Resolucións aprobadas polo Pleno do Parlamento de Galicia no Debate anual de política xeral

O Pleno do Parlamento de Galicia, na sesión do día 14 de outubro de 2015 aprobou, no punto único da orde do día (Debate anual de política xeral: doc. núm. 41588, 09/DEBA-000003), as seguintes resolucións:

1.ª  Resolución

«O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a impulsar e coordinar a redacción, por parte do sector leiteiro galego e segundo as súas demandas e propostas, dun plan estratéxico de futuro para o sector lácteo galego para reforzar e asegurar a posición de liderado do sector lácteo galego en España e poder facer fronte á crise actual nun mercado liberalizado, así como a apoiar este co afondamento no desenvolvemento dunha planificación específica para o lácteo dentro do Programa de desenvolvemento rural 2014-2020 como suma ás medidas destinadas a axudar o sector a curto prazo diante da difícil situación que está a padecer, e formulando unha planificación complementaria dentro del a medio e longo prazo centrada en dar respostas a situacións estruturais do noso sector lácteo.
Asemade, promoveranse dentro deste plan as liñas destinadas a apoiar a calidade diferenciada, fomentando tamén o avance na consecución de maior valor engadido para o leite mediante a mellora da súa transformación e comercialización con base no desenvolvemento de novos produtos e na integración das cooperativas no marco transformador e comercializador.»
Aprobada por 43 votos a favor, 31 en contra e ningunha abstención.
(Resolución resultante da transacción elaborada entre a proposta de resolución núm. 19 das presentadas polo G.P. Mixto e a proposta de resolución núm. 27 presentada polo G.P. Popular de Galicia)

2.ª  Resolución
«O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a intensificar o fomento do asociacionismo municipal e a racionalización da estrutura territorial de Galicia, completando o proceso de diálogo co Concello de Vigo e os outros trece concellos que integran a Área Metropolitana de Vigo, e escoitando a todos os grupos políticos que integran as respectivas corporacións municipais, co fin de consensuar as modificacións que procedan na Lei 4/2012, do 12 de abril, e poñer en marcha a Área Metropolitana no ano 2016. »
Aprobada por 43 votos a favor, 31 en contra e ningunha abstención.
(Resolución resultante da transacción elaborada polo G.P. Mixto da resolución núm. 20  presentada polo G.P. Popular de Galicia)

3.ª  Resolución
«O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a incrementar os orzamentos para educación, dependencia e sanidade mellorando a xestión e os medios materiais e humanos dos mesmos.»
Aprobada pola unanimidade dos 74 deputados e deputadas presentes.
(Proposta de resolución núm. 3 do G.P. Mixto).

4.ª  Resolución
«O Parlamento de Galicia manifesta a súa firme condena da violencia machista e comprométese a rexeitar e actuar politicamente ante calquera tipo de acción ou declaración de calquera responsable político que xustifique, ampare, provoque, fomente ou subvalorice a muller e a violencia exercida contra ela e insta a Xunta de Galicia e os partidos políticos a actuar do mesmo xeito.»
Aprobada pola unanimidade dos 74 deputados e deputadas presentes.
(Proposta de resolución núm. 4 do G.P. Mixto).

5.ª  Resolución
«O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a que aplique un criterio único de transparencia e publicidade para todas as listas de contratación temporal en toda a administración pública galega e nos organismos dependentes dela, para que deste xeito podan ser consultadas libremente e en todo momento polos seus usuarios como xa vén acontecendo en gran parte da administración.»
Aprobada pola unanimidade dos 74 deputados e deputadas presentes.
(Proposta de resolución núm. 14 do G.P. Mixto).

6.ª  Resolución
«O Parlamento de Galicia insta o Goberno Galego a colaborar co colectivo social Long Hope na demanda impulsada contra o Estado noruegués  para reclamar o recoñecemento  do dereito a percibir  as súas  pensións de xubilación ou que se lle devolvan os impostos recadados; así como esixir do Estado español que presente unha demanda interestatal contra Noruega diante do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos por incumprimento do Convenio Europeo de Dereitos Humanos vulnerando a prohibición de discriminación por nacionalidade en materia de seguridade social ao esixir a residencia aos nosos traballadores do mar emigrantes embarcados nos seus buques.»
Aprobada pola unanimidade dos 74 deputados e deputadas presentes.
(Proposta de resolución núm. 9 do G.P. do Bloque Nacionalista Galego).

