O Parlamento acolle a toma de posesión de dous novos membros do Consello de Contas, cos que completa a súa renovación

• Miguel Santalices valora a recente reforma da lei do Consello de Contas, que reforza as súas competencias e independencia 

• Beatriz Rodríguez Fraga e Constantino Carreiras Souto toman posesión como membros do Consello de Contas de Galicia

Santiago, 9 de marzo de 2016.- O Parlamento de Galicia acolleu esta mañá a toma de posesión de Beatriz Rodríguez Fraga e Constantino Carreiras Souto como membros do Consello de Contas de Galicia, un acto que contou coa asistencia do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.

O presidente do Parlamento, Miguel Ángel Santalices Vieira, recordou que coa toma de posesión destes dous novos membros do Consello de Contas se completa a  “total renovación” do órgano de control e fiscalización externa do sector público autonómico, posto en marcha en 1991.

Un cuarto de século despois, apuntou Santalices, o Parlamento de Galicia optou por “reforzar as competencias do Consello de Contas e fortalecer a independencia dos seus membros”, como queda acreditado coa renovada composición do mesmo. Subliñou que, por vez primeira na historia do Consello de Contas, “hai maioría de mulleres, unha realidade da que nos congratulamos e que pon de manifesto que o avance en materia de igualdade de xénero é un camiño sen retorno”.

Competencias reforzadas

Referíndose á recente reforma da Lei do Consello de Contas, Santalices Vieira destacou que “constitúe un avance especialmente  significativo” para reforzar as competencias deste órgano, “e moi especialmente en materia de prevención da corrupción”.  Dixo que os cidadáns esixen respostas “e desde o poder lexislativo, as respostas deben ter forma de leis”. “Así se fixo no conxunto de España –aseverou-, e así o fixemos en Galicia, onde un amplo paquete lexislativo –a piques de ser completado- nos permitiu dar pasos especialmente significativos ata o punto de situarnos na vangarda do Estado nesta materia”.

O presidente da Cámara lexislativa galega recordou que coa reforma desta lei tomaron corpo as suxestións formuladas por varios cos comparecentes na Comisión de Estudo da Prevención da Corrupción, creada no seu momento neste Parlamento, e na que se puxo como exemplo o “acertado modelo implantado en Portugal”.

Santalices Viera valorou tamén a decisión adoptada polo poder lexislativo galego que, “lonxe de caer na tentación de eliminar ou cuestionar a utilidade deste tipo de órganos de control externo, potenciou o seu Consello de Contas, blindou a súa independencia  e dotouno de competencias específicas para a prevención da corrupción, servíndose da elevada capacitación profesional do seu cadro de persoal. E evitou, ao tempo, a creación de novas estruturas administrativas que implicasen un custe adicional para as arcas públicas”. Ao seu xuízo, “unha vez máis, Galicia tomou a senda correcta”.

“Acreditada solvencia profesional”

O presidente do Parlamento aproveitou a súa intervención para felicitar aos dous novos membros do Consello de Contas que hoxe tomaron posesión logo de ser elixidos polo Pleno da Cámara o pasado 23 de febreiro, e dos que destacou a súa “acreditada solvencia profesional”.

Constantino Carreiras Souto é licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais pola Universidade de Santiago de Compostela. Auditor-Economista, máster en Economía da Saúde e director de hospitais pola Escola Nacional de Saúde, directivo e inspector de servizos da Xunta de Galicia. Funcionario de Carreira do Corpo Superior da Xunta de Galicia. Auditor do Consello de Contas de Galicia desde o ano 2006.

Beatriz Rodríguez Fraga é licenciada en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela. Cursos de especialización en Dereito Galego, Dereito Contencioso-Administrativo, Urbanismo, Inspección de Servizos, Directivos, Dereito Civil, Xestión e Disciplina Urbanística e Dereito Comunitario. Funcionaria do Corpo Superior da Xunta de Galicia, onde ten desempeñado diversas responsabilidades, na maior parte de carácter xurídico. Xefa do departamento de Axudas da Axencia Galega de Innovación desde febreiro de 2015.  

Saúdos,
Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.

Imaxes Relacionadas

Constantino Carreiras Souto, ao tomar posesiónBeatriz Rodríguez Fraga, ao tomar posesión

Outras novas


Emisións en directo

Non temos emisións en directo neste momento.

Axenda

Na axenda atopará as ordes do día e a documentación das sesións desta Cámara, tamén poderá consultar o arquivo multimedia das sesións xa celebradas.

Calendario

LUNS 23
outubro de 2017
lunsmarmérxovvensábdom
1
2345678
9101112131415
16171819202122
23242526272829
3031
<< setembro| novembro >>

Información das Sesións

Lista de sesións do día 23/10/2017


© Parlamento de Galicia, 2011 | Rúa do Hórreo, 63 - 15701 Santiago de Compostela | Tel.: 981 551 300 Fax: 981 551 408