Escolares galegos protagonizan un Pleno organizado por Aldeas Infantiles SOS no marco dun programa de educación en valores

• Alumnos de catro colexios galegos reflexionan no Hemiciclo sobre a importancia de prestar atención na sociedade actual
 
• O vicepresidente da Cámara, Miguel Santalices, reivindica a atención como piar da formación de cidadáns con “espírito crítico, dificilmente manipulables”
 
Santiago, 5 de xuño de 2015.- O Parlamento de Galicia acolleu este mediodía un pleno infantil no que escolares de catro centros galegos -os CEIP López Ferreiro, de Santiago; Monte Baliño, de Pantón (Lugo); Seixalbo (Ourense); e do Foxo, da Estrada (Pontevedra)- reflexionaron sobre a importancia de prestar atención na sociedade actual.
 
O acto estivo organizado por Aldeas Infantiles SOS no marco do programa educativo “Abraza os teus valores”, para alumnos de primaria, que neste curso chegou a 7.600 escolares galegos, co obxectivo de fomentar a reflexión, o pensamento crítico e a solidariedade entre os menores. Para o alumnado de secundaria, Aldeas Infantiles SOS deseñou o programa “Párate a pensar”, no que participaron 5.800 estudantes.
 
No curso que remata, os programas pedagóxicos de Aldeas Infantiles centráronse no concepto da atención, xa que esta se ten revelado como unha das principais preocupacións do persoal docente e dos pais nas últimas décadas. As maiores distraccións tecnolóxicas e audiovisuais que teñen ao seu carón os escolares amezan a súa capacidade de concentración.

Santalices reivindica a atención como piar da formación
 
Precisamente, este feito centrou boa parte da intervención do vicepresidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices, que, animou aos nenos e nenas participantes a entrenar a capacidade para prestar atención. Miguel Santalices reivindicou a atención como piar fundamental no proceso de formación das persoas “con espírito crítico, dificilmente manipulables; cidadáns responsables, que saben escoitar e son quen de entender outras maneiras de expresarse”.
 
O vicepresidente do Parlamento felicitou a Aldeas Infantiles SOS pola organización dos seus programas pedagóxicos  e agradeceu a implicación do profesorado que participa neles. Santalices Vieira tamén eloxiou o traballo da ata o de agora presidenta de Aldeas Infantiles SOS Galicia, Rosa Freire Pichín, que deixa esa responsabilidade.  E desexou sorte á nova presidenta, Pilar Ríos, que tamén participou no acto.
 
O Pleno infantil contou tamén coa asistencia de deputados de diferentes grupos parlamentarios e da directora xeral de Familia e Inclusión da Xunta.
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.

Imaxes Relacionadas

Outras novas


Emisións en directo

Non temos emisións en directo neste momento.

Axenda

Na axenda atopará as ordes do día e a documentación das sesións desta Cámara, tamén poderá consultar o arquivo multimedia das sesións xa celebradas.

Calendario

MARTES 21
novembro de 2017
lunsmarmérxovvensábdom
12345
6789101112
13141516171819
20212223242526
27282930
<< outubro| decembro >>

Información das Sesións

Lista de sesións do día 21/11/2017


© Parlamento de Galicia, 2011 | Rúa do Hórreo, 63 - 15701 Santiago de Compostela | Tel.: 981 551 300 Fax: 981 551 408