Declaración institucional do Parlamento de Galicia sobre o Sáhara Occidental

Neste ano 2015, no que se cumpre o corenta aniversario da cesión por parte de España da administración do Sáhara Occidental, o Parlamento de Galicia quere reafirmar o compromiso co futuro en liberdade do pobo saharauí, asumindo e renovando os importantes acordos acadados na última Conferencia dos Intergrupos Parlamentarios Paz e Liberdade no Sáhara Occidental, que tivo lugar en Pamplona o pasado 21 de febreiro.
 
O Parlamento de Galicia, dada a inminente xuntanza do Consello de Seguridade de Nacións Unidas estes días, concretamente, o 30 de abril, que se reúne para tratar o conflito saharauí, insta o Goberno de España a dar prioridade, como membro do Consello de Seguridade de Nacións Unidas, ás cuestións relativas ao cumprimento do Plan de Paz para o Sáhara Occidental, co fin de obter, sen máis atrasos, unha solución xusta e definitiva, que pasa por levar á práctica o dereito de autodeterminación do pobo saharauí mediante a celebración do referendo.
 
Consideramos imprescindible que, á vista da grave situación que se vive no Sáhara Occidental, a Misión das Nacións Unidas para o Referendo do Sáhara Occidental –Minurso– debe obter a potestade para vixiar e salvagardar os dereitos humanos da poboación saharauí no Sáhara Occidental.
 
Instamos as institucións públicas a intensificaren o apoio solidario e humanitario tanto á poboación refuxiada nos campamentos de Tinduf coma aos habitantes saharauís do Sáhara Occidental, e renovamos o compromiso do Parlamento na atención e o seguimento no conflito saharauí.
 
Invitamos a medios de comunicación, persoas solidarias e sociedade civil a difundiren a realidade do pobo saharauí, e agradecemos o esforzo dos e das profesionais que traballan nos ámbitos universitario, xudicial e solidario para lograr un futuro en liberdade.
 
Santiago de Compostela, o 29 de abril de 2015

Imaxes Relacionadas

Outras novas


Emisións en directo

Non temos emisións en directo neste momento.

Erro ó carga-la páxina. Error en el servidor remoto: (404) No se encontró.

© Parlamento de Galicia, 2011 | Rúa do Hórreo, 63 - 15701 Santiago de Compostela | Tel.: 981 551 300 Fax: 981 551 408