O Catálogo galego de árbores senlleiras incorpora un cedro atlántico do xardín do Parlamento de Galicia

· O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución pola que se fai pública a inclusión deste exemplar no Catálogo, na véspera da conmemoración do primeiro centenario do edificio.
· As características morfolóxicas e a súa importancia histórica e cultural xustifican a inclusión desta árbore no catálogo.
· Este cedro ten unha altura de 21 metros, un perímetro de 4,40 metros e o diámetro da copa acada os 25 metros.
 
Santiago, 1 de outubro de 2015.- O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe (http://goo.gl/5XRnoz) unha resolución  da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a través da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, pola que se fai pública a inclusión  no Catálogo galego de árbores senlleiras dun cedro atlántico (Cedrus atlantica [Endl.] Manetti ex Carriére) situado nun extremo do xardín da fachada principal do edificio do Pazo do Hórreo, actual sede do Parlamento de Galicia.
 
Este recoñecemento, solicitado polo Parlamento, coincide coa celebración do centenario da inaguración do edificio, que tivo lugar o 2 de outubro de 1915 para acoller unha Escola de Veterinaria.
 
O cedro atlántico incorporado agora ao Catálogo galego de árbores senlleiras conta cunha altura de 21 metros, un perímetro de 4,40 metros, e un diámetro de copa duns 25 metros. Acompáñase no xardín do edificio doutros dous exemplares da mesma especie de menor porte e idade, e doutras especies vexetais de interese, como alciprestes de Lawson, pitósporos da China ou palmeiras canarias.
 
A distinción como árbore senlleira deste cedro foi tamén motivada pola importancia histórica e cultural do xardín centenario do Pazo do Hórreo.
 
Centenario do edificio
 
O Parlamento de Galicia acollerá, mañá venres, unha xornada conmemorativa do primeiro centenario da súa sede.
 
A xornada conmemorativa será inaugurada polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e pola presidenta do Parlamento, Pilar Rojo Noguera. O programa contempla un primeiro relatorio a cargo do catedrático de Historia Contemporánea da USC e presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, que falará sobre Eugenio Montero Ríos e a Galicia do seu tempo. Montero Ríos foi o impulsor da construción do edificio da Escola de Veterinaria. No segundo relatorio, José Ramón Soraluce Blond, catedrático de Composición Arquitectónica da Universidade da Coruña, disertará sobre O pazo do Hórreo, arquitectura e autores.
 
A xornada conmemorativa completarase cunha mesa redonda moderada por Xosé Luis Barreiro Rivas, profesor de Ciencias Políticas da USC, na que se analizarán os diferentes usos do usos do edificio ao longo da súa historia. Participarán nesta mesa redonda Diego Conde Gómez, da Asociación de Historia da Veterinaria en Galicia (HISVEGA), que centrará a súa intervención no uso do edificio como Escola de Veterinaria; Juan Rodríguez Villasante, coronel de Intendencia retirado e membro do ICOMOS, que falará sobre a utilización do edificio como cuartel militar; e Tomás Pérez Vidal, expresidente do Parlamento de Galicia, que se centrará no uso do Pazo do Hórreo como sede do Lexislativo galego.
 
Os antecedentes do Pazo do Hórreo
 
O edificio que alberga o Parlamento de Galicia foi deseñado e construído para albergar unha Escola de Veterinaria, máis entre unha e outra etapa atravesou diferentes vicisitudes. Os terreos sobre os que se construiría a sede da Escola de Veterinaria –estudos que se impartían no Colexio de Fonseca desde 1882- foron mercados polo Concello de Santiago en 1903 e cedidos ao Estado. Sumaban unha superficie de 61.544 metros cadrados, nunha ubicación elixida por ser un lugar ventilado, con vertentes opostas ás da cidade de Santiago, axustándose así ás necesidades pedagóxicas e hixiénicas que se precisaban.
 
A primeira pedra da Escola de Veterinaria  e os seus servizos anexos de estación pecuaria e granxa agrícola de experimentación colocouse o 24 de marzo de 1903, nun acto presidido polo deputado Eugenio Montero Ríos, gran impulsor do proxecto. O proxecto inicial do edificio é de Antonio Bermejo y Arteaga, daquela arquitecto municipal de Santiago de Compostela, que seguiu modelos de escolas francesas. Falecido este, faise cargo do proxecto o tamén arquitecto Arturo Calvo, que modifica algúns aspectos do mesmo e sería tamén o director das obras. 
 
A maiores, entre 1921 e 1924 compartiu sede coa Misión Biolóxica de Galicia e nos seus predios, da man de Cruz Gallástegui, naceu o primeiro millo híbrido de toda Europa.
Desaparecida a Escola de Veterinaria, no ano 1925 formalízase definitivamente a cesión de todo o edificio ao Exército, que o utilizou ata a segunda metade da década dos oitenta.
 
No ano 1986, a Xunta de Galicia mercou o edificio ao Ministerio de Defensa para convertelo en sede oficial do Parlamento de Galicia.
 
Unha vez adquirido o cuartel, a Mesa do Parlamento de Galicia, presidida por Tomás Pérez Vidal, convocou en 1987  un concurso de ideas para seleccionar o anteproxecto de rehabilitación e adaptación do edificio como sede da Cámara lexislativa galega. Resultou gañador o arquitecto galego Manuel Andrés Reboredo Santos. As obras executáronse axiña e remataron no ano 1989.
 
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.

Imaxes Relacionadas

Outras novas


Emisións en directo

Non temos emisións en directo neste momento.

Axenda

Na axenda atopará as ordes do día e a documentación das sesións desta Cámara, tamén poderá consultar o arquivo multimedia das sesións xa celebradas.

Calendario

LUNS 23
outubro de 2017
lunsmarmérxovvensábdom
1
2345678
9101112131415
16171819202122
23242526272829
3031
<< setembro| novembro >>

Información das Sesións

Lista de sesións do día 23/10/2017


© Parlamento de Galicia, 2011 | Rúa do Hórreo, 63 - 15701 Santiago de Compostela | Tel.: 981 551 300 Fax: 981 551 408