7.ª  Resolución
«O Parlamento galego insta a Xunta a demandar da multinacional Alcoa o compromiso de mantemento da actividade produtiva na fábrica coruñesa co seu correlato de mantemento da totalidade dos postos de traballo coa definición dun plan industrial que garanta os investimentos necesarios e nun marco de colaboración por parte da Xunta de Galicia para concretar un novo sistema  estable de prezos que favoreza a continuidade das empresas que son grandes consumidoras de enerxía eléctrica.»
Aprobada pola unanimidade dos 74 deputados e deputadas presentes.
(Proposta de resolución núm. 18 do G.P. da Alternativa Galega de Esquerda).

8.ª  Resolución
«O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a facer efectiva a universalidade na atención sanitaria, prestacións farmacéuticas e ortoprotésicas e impulsar a prevención e promoción da saúde, establecendo ademais como prioritarias a mellora da atención primaria, saúde sexual e saúde mental e reforzando a prevención e tratamento das drogodependencias e do VIH no noso País.»
Aprobada pola unanimidade dos 74 deputados e deputadas presentes.
(Proposta de resolución núm. 31 do G.P. da Alternativa Galega de Esquerda).

9.ª  Resolución
«O Parlamento galego insta a Xunta  de Galicia a facer unha política turística que incida en que as estancias medias dos turistas que visitan Galicia sexan máis largas, facendo unha promoción adecuada e realizando campañas máis ambiciosas, promocionando o turismo de cruceiros que se está incrementando moito  nos portos de Vigo e Coruña. Para elo  é moi importante contar cunha imaxe propia de “marca” onde se promocione todo o conxunto de Galicia. Todo isto coa participación das entidades locais e coas empresas do sector afectado ao respecto.»
Aprobada por 67 votos a favor, 0 en contra e 6 abstencións.
(Proposta de resolución núm. 18 do G.P. dos Socialistas de Galicia).

10.ª  Resolución
«O Parlamento galego insta a Xunta de Galicia a cumprir todas as propostas de resolución aprobadas nos debates do Estado da Autonomía dende que o Sr. Feijoo é presidente da Xunta de Galicia.»
Aprobada por 67 votos a favor, 0 en contra e 6 abstencións.
(Proposta de resolución núm. 40 do G.P. dos Socialistas de Galicia).

11.ª  Resolución
«O Parlamento galego insta a Xunta  de Galicia a deseñar políticas comerciais nos principais portos galegos orientadas á captación de clientes, co obxectivo de dominar o percorrido da mercancía, en colaboración coas principais empresas e cos operadores loxísticos internacionais; favorecer os investimentos necesarios para integrar redes de intermodalidade que permitan ofrecer servizos máis completos, fomentando acordos entre as empresas asentadas preto dos portos e os operadores loxísticos internacionais e facilitar a xestión e intermodalidade para as cargas contenerizadas, mellorando as infraestruturas físicas e de comunicacións que permitan a óptima xestión de cargas en tempo real.»
Aprobada pola unanimidade dos 74 deputados e deputadas presentes.
(Proposta de resolución núm. 27 do G.P. dos Socialistas de Galicia).

12.ª  Resolución
«O Parlamento galego insta a Xunta  de Galicia a que, con carácter de urxencia, demande do Goberno central medidas e recursos humanos e materiais que faciliten a participación electoral da cidadanía galega, e do resto da cidadanía española, que residen no exterior de España. As medidas deben contemplar, cando menos, campañas de información institucional sobre o procedemento de voto, dotación de persoal aos consulados e viceconsulados, habilitación de oficinas consulares provisionais espalladas polo territorio onde resida cidadanía española no estranxeiro, adecuación dos horarios destas oficinas consulares ás necesidades dos cidadáns: apertura fóra da xornada laboral, en fins de semana, etc.»
Aprobada pola unanimidade dos 74 deputados e deputadas presentes.
(Proposta de resolución núm. 34 do G.P. dos Socialistas de Galicia).

