos adquiridos polo Banco Popular coa Fundación Barrié para que poda seguir desenvolvendo a súa labor social e cultural con recursos suficientes.
5. Solicitar aos órganos de supervisión bancaria e do mercado a investigación das últimas ampliacións de capital e emisión de accións co obxecto de determinar se os suscriptores contaron cunha información clara, nidia e precisa para poder levar a cabo os seus investimentos”.

Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia. 

Imaxes Relacionadas

Outras novas


Emisións en directo

Non temos emisións en directo neste momento.

Axenda

Na axenda atopará as ordes do día e a documentación das sesións desta Cámara, tamén poderá consultar o arquivo multimedia das sesións xa celebradas.

Calendario

LUNS 23
outubro de 2017
lunsmarmérxovvensábdom
1
2345678
9101112131415
16171819202122
23242526272829
3031
<< setembro| novembro >>

Información das Sesións

Lista de sesións do día 23/10/2017


© Parlamento de Galicia, 2011 | Rúa do Hórreo, 63 - 15701 Santiago de Compostela | Tel.: 981 551 300 Fax: 981 551 408