A presidenta do Parlamento efectúa unha ofrenda floral no Panteón do Centro Gallego de Buenos Aires

 
• Confésase “emocionada” ao iniciar unha visita institucional á capital arxentina e lembra a achega da emigración galega neste país
 
• Pilar Rojo ostentará a máxima representación institucional da Comunidade Autónoma na inauguración do XI Congreso da Asociación Internacional de Estudos Galegos (AIEG), que se celebra por primeira vez na capital arxentina coincidindo co 30 aniversario desta organización
 
• O Parlamento leva a Buenos Aires a mostra “53 páxinas das nosas letras”, no marco do XI Congreso da Asociación Internacional de Estudos Galegos (AIEG)
 
• A presidenta da Cámara aproveitará o desprazamento para manter diferentes encontros institucionais coa colonia galega asentada na capital arxentina e tamén visitará o Parlamento da Cidade Autónoma de Buenos Aires
 
Santiago, 5 de abril de 2015.- A presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo Noguera, efectuou hoxe unha ofrenda floral no Panteón Social do Centro Gallego de Buenos Aires, no cemiterio da Chacarita, dando así comezo a unha visita institucional á capital arxentina, na que mañá luns presidirá a apertura ao público da exposición “53 páxinas das nosas letras”, organizada pola Cámara galega, coa colaboración da Xunta e a Real Academia Galega, para divulgar as figuras dos autores homenaxeados no Día das Letras Galegas, desde a súa primeira edición, a de 1963. A mostra poderá visitarse na Sala Luis Seoane do Centro Galicia de Buenos Aires ata o vindeiro 3 de maio.
 
Nunha entrevista radiofónica cunha emisora de Buenos Aires, Pilar Rojo confesouse “emocionada” por esta visita institucional a un destino de fonda significación para Galicia. “Non podemos esquecer o que todos os galegos de Buenos Aires fixeron por Galicia”, dixo.
 
Na xornada de hoxe (xa pola noite en Galicia), Pilar Rojo tamén visitou o Centro Gallego da capital arxentina.
 
A exposición “53 páxinas das nosas letras” chega a Buenos Aires no marco da celebración do XI Congreso da Asociación Internacional de Estudos Galegos (AIEG), que se celebra por primeira vez na capital arxentina coincidindo co 30 aniversario organización, que ten como obxectivo a difusión global dos estudos galegos e a creación de redes de conexión entre os distintos centros culturais da diáspora galega. A xornalista Débora Campos é a actual presidenta da AIEG.
 
A presidenta do Parlamento de Galicia ostentará a máxima representación institucional da Comunidade Autónoma na inauguración deste Congreso, que se celebra do 6 ao 8 de abril.
 
A mostra “53 páxinas das nosas letras” está integrada polas medallas das letras, obra do escultor e medallista Manuel Ferreiro Badía e o debuxante e caricaturista Siro López. Trátase de altorrelevos que reproducen a faciana dos escritores e escritoras aos que se dedicou o  Día das Letras Galegas, instaurado pola Real Academia Galega en 1963 por proposta de Francisco Fernández del Riego. Tamén inclúe un vídeo divulgativo sobre o Día das Letras Galegas. Percorreu xa boa parte da xeografía galega, ademais de ter sido exposta en Madrid, Barcelona e Bruxelas.
 
A Buenos Aires, a exposición chega cun formato modificado, para facilitar o traslado das pezas, pero tamén coas medallas dos autores homenaxeados nas dúas últimas edicións. A mostra orixinal estaba integrada polas figuras dos 51 homenaxeados no primeiro medio século do Día das Letras Galegas.

Encontros coa colonia galega
 
A presidenta do Parlamento de Galicia aproveitará este desprazamento para manter diferentes encontros institucionais con representantes da colonia galega asentada na capital arxentina.
 
Pilar Rojo visitará as instalacións do Colexio Santiago Apóstolo, o Centro Galicia de Buenos Aires e a delegación da Xunta de Galicia na capital arxentina. A presidenta do Parlamento de Galicia tamén se reunirá co embaixador de España na República Arxentina e algúns dos conselleiros da misión diplomática española.
 
Pilar Rojo recibirá o nomeamento de Hóspede de Honra do Parlamento da Cidade de Buenos Aires, visitará a Federación de Asociacións Galegas e manterá un encontro coa Unión de Sociedades Galegas da República Arxentina, entre outras actividades.
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.

Imaxes Relacionadas

Outras novas


Emisións en directo

Non temos emisións en directo neste momento.

Axenda

Na axenda atopará as ordes do día e a documentación das sesións desta Cámara, tamén poderá consultar o arquivo multimedia das sesións xa celebradas.

Calendario

LUNS 23
outubro de 2017
lunsmarmérxovvensábdom
1
2345678
9101112131415
16171819202122
23242526272829
3031
<< setembro| novembro >>

Información das Sesións

Lista de sesións do día 23/10/2017


© Parlamento de Galicia, 2011 | Rúa do Hórreo, 63 - 15701 Santiago de Compostela | Tel.: 981 551 300 Fax: 981 551 408