13.ª  Resolución
«O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a incluír dentro do Proxecto de lei de economía social que está a elaborar a redución do capital mínimo para crear unha cooperativa, así como a desenvolver actuacións na promoción do cooperativismo en Galicia atendendo á realidade deste sector e contando coa súa participación.»
Aprobada por 43 votos a favor, 25 en contra e 6 abstencións.
(Proposta de resolución núm. 4 do G.P. Popular de Galicia).

14.ª  Resolución
«O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a continuar afondando nas medidas de apoio á infancia, coa ampliación do bono gardería para que os pais e as nais que non dispoñan de praza nunha escola infantil pública reciban unha axuda, coa creación do bono coidador no rural para as familias de zonas nas que non dispoñan de escolas infantís e con axudas directas de 100 euros ao mes para cada neno ou nena que naza a partir do 1 de xaneiro de 2016 que contribúan a afrontar os gastos básicos (alimentación, cueiros, mudas e medicamentos) que supón o nacemento dun fillo, e que se establecerán en función da renda per cápita familiar, o que permitirá que poida chegar a oito de cada dez familias galegas.»
Aprobada por 41 votos a favor, 14 en contra e 19 abstencións.
(Proposta de resolución núm. 7 do G.P. Popular de Galicia).

15.ª  Resolución
«O Parlamento de Galicia insta a Xunta a consolidar os proxectos educativos innovadores, facéndoos compatibles coa viabilidade do sistema e prestando apoio á autonomía dos centros educativos a través do reforzo da autoridade docente, da achega de recursos económicos e da progresiva creación de prazas de auxiliares administrativos nos centros educativos, comezando por aqueles que teñan máis de 400 alumnos.»
Aprobada por 58 votos a favor, 10 en contra e 6 abstencións.
(Proposta de resolución núm. 9 do G.P. Popular de Galicia).

16.ª  Resolución
«O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a continuar o proceso de mellora das infraestruturas hospitalarias de Galicia, e de xeito concreto a:
— Iniciar os trámites para a aprobación dun plan director do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol e comezar a súa primeira fase, coa remoción dunha planta de hospitalización.
— Adxudicar no primeiro trimestre do ano 2016 as obras de ampliación do Hospital da Costa.
— Rematar as obras do novo bloque cirúrxico no CHUAC (A Coruña) en 2015.
— Rematar as obras do novo edificio de hospitalización do Chou (Ourense) en 2016.
— Rematar as obras de ampliación do Hospital do Salnés en 2016.
Aprobada por 41 votos a favor, 24 en contra e 9 abstencións.»
(Proposta de resolución núm. 11 do G.P. Popular de Galicia).

17.ª  Resolución
«O Parlamento de Galicia, co obxecto de reducir a taxa de mortalidade e a carga de enfermidade por cancro colorrectal, insta a Xunta de Galicia a estender de xeito progresivo o programa de detección precoz do dito cancro, xa pilotado na Área Sanitaria de Ferrol e na actualidade tamén implantado na de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, ao territorio de toda a comunidade autónoma.»
Aprobada por 67 votos a favor, 1 en contra e 6 abstención.
(Proposta de resolución núm. 14 do G.P. Popular de Galicia).

18.ª  Resolución
«O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a concretar nos orzamentos da Comunidade Autónoma para o ano 2016 un programa de impostos cero no rural, de xeito que ningunha transmisión de leiras en solo rústico nin a transmisión ou ampliación de explotacións agrarias paguen imposto de transmisións patrimoniais, así como que a agrupación de leiras rústicas tampouco pague o imposto de actos xurídicos documentados.»
Aprobada por 41 votos a favor, 31 en contra e 2 abstencións.
(Proposta de resolución núm. 26 do G.P. Popular de Galicia).

