Declaración institucional polo Día escolar da non-violencia e a paz

Hai 69 anos, o 30 de xaneiro de 1948, morría asasinado Mahatma Gandhi, loitador incansable a prol da igualdade e a xustiza. A súa obra a favor da paz no mundo veu sendo recordada cada 30 de xaneiro dende 1964, ata que finalmente a UNESCO recoñeceu a data en 1993 para conmemorar o día Escolar da non-violencia e a paz.
 
É un día no que reivindicar a importancia da escola para fomentar a convivencia, a paz e a igualdade, así como a eliminación de todas as formas de violencia no ámbito educativo, como poden ser o acoso escolar, a discriminación ou a segregación, a violencia machista ou a non-integración, retos inmediatos aos que os poderes públicos debemos responder.
 
Tal e como recolle a ONU na Declaración e no Programa de Acción sobre unha Cultura de Paz, aprobada pola Asemblea Xeral o 6 de outubro de 1999, «a paz non é só a ausencia de conflitos, senón que tamén require un proceso positivo, dinámico e participativo no cal se promova o diálogo e se solucionen os conflitos nun espírito de entendemento e cooperación mutuos».
 
O Parlamento de Galicia reitera o seu compromiso cos devanditos principios fundacionais da ONU e da UNESCO, especialmente no tocante á necesidade dunha educación a prol da paz, lembrando que así como as guerras nacen na mente das persoas, é na mente das mulleres e dos homes de mañá nos que debemos construír os baluartes da paz. Por iso, traballar nas escolas a prol da paz e a igualdade será o mellor xeito de garantir un futuro mellor para toda a cidadanía.
 
Así, o Parlamento de Galicia comprométese, e chama o conxunto da sociedade e as institucións, a traballar arreo contra todas as formas de violencia, poñendo especial énfase nas que se producen na escola, como o chamado bullying, o ciberacoso ou calquera outra forma de violencia que afecte as nenas e os nenos; traballando, deste xeito, man con man, para fomentar a educación e a cultura da paz entre a infancia e a mocidade.
 
 
Santiago de Compostela, 25 de xaneiro de 2017

Imaxes Relacionadas

Outras novas


Emisións en directo

Non temos emisións en directo neste momento.

Axenda

Na axenda atopará as ordes do día e a documentación das sesións desta Cámara, tamén poderá consultar o arquivo multimedia das sesións xa celebradas.

Calendario

LUNS 23
outubro de 2017
lunsmarmérxovvensábdom
1
2345678
9101112131415
16171819202122
23242526272829
3031
<< setembro| novembro >>

Información das Sesións

Lista de sesións do día 23/10/2017


© Parlamento de Galicia, 2011 | Rúa do Hórreo, 63 - 15701 Santiago de Compostela | Tel.: 981 551 300 Fax: 981 551 408