Declaración institucional sobre o Día de conmemoración anual en memoria das vítimas do holocausto

O 1 de novembro de 2005, a Asemblea Xeral das Nacións Unidas, na súa 42ª sesión plenaria, reafirma que o Holocausto, que tivo como resultado que un terzo do pobo xudeu e innumerables membros doutras minorías morreron asasinados, será sempre unha advertencia para todo o mundo dos perigos do odio, o fanatismo, o racismo e os prexuízos. E tamén decidiu designar o 27 de xaneiro como Día Internacional de conmemoración anual en memoria das víctimas do Holocausto, todas elas vítimas do nazismo, entre as que se contan tamén galegos e galegas.
 
A Asemblea Xeral rexeitou, e este Parlamento faina súa, toda negación, xa sexa parcial ou total, do Holocausto como feito histórico. E condenou sen reservas, condena que tamén este Parlamento fai súa, todas as manifestacións de intolerancia relixiosa, incitación, acoso ou violencia contra as persoas ou comunidades baseadas na orixe étnica ou nas crenzas relixiosas, teñan lugar onde teñan lugar.
 
O Parlamento de Galicia constata, coa Asemblea Xeral das Nacións Unidas, que o descoñecemento e o menosprezo dos dereitos humanos orixinan actos de barbarie aldraxantes para a conciencia humana.
 
O Parlamento de Galicia, un ano máis e de acordo coa letra e co espírito da Declaración do 1 de novembro de 2005 da 42ª Asemblea Xeral das Nacións Unidas, chama o Goberno da Xunta a traballar arreo contra os posibles brotes de racismo, xenofobia e discriminacións baseados na orixe étnica ou nas crenzas relixiosas, e os cidadáns e as súas organizacións a permaneceren vixiantes para que nunca máis un réxime como o que produciu o Holocausto poida nin asentar entre nós nin en ningún lugar do mundo.
 
 
Santiago de Compostela, 25 de xaneiro de 2017

Imaxes Relacionadas

Outras novas


Emisións en directo

Non temos emisións en directo neste momento.

Erro ó carga-la páxina. Error en el servidor remoto: (404) No se encontró.

© Parlamento de Galicia, 2011 | Rúa do Hórreo, 63 - 15701 Santiago de Compostela | Tel.: 981 551 300 Fax: 981 551 408