19.ª Resolución
«O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a continuar intensificando as actuacións derivadas do desenvolvemento da Estratexia de internacionalización da empresa galega 2020 a través de iniciativas como:
—Desenvolver unha estratexia de promoción conxunta das cinco denominacións de orixe do sector vinícola galego, co obxectivo de reforzar a súa presenza internacional e fomentar a súa comercialización en mercados de destino, mellorando a súa competitividade e impulsando os seus resultados das exportacións.
—Activar o programa Re-Acciona Export co obxectivo de impulsar as estratexias de internacionalización das empresas galegas mediante asesoramento específico en cada unha das etapas en que se pode atopar unha empresa: inicio, consolidación ou diversificación de mercados.
—Pór en marcha unha nova liña de apoio financeiro a fondo perdido co fin de que as empresas galegas poidan ter presenza en mercados internacionais de forma individualizada, completando así as iniciativas xa existentes de presenza conxunta.»
Aprobada por 41 votos a favor, 24 en contra e 9 abstencións.
(Proposta de resolución núm. 34 do G.P. Popular de Galicia).

20.ª Resolución
«O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a realizar as actuacións precisas que permitan o pleno desenvolvemento do Plan de infraestruturas xudiciais, e particularmente insta a Xunta de Galicia para que se dirixa ao Concello de Vigo co fin de lograr a efectiva cesión dos terreos necesarios para dotar a cidade das infraestruturas xudiciais precisas para a configuración da Cidade da Xustiza de Vigo, co obxecto de finalizar as infraestruturas previstas no plan aprobado no seu día.»
Aprobada por 43 votos a favor, 24 en contra e 7 abstencións.
(Proposta de resolución núm. 36 do G.P. Popular de Galicia).

21.ª Resolución
«O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a elaborar un plan galego da igualdade no ámbito educativo que sirva de referente a todos os centros educativos para abordar o tema da educación en igualdade e da prevención da violencia de xénero desde unha perspectiva estrutural, integral e transversal, e no que se recollan de forma sistemática as medidas que se deben desenvolver nas diferentes áreas do ámbito educativo e dirixidas a toda a comunidade educativa: orientadores, inspección, profesorado, alumnado e ANPAs.»
Aprobada por 49 votos a favor, 1 en contra e 24 abstencións.
(Proposta de resolución núm. 37 do G.P. Popular de Galicia).

22.ª Resolución
«O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a renovar o compromiso co galego e a concienciar sobre a súa utilidade a través da planificación de diversas medidas e actividades que propicien a creación de actitudes positivas de cara á lingua propia de Galicia en todos os ámbitos da sociedade galega, co deseño dun plan de dinamización do galego entre a mocidade e afondando nas relacións internacionais cos países de fala lusófona.»
Aprobada por 42 votos a favor, 31 en contra e 1 abstención.
(Proposta de resolución núm. 38 do G.P. Popular de Galicia).

23.ª  Resolución
«O Parlamento de Galicia insta a Xunta para que vele pola nosa riqueza cultural, tanto desde a conservación e a protección dos bens patrimoniais coma desde a difusión e a proxección de produtos e proxectos creativos xurdidos do tecido cultural galego, ao tempo que afrontará a redacción dunha lei de museos que recoñeza o papel fundamental dos museos como espazos vivos de reflexión, investigación e divulgación cultural.»
Aprobada por 41 votos a favor, 24 en contra e 9 abstencións.
(Proposta de resolución núm. 39 do G.P. Popular de Galicia).

24.ª  Resolución
«O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a incluír dentro dos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2016, e en coherencia coa política fiscal que o Goberno galego vén desenvolvendo ata o de agora, unha intensa baixada fiscal, coa redución fundamentalmente para as rendas medias e baixas do tramo autonómico do imposto sobre a renda das persoas físicas e a elevación do mínimo exento no imposto de sucesións e doazóns ata os primeiros 400.000 euros por herdeiro, coa tributación só a partir desa cifra, o que equivale a que o 99 % dos galegos e das galegas non pague por este imposto por herdanzas entre ascendentes, descendentes e cónxuxes, e que o 1 % restante pague menos.»
Aprobada por 41 votos a favor, 16 en contra e 17 abstencións.
(Proposta de resolución núm. 6 do G.P. Popular de Galicia).

25.ª  Resolución
«O Parlamento de Galicia acorda seguir traballando a prol do consenso de todos os grupos unha vez iniciada a tramitación parlamentaria da Lei do solo e insta a Xunta de Galicia a que, unha vez que esta sexa aprobada na Cámara galega, se inicie de xeito inmediato o desenvolvemento do seu regulamento para que sexa aprobado no vindeiro ano co fin de facilitar a aplicación da nova normativa.»
Aprobada por 41 votos a favor, 15 en contra e 18 abstencións.
(Proposta de resolución núm. 24 do G.P. Popular de Galicia).

