O Parlamento de Galicia acolle a entrega de premios da quinta edición do seu concurso escolar

· Escolares do CPR Manuela Rial Mouzo de Cee gañaron na modalidade de Educación Infantil; alumnas do CPR Santo Tomás do Porriño, en Primaria; mentres que alumnado do IES Mestre Landín de Marín resultou premiado en Secundaria.
· Resultou finalista outro grupo do CPR Manuela Rial Mouzo de Cee (Infantil);  alumnado de 6º de Primaria do CEIP de Castrelo de Miño; e un grupo de 3º de ESO do IES Xulián Magariños de Negreira.
· Pilar Rojo advirte que o uso "excesivo ou impropio" de Internet "comporta riscos e pode resultar nocivo" nas primeiras etapas da vida.
 
Santiago, 12 de xuño de 2015.- O Salón dos Reis do Parlamento de Galicia acolleu este mediodía o acto de entrega de premios da quinta edición do Concurso Escolar convocado pola Cámara Autonómica, que nesta ocasión recibiu traballos presentados baixo o lema "En busca da Igualdade".
 
Na modalidade de Educación Infantil resultou gañador un grupo de catro alumnas do 2º ciclo de  educación infantil (aula de 4 anos) do CPR Manuela Rial Mouzo de Cee (A Coruña), polo deseño dunha camiseta. Tamén en Educación infantil o finalista é un grupo de catro  alumnos/as do 2º ciclo de Educación Infantil (aula de 5 anos)  do CPR Manuela Rial Mouzo de Cee, por un relato curto.
 
En Educación Primaria, o premio correspondeu a catro alumnas de 6º de Educación Primaria do CPR Santo Tomás do Porriño (Pontevedra), por un vídeo. Resultaron finalistas alumnos/as de 6º de Primaria do CEIP Castrelo de Miño (Ourense) por un relato curto.
 
Xa en Educación Secundaria, o premio correspondeu a alumnado de 2º C de ESO do IES Mestre Landín de Marín (Pontevedra) por un vídeo. O premio finalista correspondeu a un grupo de alumnos/as de 3º A de ESO do IES Xulián Magariños de Negreira (A Coruña), que concursou cun vídeo.
No acto, a presidenta do Parlamento de Galicia afirmou que para a Cámara lexislativa "é unha verdadeira satisfacción" convocar e entregar estes premios, que levaron aos escolares galegos a reflexionar sobre valores como a igualdade, a tolerancia e a solidariedade.
 
A xuízo da presidenta do Parlamento, "sen igualdade, sen tolerancia, e sen solidariedade, o mundo tórnase un lugar moito máis difícil de habitar".
 
Pilar Rojo considerou que os traballos presentados ao Concurso Escolar 2014-2015 do Parlamento poñen de manifesto a "sensibilidade e preocupación" do estudantado respecto a estes asuntos, polo que "teño a seguridade de que a todos nos agarda unha Galicia mellor, a que contribuiredes a edificar cando sexades maiores, cada un desde a responsabilidade que lle corresponda", afirmou dirixíndose aos nenos e nenas asistentes ao acto.
 
Os riscos de Internet para os máis novos
 
Rojo Noguera animou aos estudantes descubrir o mundo "en directo" en lugar de facelo a través dunha pantalla  e apuntou que se ben Internet e os restantes avances tecnolóxicos ofrecen moitas oportunidades, "o seu uso excesivo ou impropio comporta riscos e pode resultar nocivo", especialmente para os máis novos.
 
Traballos colectivos
 
As bases da convocatoria deste concurso determinaban que os traballos deberían versar sobre aspectos relacionados coa Igualdade e cada un deles debería ser elaborado, obrigatoriamente, por un grupo de catro alumnos, para incentivar o traballo en equipo. Cada clase só podía presentar un traballo e cada centro educativo podía participar cun máximo de cinco  traballos por cada unha das etapas educativas ás que vai dirixida a convocatoria.
 
Cada grupo podía elixir a técnica de expresión desexada: deseño dunha camiseta, relato curto, fotografías, vídeo ou vídeo xogo.
 
Premios
 
Cada un dos alumnos dos grupos gañadores dos tres niveis educativos recibiu como premio unha táboa dixital e un lote de libros para cada alumno ou alumna. A cada finalista correspondeulle un MP5 e un lote de libros.
 
As clases dos grupos gañadores son agasalladas cunha excursión de carácter educativo para visitar un lugar significativo de Galicia. Cada profesor ou profesora que supervisaran os traballos gañadores son premiados cunha táboa dixital, mentres que os docentes que supervisaran os traballos finalistas reciben un MP5 e un lote de libros.  O centro educativo de cada grupo gañador recibe 2.000 € para destinar á organización de actividades extraescolares ou da biblioteca escolar. Este premio non é acumulable.
 
A acta do xurado e os traballos premiados poden consultarse na web do Parlamento de Galicia: http://www.parlamento.gal/sitios/web/contenidogal/documentosdeinterese/ConcursoEscolar.aspx.
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.

Imaxes Relacionadas

Outras novas


Emisións en directo

Non temos emisións en directo neste momento.

Axenda

Na axenda atopará as ordes do día e a documentación das sesións desta Cámara, tamén poderá consultar o arquivo multimedia das sesións xa celebradas.

Calendario

MARTES 21
novembro de 2017
lunsmarmérxovvensábdom
12345
6789101112
13141516171819
20212223242526
27282930
<< outubro| decembro >>

Información das Sesións

Lista de sesións do día 21/11/2017


© Parlamento de Galicia, 2011 | Rúa do Hórreo, 63 - 15701 Santiago de Compostela | Tel.: 981 551 300 Fax: 981 551 408