Santalices subliña o “papel insubstituíble dos Parlamentos” na sociedade actual

 
 
• O titular da Cámara galega pronunciou a conferencia “Parlamento de Galicia, Medicina e Sociedade”, dentro do ciclo “Medicina e Humanidades”, organizado pola Asociación de Médicos Galegos en Madrid (Asomega)
 
• Pon en valor a lei de participacion cidadá do Parlamento de Galicia, a máis avanzada de España, segundo Santalices
 
• Destaca que o traspaso das competencias sanitarias á Comunidade Autónoma “constitúe un antes e un despois”, tanto para os pacientes como para os profesionais sanitarios
 
Santiago, 27 de abril de 2017.- O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, destacou hoxe o “papel insubstituible dos Parlamentos” na sociedade actual, malia os avances rexistrados coas novas ferramentas de comunicación. 
 
Santalices así o manifestou esta tarde, na Casa de Galicia en Madrid, onde pronunciou a conferencia “Parlamento de Galicia, Medicina e Sociedade”, dentro do ciclo “Medicina e Humanidades”, organizado pola Asociación de Médicos Galegos en Madrid (Asomega), que preside o Dr. Julio Ancoechea, que presentou ao conferenciante. Interviu tamén ao comezo do acto o delegado da Xunta en Madrid e director da Casa de Galicia, José Ramón Ónega.

Participación cidadá
Para o titular da Cámara galega, os principais retos dos parlamentos residen en avanzar en transparencia e ofrecer ferramentas de participación á cidadanía. Afirmou que o Lexislativo autonómico deu un “paso de xigante” coa aprobación da lei de transparencia  e coa lei de participación cidadá “máis avanzada de España”. “Este é, ao meu xuízo, o camiño a seguir”, enfatizou.
 
O presidente do Parlamento apuntou un segundo aspecto que non se debería perder de vista para reforzar o protagonismo das cámaras: a necesidade de que deputadas e deputados manteñan un contacto permanente coa rúa, coas persoas ás que representan.
 
A conferencia desta tarde responde a unha invitación de Asomega e enmárcase na aposta de Santalices por potenciar a apertura do Parlamento á sociedade. Nesta estratexia enmárcanse actividades como a xornada europea que se celebrará na sede do Lexislativo galego o vindeiro 5 de maio ou o programa de visitas guiadas ao Parlamento, nas que ademais de recibir explicacións sobre o funcionamento da Cámara, os visitantes poden coñecer a colección de arte galega contemporánea do Pazo do Hórreo.
 
Parlamento eficiente
 
Nunha intervención na que explicou en detalle a historia e o funcionamento da Cámara, Santalices destacou tamén que o Parlamento de Galicia se sitúa entre os máis baratos e eficientes do conxunto do Estado, pero é un dos máis laboriosos.
 
Asunción das competencias sanitarias
 
Centrándose no ámbito da medicina, outro dos piares da súa conferencia, Santalices enfatizou que a creación e posta en marcha do SERGAS “constitúe un antes e un despois para a sanidade galega”, tanto para os pacientes, para os que a asunción das competencias do antigo Insalud por parte da Xunta se traduciu nunha mellora da calidade e das prestacións asistenciais, como para os profesionais sanitarios, que teñen á súa disposición maiores medios e recursos.
 
En opinión do presidente do Parlamento, “a sanidade galega atópase entre as máis avanzadas do mundo”, como poñen de manifesto os balances asistenciais e de xestión divulgados coincidinco co 25 aniversario do SERGAS.
 
Xestión sanitaria
 
Da súa etapa como xestor sanitario (xerente de varios hospitais públicos), Santalices Vieira apuntou que a xestión amable non está reñida coa xestión eficiente, que o directivo debe ser coñecido por todo o cadro de persoal e que debe compartir información cos representantes sindicais.
Dedicación política
 
Sobre a actividade política, o presidente do Parlamento insistiu en que na medida en que se trata dunha actividade voluntaria, esixe dedicación en lugar de queixas por parte dos seus protagonistas. A quen comece en política recomenda especializarse nunha área concreta, prudencia nos debates, manter contacto permanente cos diferentes entidades asociativas e franqueza na relación cos medios de comunicación. “Mellor responder `non sei´ que sentenciar precipitadamente”.
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.

Imaxes Relacionadas

Outras novas


Emisións en directo

Non temos emisións en directo neste momento.

Axenda

Na axenda atopará as ordes do día e a documentación das sesións desta Cámara, tamén poderá consultar o arquivo multimedia das sesións xa celebradas.

Calendario

LUNS 23
outubro de 2017
lunsmarmérxovvensábdom
1
2345678
9101112131415
16171819202122
23242526272829
3031
<< setembro| novembro >>

Información das Sesións

Lista de sesións do día 23/10/2017


© Parlamento de Galicia, 2011 | Rúa do Hórreo, 63 - 15701 Santiago de Compostela | Tel.: 981 551 300 Fax: 981 551 408