26.ª Resolución
«O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a continuar co esforzo realizado na planificación da xestión de residuos e abordar no ano 2016 a construción dunha planta de compostaxe nas instalacións do vertedoiro de Areosa.»
Aprobada por 41 votos a favor, 33 en contra e ningunha abstención.
(Proposta de resolución núm. 22 do G.P. Popular de Galicia).

27.ª Resolución
«O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a defender o autogoberno de Galicia, dentro do marco constitucional e o pleno e estrito respecto aos dereitos que a Galicia lle corresponden como nacionalidade histórica e que o Estatuto recoñece, en compatibilidade coa cohesión e unidade de España e a pluralidade de identidades e necesidades dos pobos que a compoñen.»
Aprobada por 41 votos a favor, 33 en contra e ningunha abstención.
(Proposta de resolución núm. 40 do G.P. Popular de Galicia).

28.ª  Resolución
«O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia para que sume ao esforzo na loita contra a pobreza e a desigualdade económica ás entidades locais (concellos e deputacións provinciais), convocándoas para trazar un protocolo coordinado que inclúa medidas como a posta en marcha dun programa para evitar os cortes de luz por non pagamento ás familias galegas máis vulnerables, asumindo o custo de dúas mensualidades da tarifa, continuar axilizando a tramitación da Risga desde a entrada do expediente na Xunta, coa posta a disposición do material de apoio á mobilidade a aquelas persoas con dificultades que o precisen, ou con bonificacións para familias con baixos salarios do gasto de medicamentos equivalentes ás que xa se recoñecen por lei aos parados sen prestación ou perceptores da Risga.»
Aprobada por 41 votos a favor, 31 en contra e 2 abstencións.
(Proposta de resolución núm. 1 do G.P. Popular de Galicia).

29.ª  Resolución
«O Parlamento insta a Xunta de Galicia a poñer en servizo neste ano 2015 os treitos II e III da vía de altas prestacións entre Sarria e Monforte, que completará o eixe autonómico Lugo-Monforte de Lemos, e antes do final da lexislatura o treito Celeiro-San Cibrao da vía de alta capacidade Costa Norte así como a autovía da Costa da Morte. Así, sumaríanse case 54 quilómetros en vías de alta capacidade de titularidade da Comunidade Autónoma aos 466 existentes no día de hoxe e consolidaríase o feito de que catro de cada cinco galegos estarán a menos de quince minutos dunha vía de alta capacidade. Ademais, avanzarase nesta lexislatura nos tres treitos da conversión en autovía do corredor do Morrazo, iniciándose as obras do treito I neste mesmo ano 2015 e as do treito II no ano 2016.»
Aprobada por 41 votos a favor, 31 en contra e 2 abstencións.
(Proposta de resolución núm. 19 do G.P. Popular de Galicia).

30.ª  Resolución
«O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia,  dentro da Axenda de competitividade Galicia-Industria 4.0, a desenvolver unha estratexia integral de optimización loxística axeitada á nova industria, baseada nunha análise exhaustiva dos recursos loxísticos existentes, que implique a todos os axentes industriais, para identificar os aspectos claves na loxística 4.0, racionalizando o uso das capacidades actuais e promovendo a optimización do seu uso no futuro.»
Aprobada por 41 votos a favor, 31 en contra e 2 abstencións.
(Proposta de resolución núm. 32 do G.P. Popular de Galicia).
 
31.ª  Resolución
«O Parlamento insta a Xunta de Galicia a propoñerlles aos concellos de Vigo, A Coruña e Santiago acordos para avanzar na posta en marcha do billete combinado tren+bus, para que as tres terminais aeroportuarias estean máis coordinadas e sexan máis accesibles para todos os cidadáns.» 
Aprobada por 43 votos a favor, 31 en contra e ningunha abstención.
(Proposta de resolución núm. 21 do G.P. Popular de Galicia).

