O Parlamento de Galicia súmase á celebración do Día Universal da Infancia

· O vicepresidente da Cámara, Miguel Santalices, recorda, nun pleno infantil organizado coa colaboración de UNICEF, que no mundo aínda hai millóns de nenos que non gozan dos máis elementais dereitos.
 
Santiago, 20 de novembro de 2015.- O Parlamento de Galicia sumouse hoxe á celebración do Día Universal da Infancia acollendo un Pleno, organizado coa colaboración de UNICEF, que tivo como protagonistas a 65 estudantes de tres colexios composteláns e que fixeron públicas diferentes propostas relacionadas cos dereitos do neno.
 
O vicepresidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices, recordou que tal día coa hoxe, hai 26 anos, se aprobou a Convención sobre os dereitos do neno, "unha conquista importante para moitos nenos e nenas que non só non tiñan dereitos, senón que carecían de consideración algunha".
 
Con todo, Santalices Vieira lamentou ter que recoñecer "con mágoa" que no mundo actual "aínda hai millóns de nenos que non disfrutan dos máis elementais dereitos", razón pola que animou aos rapaces presentes a valorar os dereitos que disfrutan. "Todo o que vós tedes desde que nacestes –dereito á vida, casa, mantenza, escola, familia, lingua, país, nacionalidade, dereito a calquera crenza,- todo iso non existe para moitos rapaces", agregou o vicepresidente da Cámara galega.
 
Os dereitos implican obrigas
 
Insistiu Santalices en que "calquera dereito conleva sempre unha obriga". Puxo como exemplo, dirixíndose aos escolares que hoxe ocupaban os escanos do Salón de Plenos do Parlamento, que  o dereito á educación, implica a obriga de "sacar bo proveito dela e colaborar cos profesores que están a traballar con vós a cotío".
 
"E se falamos do dereito á saúde, a unha asistencia sanitaria cumprida como a que hoxe temos –e que como médico coñezo moi ben-, non podemos esquecer a obriga de coidar da vosa saúde", apuntou Santalices.
 
O vicepresidente da Cámara rematou a súa intervención instando aos participantes neste III Foro de participación infantil Parlamento de Galicia-UNICEF a facer uso dos recursos que a sociedade pon ao seu dispor para formarse como cidadáns responsables e con criterio que non deixan de lado as súas obrigas.
 
Os estudantes que hoxe participaron no Pleno infantil conmemorativo do Día Universal da Infancia están escolarizados nos Colexios Manuel Peleteiro, La Salle e Santa Apolonia, os tres de Santiago de Compostela.
 
O acto contou tamén coa asistencia da vicesecretaria da Mesa do Parlamento, Mª Concepción Burgo; e a presidenta de UNICEF Comité Galicia, Myriam Garabito Cociña.
 
Visita eurodeputados
 
Previamente, a primeira hora da mañá, o vicepresidente da Cámara recibiu, no despacho da Presidencia, a unha delegación de eurodeputados do Grupo Popular no Parlamento Europeo Europeo.
 
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.

Imaxes Relacionadas

Outras novas


Emisións en directo

Non temos emisións en directo neste momento.

Erro ó carga-la páxina. Error en el servidor remoto: (404) No se encontró.

© Parlamento de Galicia, 2011 | Rúa do Hórreo, 63 - 15701 Santiago de Compostela | Tel.: 981 551 300 Fax: 981 551 408