Pilar Rojo valora o traballo dos galicianistas como un “exemplo a seguir”

 
• A presidenta do Parlamento participou no acto inaugural do XI Congreso da Asociación Internacional de Estudos Galegos que desde hoxe se celebra en Buenos Aires, cidade que “ten sido durante anos a capital cultural e intelectual de Galicia”
 
• Agradece o traballo da Asociación Internacional de Estudos Galegos, que “conta co recoñecemento e a admiración de Galicia enteira”
 
Buenos Aires, 6 de abril de 2015.- A presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo, participou hoxe no acto de apertura do XI Congreso da Asociación Internacional  de Estudos Galegos (AIEG) que desde hoxe e ata o vindeiro 8 de abril reúne en Buenos Aires a diferentes integrantes desta entidade, que cumpre 30 anos de vida.
 
A presidenta do Parlamento destacou que este XI Congreso da AIEG se celebre por vez primeira en Buenos Aires, cidade “de tan longa e intensa significación para todos os galegos” e que “ten sido durante anos a capital cultural e intelectual de Galicia”. Proba diso, afirmou, é que a práctica totalidade das personalidades con nome propio na cultura galega do século XX viviron ou viaxaron a Buenos Aires nalgún momento das súas vidas”.
 
Alento e oportunidades en Buenos Aires
 
Recordou Pilar Rojo a figuras como Castelao, Otero Pedrayo, Eduardo Blanco-Amor, Díaz Pardo, Paz Andrade, Maruja Mallo e tantos outros que “en Buenos Aires, ao igual que noutros destinos da emigración, recibiron o alento e as oportunidades que a terra nai lles regateaba durante os anos escuros”.
 
O traballo duns e doutros “foi semente de galeguidade non só na Arxentina, senón que boa parte dese esforzo reverteu a Galicia” en forma de libros de referencia ou proxectos doutro tipo.
 
Amosouse convencida a titular do lexislativo galego de que “os galeguistas históricos que tanto arelaron e loitaron pola dignificación de Galicia se congratularían hoxe ao comprobar que a democracia parlamentaria que entre todos fomos quen de edificar e consolidar permitiu que a nosa Comunidade se dotase de institucións propias de autogoberno”.
 
Na súa opinión, aquela “xeración de valentes” sentiríase orgullosa tamén de que o seu esforzo “deu os froitos agardados e tanto na Galicia territorial, como na Galicia universal, dispoñen dunha ampla nómina de herdeiros entre os que ocupan un lugar destacado galicianistas como os que desde hoxe se dan cita en Buenos Aires”.
 
Exemplo a seguir
 
Pilar Rojo agradeceu á Asociación Internacional de Estudos Galegos, e especialmente á súa presidenta, Débora Campos, a invitación para participar nesta actividade, no marco da cal o Parlamento trasladou a Buenos Aires a exposición “53 páxinas das nosas letras”, organizada coa colaboración da Xunta e a Real Academia Galega.
 
Insistiu a titular do lexislativo galego en recoñecer ao traballo dos integrantes da Asociación Internacional de Estudos galegos, “un exemplo a seguir”. “Parabéns a todos e todas polo seu labor, que conta co recoñecemento e a admiración de Galicia enteira”, afirmou Rojo Noguera.

Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.

Imaxes Relacionadas

Outras novas


Emisións en directo

Non temos emisións en directo neste momento.

Axenda

Na axenda atopará as ordes do día e a documentación das sesións desta Cámara, tamén poderá consultar o arquivo multimedia das sesións xa celebradas.

Calendario

LUNS 23
outubro de 2017
lunsmarmérxovvensábdom
1
2345678
9101112131415
16171819202122
23242526272829
3031
<< setembro| novembro >>

Información das Sesións

Lista de sesións do día 23/10/2017


© Parlamento de Galicia, 2011 | Rúa do Hórreo, 63 - 15701 Santiago de Compostela | Tel.: 981 551 300 Fax: 981 551 408