32.ª  Resolución
«O Parlamento insta a Xunta de Galicia a completar o saneamento das rías galegas, principalmente as da Coruña-O Burgo, Vigo, Ferrol, Arousa e Pontevedra, ofrecendo así continuidade ao maior pulo dado ao saneamento das rías na comunidade galega.»
Aprobada por 43 votos a favor, 31 en contra e ningunha abstención.
(Proposta de resolución núm. 23 do G.P. Popular de Galicia).

33.ª  Resolución
«O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a afondar nos programas de fomento da actividade física e do deporte de base e de tecnificación e alto rendemento, nomeadamente estes últimos dirixidos á participación de deportistas galegos en competicións internacionais, así como nas medidas dirixidas á celebración e consolidación de eventos deportivos de carácter nacional e internacional en Galicia, dadas as positivas repercusións deportivas, turísticas e económicas destes eventos para a comunidade autónoma.»
Aprobada por 43 votos a favor, 31 en contra e ningunha abstención.
(Proposta de resolución núm. 25 do G.P. Popular de Galicia).

34.ª  Resolución
«O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a afondar na achega de competitividade á nosa frota pesqueira, con especial atención á frota pesqueira artesanal, deseñando e poñendo en marcha un plan de desenvolvemento, sustentabilidade e competitividade da pesca artesanal en Galicia, que contaría cun plan de emprego e formación, coa elaboración de plans de mellora da comercialización de determinados recursos e co impulso das marcas de calidade e denominación de orixe, así como na mellora da eficiencia enerxética e o incremento da rendibilidade das unidades pesqueiras mediante a execución do Proxecto de reconversión da frota pesqueira para a substitución do combustible actual por gas natural licuado (GNL).»
Aprobada por 43 votos a favor, 31 en contra e ningunha abstención.
(Proposta de resolución núm. 29 do G.P. Popular de Galicia).

35.ª  Resolución
«O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a desenvolver unha liña de apoio específica para investimentos que estimule o fortalecemento dos centros de investigación e tecnolóxicos de Galicia co fin de mellorar a súa capacidade de xerar, validar e transferir coñecemento ás empresas galegas, especialmente no ámbito da aplicación das novas tecnoloxías e da mellora da súa competitividade.»
Aprobada por 43 votos a favor, 31 en contra e ningunha abstención.
(Proposta de resolución núm. 33 do G.P. Popular de Galicia).

36.ª  Resolución
«O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a adoptar en 2016 todas as medidas necesarias para rematar a implantación da sede electrónica, da plena dixitalización do sistema único de rexistro e do seu sistema de cita previa. O obxectivo é ofrecer á cidadanía tanto a posibilidade de inicio electrónico de todos os seus procedementos coma unha maior comodidade, evitando atrasos e esperas, para aquelas persoas que opten por presentar en papel a súa documentación, unificando ambas as entradas nunha rede integral de información dixitalizada que permita a eliminación do papel na súa tramitación interna.»
Aprobada por 43 votos a favor, 31 en contra e ningunha abstención.
(Proposta de resolución núm. 35 do G.P. Popular de Galicia).

37.ª  Resolución
«O Parlamento de Galicia insta a Xunta a traballar polo ensino galego, garantindo un mellor acceso ao conxunto do alumnado, máis idiomas e máis tecnoloxía, a través dun reforzo do Plan de aprendizaxe trilingüe, da aposta polas TIC e da dixitalización de contidos educativos.»
Aprobada por 42 votos a favor, 32 en contra e ningunha abstención.
(Proposta de resolución núm. 8 do G.P. Popular de Galicia).

38.ª  Resolución
«O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia para que lles solicite aos operadores por xunto de produtos petrolíferos que participan na distribución polo miúdo de carburantes en Galicia a rebaixa do prezo dos carburantes aplicados aos consumidores galegos, co fin de que queden equiparados coa media do Estado.»
Aprobada por 42 votos a favor, 32 en contra e ningunha abstención.
(Proposta de resolución núm. 16 do G.P. Popular de Galicia).

