O Parlamento de Galicia leva a Montevideo a exposición sobre os autores homenaxeados no Día das Letras Galegas

 
• A mostra abrirase este luns no Teatro Solís da capital uruguaia, coincidindo co inicio da semana das Letras Galegas,  nun acto presidido pola titular da Cámara, Pilar Rojo

Santiago, 10 de maio de 2015.- A presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo Noguera, presidirá este luns, 11 de maio, en Montevideo, a apertura ao público da exposición “53 páxinas das nosas letras”, organizada pola Cámara galega, coa colaboración da Xunta e a Real Academia Galega, para divulgar as figuras dos autores homenaxeados no Día das Letras Galegas, desde a súa primeira edición, a de 1963.
 
Tamén participarán no devandito acto o embaixador de España na República Oriental do Uruguai, Roberto Varela; e o secretario xeral de Emigración da Xunta de Galicia, Antonio Rodríguez Miranda.
 
A mostra poderá visitarse no Teatro Solís da capital uruguaia ata o 23 de maio. Nesa cidade está o centro galego en funcionamento máis antigo do mundo: o Centro Galego de Montevideo, fundado en agosto de 1879. A numerosa colonia galega da capital uruguaia ten protagonizado unha intensa vida cultural, como a acredita o Patronato da Cultura Galega de Montevideo ou o programa radiofónico Sempre en Galiza, cunha emisión semanal en galego desde o ano 1950.
 
Semana das letras galegas
 
A exposición chega a Montevideo ao comezo da semana das letras galegas, logo de ter sido amosada en Buenos Aires no  marco da celebración do XI Congreso da Asociación
Internacional de Estudos Galegos (AIEG).
 
A mostra “53 páxinas das nosas letras” está integrada polas medallas das letras, obra do escultor e medallista Manuel Ferreiro Badía e do debuxante e caricaturista Siro López. Trátase de altorrelevos que reproducen a faciana dos escritores e escritoras aos que se dedicou o  Día das Letras Galegas, instaurado pola Real Academia Galega en 1963 por proposta de Francisco Fernández del Riego. Percorreu xa boa parte da xeografía galega, ademais de ter sido exposta en Madrid, Barcelona e Bruxelas.
 
En Montevideo e Buenos Aires, a exposición amósase cun formato modificado respecto ao orixinal, para facilitar o traslado das pezas, pero tamén inclúe as medallas dos autores homenaxeados nas  edicións 2013 e 2014 do Día das Letras Galegas. A mostra orixinal estaba integrada polas figuras dos 51 homenaxeados no primeiro medio século do Día das Letras Galegas.
 
Encontros coa colonia galega
 
A presidenta do Parlamento de Galicia aproveitará este desprazamento para manter diferentes encontros institucionais con representantes da colonia galega asentada na capital uruguaia. Visitará, canda o secretario xeral de Emigración da Xunta, Antonio Rodríguez Miranda, a Casa de Galicia de Montevideo e a Asociación Española Primera de Socorros Mutuos, ademais de celebrar un encontro cos representantes das institucións galegas de Montevideo.

Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.

Imaxes Relacionadas

Outras novas


Emisións en directo

Non temos emisións en directo neste momento.

Axenda

Na axenda atopará as ordes do día e a documentación das sesións desta Cámara, tamén poderá consultar o arquivo multimedia das sesións xa celebradas.

Calendario

MARTES 21
novembro de 2017
lunsmarmérxovvensábdom
12345
6789101112
13141516171819
20212223242526
27282930
<< outubro| decembro >>

Información das Sesións

Lista de sesións do día 21/11/2017


© Parlamento de Galicia, 2011 | Rúa do Hórreo, 63 - 15701 Santiago de Compostela | Tel.: 981 551 300 Fax: 981 551 408