Cadea humana a favor do respecto ao Planeta
Un total de 40 rapaces do colexio ourensán Xosé Manuel Folla Espino se dirixiron hoxe aos adultos para pedir dende a Cámara autonómica “a construción dun presente e un futuro respectuosos co planeta” con motivo da celebración do Día Mundial da Terra. Así o dixeron nun acto simbólico de construción dunha cadea humana na entrada da Cámara autonómica para “simbolizar a unión no esforzo de todos para a protección ambiental do planeta”.
Os rapaces leron un manifesto no que solicitan aos adultos “que poñan en marcha todas aquelas medidas ao seu alcance para evitar a contaminación do aire, a auga e solos e o esgotamento dos recursos non renovables”. Pediron tamén a protección e conservación da biodiversidade, o establecemento de medidas para o uso responsable da enerxía e o establecemento de medidas “para que todos fagamos un bo uso da auga, e apliquemos a Redución, Reutilización e Reciclaxe de tódolos materiais”.
Coincidindo con este acto, a Mesa do Parlamento de Galicia aprobou un documento de “Política Ambiental do Parlamento de Galicia” no que asume a “responsabilidade activa na procura dun medio ambiente mellor, e de concienciar e sensibilizar á poboación na loita fronte ao Cambio Climático”.
A Cámara autonómica aprobou así a posta en marcha dun Sistema de Xestión Ambiental para a súa incorporación ao sistema comunitario de xestión e auditoría medioambiental –Emas- dacordo coa normativa europea.