39.ª  Resolución
«O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia para que lle dea continuidade a programas específicos de apoio ao emprego xuvenil, afondando nos procesos de atención personalizada que oriente os mozos e as mozas á mellor saída laboral, impulsando e ampliando a formación dual, continuando co programa de incentivos á contratación de mozos e mozas, e seguindo a subvencionar durante un ano a afiliación á Seguridade Social dos menores de 30 anos que se establezan como autónomos.»
Aprobada por 41 votos a favor, 33 en contra e ningunha abstención.
(Proposta de resolución núm. 2 do G.P. Popular de Galicia).

40.ª  Resolución
«O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia para que amplíe o vindeiro ano o Plan para parados de longa duración e con cargas familiares posto en marcha neste exercicio, de xeito que estas persoas sigan sendo un colectivo prioritario dos programas de cooperación con entidades sen ánimo de lucro e se reforce a oferta formativa que se está a desenvolver neste eido.»
Aprobada por 41 votos a favor, 33 en contra e ningunha abstención.
(Proposta de resolución núm. 3 do G.P. Popular de Galicia).

41.ª  Resolución
«O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a levar a cabo as seguintes actuacións en relación cos empregados públicos:
— continuar co proceso de recuperación dos niveis salariais dos empregados públicos, completando a recuperación da paga extra de 2012, mediante o aboamento do 50 % dela en 2016;
— continuar cos procesos de creación de emprego fixo nos servizos públicos galegos, mediante convocatorias de ofertas de emprego que se acollan á ampliación das taxas de reposición aprobadas polo Goberno tal como solicitou Galicia;
— e avanzar nun mecanismo de mobilidade dos empregados públicos que lles permita, mediante concursos de traslado máis áxiles, sinxelos e con maior periodicidade, achegarse á súa localidade de residencia e progresar na súa carreira profesional.»
Aprobada por 41 votos a favor, 33 en contra e ningunha abstención.
(Proposta de resolución núm. 5 do G.P. Popular de Galicia).

42.ª  Resolución
«O Parlamento de Galicia insta a Xunta a apoiarse na Lei do Sistema universitario de Galicia (SUG) e no novo modelo de financiamento universitario para impulsar, desde o respecto á súa autonomía, unha maior coordinación e colaboración das tres universidades galegas nos ámbitos da docencia e a investigación, co fin de seguir avanzando no proceso de modernización iniciado nos últimos anos.»
Aprobada por 41 votos a favor, 33 en contra e ningunha abstención.
(Proposta de resolución núm. 10 do G.P. Popular de Galicia).

43.ª  Resolución
«O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a continuar co desenvolvemento do “socio tecnolóxico” e co expediente de contratación de alta tecnoloxía sanitaria recentemente adxudicado polo Servizo Galego de Saúde; iniciativa cuxo obxecto é dotar o Servizo Público de Saúde de Galicia da alta tecnoloxía necesaria para aumentar a calidade asistencial, mellorar a dispoñibilidade de equipamento e atender de forma máis eficiente a demanda de realización de probas diagnósticas e procedementos terapéuticos que empregan estas tecnoloxías, nomeadamente dotando antes do remate do ano 2015 o Hospital Universitario Lucus Augusti cos equipos de radioterapia e medicina nuclear.»
Aprobada por 41 votos a favor, 33 en contra e ningunha abstención.
(Proposta de resolución núm. 12 do G.P. Popular de Galicia).

44.ª  Resolución
«O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia para que, na liña da Estratexia galega de atención integral á cronicidade, dea continuidade aos proxectos de innovación sanitaria de Innova Saúde “Hospital na casa” e “Fogar dixital asistencial”, que facilitarán a transformación do modelo asistencial, pasando dun modelo de atención reactivo a un proactivo, cuxos principais eixes sexan a promoción da saúde, a prevención da enfermidade, a abordaxe da cronicidade, a autoxestión e o autocoidado da enfermidade e mais a promoción dun envellecemento activo e saudable.»
Aprobada por 41 votos a favor, 33 en contra e ningunha abstención.
(Proposta de resolución núm. 13 do G.P. Popular de Galicia).

