Educar en medio ambiente, un éxito para todos e todas
A presidenta do Parlamento de Galicia, Dolores Villarino Santiago, dixo hoxe que incluír o respecto polo medio ambiente na educación dos rapaces e rapazas “será un éxito para toda a sociedade”. Así o dixo no saúdo aos 80 rapaces e rapazas de entre 12 e 17 anos do Colexio Santiago Apóstol de Ponteareas que presentaron na Cámara preto de 50 experimentos científicos realizados con materiais reciclados.
Villarino sinalou que “somos conscientes de que un pequeno esforzo a favor do medio ambiente pode supoñer un gran beneficio para o noso planeta” e por iso, explicou “somos plenamente conscientes de que as nosas accións de hoxe condicionan o mañá de milleiros de persoas”.
A presidenta da Cámara dixo que “a nosa aposta é Por un Parlamento máis verde para facer da nosa sede un edificio sostible ao máximo nivel posible” e explicou as reformas da Cámara que coa aplicación das novas tecnoloxías permitiron o aforro de 16 millóns de páxinas de papel ao ano, o equivalente a salvar 5.500 árbores nunha lexislatura. Anunciou que veñen de comezar as obras de instalación de enerxía xeotérmica que permitirá climatizar unha cuarta parte do edificio.
Dolores Villarino engadiu que as placas fotovoltaicas permiten iluminar os xardíns da Cámara e as placas solares quentan a auga que emprega o edificio. Outra das medidas é, dixo, a instalación dun Punto Limpo de reciclaxe de residuos, ou a substitución de bombillas e a instalación paulatina de sensores de presenza para a iluminación dos pasillos, que permiten aforrar un 30 por cento da iluminación do edificio, ademais da posta en marcha dun plan de sensibilización medioambiental dirixido a pequenos e maiores.
Os rapaces e rapazas do Colexio Santiago Apóstol presentaron os seus experimentos científicos, que integran a Semana da Ciencia do Colexio, dentro do programa “Coa reciclaxe, toda unha ciencia”. Con botellas de refresco e unha bomba de aire construíron un foguete, fixeron unha demostración do aguante da ponte romana construída con corcho e madeira, unha lámpada de lava ou demostraron os campos electromagnéticos empregando un bote de especias, aceite e limaduras de metal.
Os rapaces e rapazas presentaron os seus experimentos á presidenta, os membros da Mesa e os portavoces de Educación dos grupos parlamentarios, acompañados pola directora do centro, Pilar Domingo.