45.ª Resolución
«O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a continuar a:
— Abrir prazas públicas de residencias, centros de día e para persoas con alzhéimer, así como potenciar e diversificar programas de actividades de lecer que promovan o envellecemento activo das persoas maiores de Galicia.
— Incrementar as prazas públicas para persoas con discapacidade, poñer en marcha novos servizos dirixidos a cubrir as súas necesidades especificas de carácter terapéutico-asistencial, así como levar a cabo iniciativas que faciliten a adquisición de servizos de promoción da autonomía persoal e servizos complementarios de asistencia persoal.
— Mellorar a atención na nosa comunidade autónoma das persoas dependentes, coa inclusión no vindeiro ano 2016 no sistema de 10.000 novos dependentes.»
Aprobada por 41 votos a favor, 33 en contra e ningunha abstención.
(Proposta de resolución núm. 15 do G.P. Popular de Galicia).

46.ª Resolución
«O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a impulsar iniciativas que certifiquen a calidade da oferta de aloxamento ao longo do Camiño de Santiago e, nese senso, a desenvolver un distintivo de calidade turística para os albergues de peregrinos tanto públicos coma privados, así como a desenvolver o Plan director do Camiño impulsando a colaboración e a cooperación coas deputacións provinciais, constituíndo as mesas provinciais do Camiño e poñendo en marcha distintos aspectos como sendas peonís ou vías de tránsito para garantir a seguridade vial dos peregrinos.»
Aprobada por 41 votos a favor, 33 en contra e ningunha abstención.
(Proposta de resolución núm. 17 do G.P. Popular de Galicia).

47.ª  Resolución
«O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a poñer en marcha as actuacións previstas no Plan de banda larga 2020, para o impulso e desenvolvemento de redes de banda larga ultrarrápidas, co fin de acadar os obxectivos establecidos por Europa e de que todos os galegos e galegas poidan ter acceso a estas redes no 2020, cunha cobertura de polo menos 30 megas para a totalidade da poboación e de 100 megas para núcleos de máis de 500 habitantes.»
Aprobada por 41 votos a favor, 33 en contra e ningunha abstención.
(Proposta de resolución  núm. 18 do G.P. Popular de Galicia).
 
48.ª Resolución
«O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a promover a ordenación dos montes de Galicia, tanto en unidades amplas de xestión coma en pequenas parcelas forestais, apostando polas sociedades de fomento forestal (Sofor) e garantindo a consecución dunha xestión forestal sustentable e mais favorecendo a certificación forestal en amplas superficies de produción forestal.»
Aprobada por 41 votos a favor, 33 en contra e ningunha abstención.
(Proposta de resolución  núm. 28 do G.P. Popular de Galicia).
 
49.ª Resolución
«O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a que reforce o actual programa para incentivar o retorno de galegos emprendedores a Galicia que residan fóra da nosa comunidade, co obxecto de impulsar o crecemento produtivo da nosa terra, incrementar o número de empregados e axudar a paliar o déficit demográfico de Galicia.»
Aprobada por 41 votos a favor, 33 en contra e ningunha abstención.
(Proposta de resolución  núm. 30 do G.P. Popular de Galicia).
 
50.ª Resolución
«O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a desenvolver unha estratexia de apoio á biotecnoloxía, para mellorar a competitividade das empresas do sector en Galicia, incluíndo entre as distintas medidas un programa de axudas destinado a fortalecer as súas capacidades de desenvolver novos produtos e servizos e a acelerar a súa chegada ao mercado.»
Aprobada por 41 votos a favor, 33 en contra e ningunha abstención.
(Proposta de resolución  núm. 31 do G.P. Popular de Galicia).

Santiago de Compostela, 16 de outubro de 2015
 
Pilar Rojo Noguera
Presidenta

Imaxes Relacionadas

Outras novas


Emisións en directo

Non temos emisións en directo neste momento.

Axenda

Na axenda atopará as ordes do día e a documentación das sesións desta Cámara, tamén poderá consultar o arquivo multimedia das sesións xa celebradas.

Calendario

MARTES 21
novembro de 2017
lunsmarmérxovvensábdom
12345
6789101112
13141516171819
20212223242526
27282930
<< outubro| decembro >>

Información das Sesións

Lista de sesións do día 21/11/2017


© Parlamento de Galicia, 2011 | Rúa do Hórreo, 63 - 15701 Santiago de Compostela | Tel.: 981 551 300 Fax: 981 551 408